- Os recortes para 2018 para a pescada ibérica ou xurelo son “un novo capítulo no desleixo da UE cara a frota de pequena escala”, di
- A eurodeputada acusa á UE de executar unha distribución “que afonda na penuria dun sector que representa o 80% dos barcos galegos”
Bruxelas 13 de otubro 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ve no reparto dos Totais Admisibles de Capturas (TACs) para 2018 das especies pesqueiras do Atlántico e do Mar do Norte, acordado esta mañá en Bruxelas, unha mostra máis “do desleixo da UE cara a súa frota artesanal, de baixura e de pequena escala, que cada ano ten máis comprometido o seu futuro debido precisamente a topes de capturas cada vez máis exiguos malia que é este segmento da frota o que xera máis emprego nas vilas costeiras”.
O consello de ministros da Pesca da UE acordou recortar para 2018 TACs tan vitais para a frota como a pescada de augas ibéricas (-12%) ou o xurelo (-24%) e a anchoa (-20%) da zona IXa, ao sur de Fisterra. “Son en boa parte especies que sufriron recortes nos últimos anos, como é o caso da pescada, ou das que dependen gran cantidade de barcos, caso do xurelo capturado polos cerqueiros, que ademais teñen enriba a ameaza do peche da pesca de sardiña ibérica -que tamén afectaría moi gravemente ao sector artesanal do xeito- e unha rebaixa do 20% nas capturas da xarda”, lembrou Senra, membro da comisión de Pesca do Parlamento Europeo.
“Ano tras ano, o Consello fixa unhas toneladas de captura que afondan na penuria do sector artesanal e a pequena escala, que representa o 80% dos barcos galegos. Cada ano, polo tanto, os ministros de Pesca da UE deciden a asfixia da gran parte da frota do noso país facendo a vista gorda sobre o artigo 14 do regulamento da Política Pesqueira Común, que establece que os criterios socioeconómicos deben pesar no reparto de TACs. Non parece que esta UE pense niso ao fixar unhas posibilidades de pesca nas que sempre acaba gañando a gran pesca industrial en detrimento dos postos de traballo das nosas vilas pesqueiras”, lamenta a eurodeputada.
Ademais, Senra urxe a revisar o chamado “principio de estabilidade relativa”, un criterio “moi pouco transparente que consolida a inxustiza no reparto de TACs conforme a capturas históricas e que aboca a todo un sector á ruína”. “A mensaxe que a UE envía ano tras anos aos nosos mariñeiros e mariñeiras é a do abandono e non o podemos permitir. Senra sinala que “malia que a frota artesanal e de baixura é a máis selectiva e medioambientalmente sostible, cada decembro recibe a mala noticia dun novo recorte ou, no mellor dos casos, un pequeno alivio porque o recorte non foi tan drástico como propoñía a Comisión”.
Á situación da pesca artesanal e de pequena escala polos recortes acordados a escala comunitaria, Senra engade outros factores que “complican o día a día dos traballadoras e traballadoras do sector, como a obriga de desembarque, que non debería converterse nun custo adicional para os mariñeiros e mariñeiras”.
A eurodeputada chamou ao goberno do Estado, encargado de distribuír as cotas entre os segmentos de frota, a que as artes menores sexan prioritarias en dito reparto. “As baixadas que impoñen os gobernos da UE non poden pagalas as mariñeiras e mariñeiros da frota artesanal e de pequena escala cos seus postos de traballo”, recalcou.