- Xornada de intercambio e posta en común de análises e experiencias entre 20 organizacións que traballan pola defensa do patrimonio
- Recuperar a explotación sostíbel e a multifuncionalidade dos montes, as especies autóctonas e incidir na educación, medidas a aplicar
Bruxelas, 07 de Decembro de 2017. Logo de ter mantido a primeira hora da tarde unha xuntanza con representantes da Comisión Europea, as vinte organizacións desprazadas a Bruxelas para participar na xornada “Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización” organizada pola eurodeputada galega Lídia Senra desenvolveron un espazo de debate e intercambio de experiencias, “artellado como unha ferramenta para a posta en común dunha análise interseccional do problema da eucaliptización, de cara traballar conxuntamente no deseño de solucións e respostas resilientes a este problema que ameaza a nosa biodiversidade, e o noso patrimonio natural e cultural”, abondou a deputada do Grupo da Esquerda Nórdica – Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL).
Este espazo desenvolveuse ao redor de tres eixos temáticos principais: “A destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego. A problemática dos incendios” e “Artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.
No primeiro destes paneis, Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio, fixo fincapé en que a expansión sen límites dos eucaliptos está a provocar unha destrución masiva do patrimonio cultural, “de xeito moi destacado debido á industrialización do monte coa utilización de maquinaria pesada, a apertura de pistas para pasar esa maquinaria e para sacar a madeira, as remocións de terras para facer as plantacións… Esta situación, xunto cos lumes, están arrasando cun patrimonio cultural milenario”. Ademais, denunciou Miranda, “mentres que todo isto sucede, a Xunta e a Dirección Xeral de Patrimonio están desaparecidos; están, igual que os nosos xacementos, ocultos baixo unha densa e opaca capa de eucaliptos”.
Brais Álvarez, do Sindicato Labrego Galego, lembrou que precisamente moitas das construccións e infraestructuras que son hoxe motivo de estudo e conservación dende a perspectiva arqueolóxica e etnográfica están vinculadas á actividade labrega. Sen embargo, a día de hoxe, “somos dos territorios da UE con menor índice de superficie agraria útil e avanzamos a pasos axigantados na perda da biodiversidade”. No caso concreto do eucalipto, Álvarez destacou que a “colonización do territorio” operada por esta especie empeorou debido á aplicación da Política Agraria Común (PAC), “que penaliza a utilización dos terreos de monte, pastos arbustivos e con arboredo, que son o sustento de moita da cabana gandeira do país”. O voceiro do SLG, cualificou de “vital” o reprantexamento do actual modelo de produción forestal: “Debemos camiñar cara unha multifuncionalidade do monte. Hai que recuperar os espazos adicados á gandería extensiva, á produción de froito, especialmente a castaña, e ó establecemento de apiarios, que ademais contribúen notablemente á polinización”.
A segunda parte deste espazo, centrado en vincular a situación de desleixo da Xunta de Galiza con respecto ao patrimonio cultural galego ca problemática dos incendios foi encetada polo antropólogo e Doutor en Historia Buenaventura Aparicio Casado, especialista en arte rupestre e coordinador do Grupo de Investigación A Laxe da Irena. Na súa exposición, centrada na afección dos incendios e eucaliptos nos petroglifos galegos, chamou a atención sobre o feito de que, se ben Galiza conta cun dos conxuntos de gravados rupestres prehistóricos ao aire libre máis importantes de Europa, “o seu coidado e mantemento –responsabilidade do Goberno galego- non é o axeitado en moitos casos”. Os lumes son, segundo explicou Aparicio, a maior ameaza para os petroglifos, xa que “cando as rochas con gravados están arrodeadas de eucaliptos e piñeiros –árbores pirofitas- e dunha mesta matogueira, as altas temperaturas que se acadan cando se producen lumes provocan o descascado da superficie da pedra –termoclastia- e a perda ou grave deterioro das insculturas”. Esta desfeita aconteceu, por exemplo, coa vaga de incendios do 15 de outubro deste ano no importante complexo de As Tenxiñas.
Roi Cuba, en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (ADEGA), denunciou que o modelo forestal do Xunta de Galicia “está feito á medida dos intereses das celulosas, que son as únicas favorecidas polos monocultivos de eucaliptos”, ao tempo que é respaldado polo Partido Popular tamén dende o Goberno do Estado con controvertidas actuacións como a prórroga de 60 anos da concesión de ENCE na ría de Pontevedra. Este tipo de políticas de orientación económica están “convertendo o rural galego nunha reserva de madeira”, hipotecando o seu futuro e facéndoo vulnerábel aos lumes. “Cando se plantan eucaliptos en terreos agrarios, cando non se respectan as distancias coas poboacións e coas vías de comunicación, so fai falta unha faísca para facer do monte unha trampa sen saída”, alertou. Cuba destacou como reivindicacións principais trasladadas dende ADEGA ás administracións a moratoria para novos plantíos de eucalipto, a prohibición do Eucalyptus nitens, o propio cumprimento da lexislación de montes por parte das Administracións e a xestión sustentable dun monte multifuncional.
No último eixo, centrado na proposta de solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización, Rafael Quintiá, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), subliñou “a perda de patrimonio inmaterial que supón a perda do patrimonio material, nomeadamente cuestións vinculadas á toponimia e cultura oral”. Por outra banda, a modo de exemplo práctico de como avanzar nunha xestión multifuncional do monte explicou a proposta da Comunidade de Montes de Salcedo do Parque Etnoarqueolóxico de Salcedo, concibido como un espazo didáctico onde achegarse en plena natureza ao coñecemento da cultura e da historia do pasado do pobo galego. Xestionado pola propia comunidade de montes, trátase dun proxecto de creación “dun novo modelo de monte comunal polifuncional co obxectivo de artellar os potenciais do monte (económicos, culturais, naturais e de lecer) e todos o seu patrimonio (medioambientais e cultural) nun só macroespazo patrimonial, didáctico, deportivo e natural“.
Por último, Tania Gómez, da Asociación para o fomento do deseño sostible Kunterbunt, afondou na pertinencia de establecer redes para optimizar as estratexias de loita fronte á eucaliptización explicando as claves da plataforma de colectivos sociais Cousa de Raíces. Dende o ano 2014 máis de 60 entidades coordenan o seu traballo “a prol da defensa, conservación, divulgación e promoción do valor ambiental, económico, social e paisaxístico do monte”. Gómez cualificou de “hipócrita” a actuación do Goberno galego, “que pretende vender un modelo de turismo que se basea na imaxe do paraíso natural ao tempo que consinte ou mesmo impulsa, a depredación dos recursos naturais galegos”. Este modelo acarrea consecuencias concretas para a cidadanía, describíu, como o propio despilfarro de recursos, a perda de valores paisaxísticos e cultura agraria, de marcos culturais, patrimonio arqueolóxico… Fronte a esta situación, Tania Gómez puxo en valor a capacidade de actuación da cidadanía, articulada en proxectos colectivos como Cousa de Raíces para levar adiante “iniciativas de desenvolvemento sostíbel, activismo na defensa do medio natural e a denuncia da mala xestión forestal”.
Os tres paneis contaron tamén cun espazo para recoller as aportacións do resto de organizacións que participaron nas xornaas. Como premisa xeral defenderon que os montes deben cumprir funcións sociais e ecolóxicas ademais das produtivas; en defintiva, aplicar unha nova política forestal polifuncional e ecoloxicamente sostible que dignifique o futuro do noso territorio, actualmente ao servizo da depredación da industria madeireira e da celulosa.
A nivel concreto, entre as porpostas para avanzar na conservación do patrimonio arqueolóxico presente nos montes esixiron o establecemento de faixas de protección con exclusión das especies pirófitas a polo menos cincuenta metros de todo os castros, mámoas, petróglifos e outros bens de interese cultural. Demandaron ademais a activación dunha moratoria que paralice a expansión do eucalipto, a posta en marcha de programas públicos de educación e sensibilización centrados no valor e potencial do patrimonio cultural dos nosos montes, así como o desenvolvemento por parte da Xunta de Galicia das medidas ao seu alcance para protexer este patrimonio xa que, como salientaron moitas das intervencións, precisamente moitas das normas que protexen a biodiversidade e sostenibilidade están sendo incumpridas.