- A eurodeputada sinala a preocupación do sector artesanal galego ante a baixada dun 20% nas posibilidades de captura desta especie para 2018
- Senra alerta de que a supervivencia da frota de baixura está seriamente ameazada e con ela as economías locais das vilas mariñeiras galegas
Estrasburgo, 26 de Outubro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), alerta de que a baixada dun 20% das posibilidades de pesca da xarda para o 2018 no Atlántico Nororiental suporá “unha seria ameaza para superviviencia da frota de artes menores galega que pesca esta especie nas costas do Atlántico e do Cantábrico”. Esta baixada é froito do acordo asinado o pasado 11 de outubro en Londres pola UE, Noruega e as Illas Feroe para a xestión da xarda e, malia que aínda está pendente o reparto da cota entre as frotas de cada Estado Membro, “comprobamos que a frota artesanal sae ano tras ano mal parada dunha distribución que beneficia ás frotas máis grandes”, lamentou a eurodeputada.
“Cun 20% menos de posibilidades totais de pesca para a xarda e tendo en conta que a frota de artes menores galega recibe moita menos cota para o caladoiro do Cantábrico malia ter máis barcos que o País Vasco, que mensaxe de futuro se lle está enviando ao sector artesanal?”, pregúntase a eurodeputada. “As artes menores teñen que ser prioritarias no reparto da cota da xarda, porque esta especie é vital para a súa supervivencia económica. Se baixan os totais admisibles de capturas (TACs) un 20% esa baixada non pode pagala a pesca artesanal”, considera a eurodeputada.
Senra lembra que o Artigo 17 do regulamento da Política Pesqueira Común (PPC) establece que para asignar as posibilidades de pesca os Estados membros teñen que aplicar “criterios transparentes e obxectivos, entre outros, o impacto da pesca no medio ambiente, a contribución na economía local, así como incentivar aos buques que usen artes de pesca selectivas”. Estas condicións cúmpreassobradamente a pesca artesanal galega, sen embargo, “á hora de verdade as cotas estanse a repartir conforme a un criterio tan inxusto como os dereitos históricos, beneficiando ás grandes flotas industriais e ameazando a supervivencia das familias que viven da pesca e o futuro das comarcas costeiras do País”, criticou Senra. “E urxente traballar en propostas específicas para a pesca artesanal, de pequena escala e a pesca de baixo impacto, porque aplicarlle unha PPC diseñada a medida das grandes flotas solo trae como consecuencia a súa desaparición.”
Para a eurodeputada, o modelo actual de asignación de TACs e cotas non fai máis que consolidar “un modelo insostible que compromete o relevo xeracional e, polo tanto, o futuro do sector”, como xa defendeu en Bruxelas a principios deste ano no transcurso dunha xornada sobre as desigualdades na pesca e o impacto dos superarrastreiros e as pesquerías industriais no sector artesanal e de baixuraorganizada polo GUE/NGL, grupo político no que está integrada no Parlamento Europeo.
Á preocupación polo futuro reparto da cota de xarda para as artes menores súmase agora a incerteza á que se enfronta esta frota e, nomeadamente, o xeito, ante a recomendación do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES ) de que a sardiña ibérica xestionada polos estados español e portugués teña en 2018 “cota cero”.