- Representantes do sector denunciaron diante da CE as incongruencias da Política Pesqueira Común con respecto á pesca artesanal
- Máis de 9.000 persoas dependen directamente desta pesca na Galiza. A exclusión do sistema de cotas e desembarque, reivindicacións principais
Bruxelas, 20 de Febreiro de 2018. A iniciativa da eurodeputada galega Lídia Senra, integrante da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo en representación do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), tivo lugar na mañá de hoxe unha reunión entre representantes do sector pesqueiro artesanal e a Comisión de Pesca da Comisión Europea (CE).
“O obxectivo principal de esta xuntanza foi poñer enriba da mesa o impacto dos Totais Admisíbeis de Capturas (TAC), as cotas e a obriga de desembarque na pesca artesanal. Garantir que a voz do sector da pesca artesanal chegue directamente ás persoas que integran a equipa de traballo do Comisario Karmenu Vella e á DirecciónXeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros. Se se comeza a traballar para que a CE faga excepcións ca pesca artesanal nos TAC, cotas e desembarque avanzaremos moito para tentar garantir o seu futuro”, situou Senra.
Así, cas súas achegas o Patrón Maior da Confraría de Cangas, Francisco Javier Costa García; o mariñeiro de pesca costeira José Andrés Pousada Pérez e a Secretaria da Federación de Cofradías de Asturias, María José Rico Fernández, puxeron enriba da mesa problemas concretos que revelaron aHelene Clark, Maja Kirchner -ámbalas dúas da Dirección de Política Pesqueira, Atlántico, Mar do Norte, Mar Báltico e Rexións Ultraperiféricas– eBarbara Focquet -responsábel da coordenación das negociacións relativas aos TAC e cotas no Gabinete do Comisario de PescaKarmenu Vella- a total falta de adaptación da Política Pesqueira Común (PPC) á realidade da pesca artesanal.
“Hoxe viñemos trasladar as dificultades que ten as pesca artesanal na Galiza e en todo o Atlántico Noroeste. Vén un futuro de problemas moi graves, en grande parte relacionado co feito de que as políticas europeas aplicadas ao sector pesqueiro meten á pesca artesanal nun cadro que non se axusta á realidade”, introduciu o patrón de Cangas.
Javier Costa teno claro, tanto as cotas como a obrigatoriedade de desembarque de descartes -que entrará en plena vixencia a partir do 1 de xaneiro do ano 2019 no marco da PPC, Artigo N◦15– son as principais cuestións que están a por en entredito a supervivencia do sector, pero poden ser resoltas con unha medida concreta: “Queremos que a Unión Europea elimine o sistema de TACs e cotas para a pesca artesanal incidental nas augas interiores galegas. Así xa non teriamos tampouco o problema dos descartes. Con unha soa medida rematariamos con dous dos principais problemas para o futuro da pesca artesanal”, concretou. “Na Galiza, se se aplica a política de descartes de xeito estrito na pesca artesanal haberá barcos que van ter que parar, haberá barcos que van ter que despedir xente, haberá barcos que van ter que ser desguazados… Chegará un momento no que a pesca artesanal será desmantelada, sendo como é fundamental para todas as comarcas do litoral galego”.
Para Senra, “estas son cuestións que poden ser resoltas se realmente existe vontade política. Na reunión de hoxe tentamos facer comprender á Comisión Europea que hai medidas que se toman para as grandes frotas que acaban poñendo en perigo precisamente os modos máis sustentábeis e respectuosos de pesca, como é o caso da nosa pesca artesanal”.
Os barcos deste tipo de pesca teñen un máximo de 12 metros, polo que non contan ca capacidade de capturar grandes cantidades de peixe. “Somos unha pesquería selectiva, que vivimos de lotes, é dicir, collemos moi pouco peixe, peixe selectivo. Por iso somos unha pesca sostíbel”, explicou Costa. En base a esta característica, o Patrón Maior da Confraría de Cangas recalcou ás representantes da CE que é necesario buscar “solucións específicas” para este tipo de frota, que a pesca artesanal “merece” un trato distinto ao da pesca industrial: “Somos a frota que menos impacto ambiental temos, que menos contaminamos e que menos pescamos. Creo que se realmente a UE quere apoiar unha pesca selectiva e sostíbel, como tanto di, ten que recoñecer que é a pesca artesanal a que a está facendo, e actuar en consecuencia. O que hai que conseguir é unha sostenibilidade real dos recursos, que fagan cumprir o Artigo 17 da PPC, que apoien realmente a selectividade e a sostenibilidade da pesca artesanal. O problema é que o discurso público da UE vai por un lado e as leis van polo outro…”.
Nesta mesma liña se situouse a eurodeputada galega: “Pensamos que ten que haber un tratamento totalmente diferente para a pesca artesanal, que realmente a protexa. É totalmente contraditorio andar enarborando a bandeira da “pesca sustentábel” e da súa protección na PPC e logo aplicar unhas políticas que son tremendamente negativas”.
Ademais, para Senra, cuestións tamén como o actual reparto de cotas evidencia unha total desproporcionalidade e carecer dunha lóxica que poida ir mais alá da prevalencia dos intereses das grandes empresas: “Hoxe tamén puxemos sobre a mesa a tremenda inxustiza do reparto de cotas. Como é posíbel que á hora de repartir as cotas a frota artesanal, que é precisamente a máis sostíbel, sexa fondamente discriminada?”.
Máis información nas bases
O mariñeiro de pesca costeira José Andrés Pousada Pérez, situou ademais cuestións de fondo que gardan relación coparadoxo de que precisamente unha PPC que di apostar pola sostenibilidade sexa a regulamentación que está a por en risco o futuro do sector artesanal.
Unha delas ten que ver cas dificultades das bases sociais mariñeiras para participar no deseño das política pesqueira a tódolos niveis, que ademais no europeo está fortemente marcado pola asimetría existente entre a capacidade de influencia da pesca industrial e a falta de consideración da UE con respecto ás voces da pesca artesanal.“Hai unha sobrerepresentación dos intereses da frota industrial e discriminación total da pesca artesanal. Aquí quen manda en Europa son os lobbies, que son os que teñen xente en Bruxelas”, analizou.
Para este mariñeiro das Rías Baixas unha das cuestións estratéxicas que impiden que o sector poda loitar polos seus dereitos e reivindicar políticas pesqueiras acaídas ás súas necesidades é “a falta comunicación ca xente que vai ao mar por parte das persoas que teñen información das políticas pesqueiras que se están facendo a todos os niveis. Agochan a información nun caixón e logo, cando hai problemas, din que vén de Europa. Non nos enteramos de cando se fan as leis, que é cando se poden enmendar”.
No sector da pesca artesanal, abondou Pousada, “enterámonos das cousas cando temos o problema enriba, e logo cando queres protestar dinche, ‘non, a lei saíu fai catro anos, a onde vas agora’? Pero non é culpa do sector de a pé, que pasa todo o día no mar, é responsabilidade de quen ten o deber de nos informar. Moitas veces a Conselleira di ‘estivemos co sector’, pero eu pregúntome, con quen do sector? Con aqueles aos que logo vai dar subvencións para que estean calados?É indignante.”
A CE, aberta a continuar traballando co sector
A Secretaria da Federación de Cofradías de Asturias, María José Rico Fernández, partindo da reivindicación da estreita vinculación da pesca artesanal cas comunicades nas que radican os seus portos, reflexionou que da súa supervivencia “non so dependen milleiros de postos de traballo, senón todo un patrimonio cultural vinculado ao sector”. Para Rico na xuntanza de hoxe foi importante“transmirlle á Comisión Europea o que é realmente a pesca artesanal, máis aló dun papel, que o vexa con xente que traballa no mar. Sensibilizar á CE para ver se somos capaces de acadar un marco específico para a pesca artesanal”.
Así, subliñou, algunhas das problemáticas que están a causar as políticas pesqueiras xa veñen de lonxe, “porque xa a PPC leva catro anos aplicando o denominado ‘rendemento máximo sostíbel’, que ao que leva é a unha dobre penalización para a frota artesanal aplicando unha redución de cotas e obriga de desembarque para unha frota que non ten descarte, que lle van obrigar a descartar precisamente polo sistema de cotas”.
Á vista dosplantexamentos realizados durante a xuntanza, as representantes da Dirección Xeral de Pesca apuntaron a idea de que dende o sector se presente un informe, identificando problemas concretos e plantexando cales se consideran as solucións máis axeitadas. Neste sentido, a eurodeputada do GUE/NGL, se ben afirmou que a liña de traballo vai seguir sendo recoller as propostas dos sector para ir propóndoas dende o Parlamento, “a CE non debería trasladar a responsabilidade da diagnose e as solucións ao sector.”
“O problema é que logo cando se lle poñen solucións enriba da mesa, como eliminar o sistema de TACs e cotas para a pesca artesanal, non reaccionan. Neste momento hai unha resolución do Parlamento Europeo, con unha proposta clarísima e concreta no punto N°26 que vén de Galiza, que metimos nós, e que di textualmente “considera que a pesca artesanal incidental dentro das augas interiores dos Estados membros e as súas rexións debe quedar fóra del TAC”. Foi unha proposta que recollimos do sector, que presentamos en forma de emenda e que foi aprobada”, retruncou.