- A eurodeputada e candidata estivo hoxe pola mañá repartindo información do seu programa electoral na rúa Cardenal de Monforte, acompañada por outros membros da lista electoral europea
- Defende medidas para garantir a transparencia na Axencia Europea do Medicamento e na de Seguridade Alimentaria, que se aplique o Principio de Precaución sempre e se prohiba o glifosato e os disruptores endrocinos
CORTE AUDIO DECLARACIÓNS DE LÍDIA SENRA DE HOXE PINCHANDO AQUÍ
Monforte, 22 de maio de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea:Compromiso por Europa ás eleccións europeas do 26 de maio, estivo este mércores pola mañá en Monforte, repartindo información da súa campaña na rúa do Cardenal, en Monforte de Lemos, acompañada por outros membros da lista electoral.
En declaracións aos medios, Senra aproveitou para presentar as súas propostas en materia de saúde para o próximo mandato do Parlamento Europeo. A candidata defendeu que a sanidade ten que ser un servizo cen por cen público e no que se garanta unha atención de calidade. Para iso, é fundamental que os traballadores e traballadoras teñan unhas condicións laborais dignas e estables.
Senra defendeu que desde a UE se deben impulsar medidas para impedir conflitos de intereses e garantir a transparencia na Axencia Europa do Medicamento e na Axencia de Seguridade Alimentaria. Tamén reclama unha aplicación real do Principio de Precaución nas autorizacións dos pesticidas e nas substancias químicas. Ademais, considera prioritaria a prohibición do glifosato e que se efectivice a prohibición dos disruptores endocrinos en cosméticos, xoguetes e envases de alimentos antes de xuño do 2020. Que se impulsen empresas farmacéuticas públicas para garartir o acceso universal aos medicamentos, evitando que os sistemas públicos de saúde poidan ser reféns de intereses privados.
A eurodeputada e candidata tamén se reuniu a primeira hora en Monforte con membros da Plataforma en defensa do ferrocarril, para defender a necesidade de impulsar os trens de proximidade como medio de transporte público e vía para a loita contra o cambio climático e a diminución do uso do vehículo particular para o desprazamento de toda a poboación, non só da que vive nas cidades. Esta noite, Lídia Senra protagonizará un acto público electoral en Vilalba, ás 21.30 horas.