AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra advirte dos efectos nocivos das actividades de economía azul no futuro dos océanos

18 Maio, 2017 economía azul, GUE/NGL, hidrocarburos, Lidia Senra, oceános
  • A eurodeputada galega esixe unha gobernanza dos océanos que poña a protección dos caladoiros e ecosistemas por diante do lucro privado 
  • A europarlamentaria pide a paralización de todos os proxectos de prospeccións de hidrocarburos e minarías nos fondos mariños

petroleo-petrobras-plataforma-2003-size-598 

Bruxelas, 18 de maio de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), considera que as actividades que engloban a chamada “Economía Azul” promovida pola UE -como a acuicultura industrial, a minaría submarina ou as prospeccións de petróleo, entre outras- “van implicar un menoscabo social, económico e ambiental para a pesca artesanal e a pequena escala e comprometerán seriamente o futuro dos caladoiros e, en definitiva, dos océanos”. Estas preocupacións van recollidas nas emendas que a eurodeputada galega ven de presentar a unha opinión da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, da que é membro. Esta opinión do Parlamento Europeo contribuirá á Axenda polo Futuro dos Océanos no contexto dos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible de 2030, a poucas semanas de que se celebre unha conferencia de alto nivel da ONU sobre os océanos na cidade de Nova Iorque.

Para a eurodeputada galega, o impacto das actividades da Economía Azul que promove a UE deben centrar o debate sobre o futuro dos océanos e facelo dende unha perspectiva de protección dos caladoiros e ecosistemas fronte aos intereses privados de grandes multinacionais da minaría submarina, a explotación de hidrocarburos e a enerxía mareomatriz (mareas) e undimotriz (ondas). “A pesca artesanal e a pequena escala son sectores claves nas comunidades costeiras e garanten a soberanía alimentaria dos pobos, polo que deben ser protexidas fronte ao acaparamento a nivel mundial dos océanos para múltiples usos que acaban causando contaminación e afectando aos recursos pesqueiros”, sinalou. Por esta razón, Senra entende “que se deben paralizar todos os proxectos de prospeccións de hidrocarburos e minaría nos fondos mariños, como é o caso da mina Solwara 1, destinada a explotar xacementos de ouro e cobre en Papúa Nova Guinea, o primeiro gran proxecto de minaría nos fondos marinos e nunha zona hábitat de corais e numerosos cetáceos”. “Hai uns días coñecemos novos proxectos para a busca de hidrocarburos en augas do Gran Sol, un caladoiro no que tamén pesca a frota galega, e hai que ter presente que actividades coma estas serán sen dúbida graves, incertas e non atenderán a fronteiras”, engadiu a eurodeputada.

Senra, que se dirixiu recentemente á Comision Europea para preguntar pola incidencia destas actividades económicas sobre os recursos pesqueiros do Gran Sol, lembra que un recente estudo encargado pola Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre o impacto do Crecemento Azul na UE sobre as pesquerías a pequena escala recoñece que este amplo sector incrementará a presión polo espazo nos océanos, converténdose nunha causa potencial de conflitos, e que os impactos sobre o medio ambiente serán previsiblemente negativos, entre eles cambios nas dinámicas costeiras, contaminación mariña e impacto sobre o fondo mariño. No caso das pesquerías locais, o estudo admite que os efectos ambientais da Economía Azul serían negativos para a pesca en xeral e, en concreto, para a que se realiza a pequena escala ou o sector artesanal. No caso da acuicultura, o estudo sinala posibles impactos na costa derivados da introdución accidental de especies invasoras e do uso de químicos e antibióticos nas granxas.

“A vindeira conferencia da ONU sobre os océanos que terá lugar entre o 5 e o 9 de xuño en Nova Iorque será unha boa oportunidade de poñer sobre a mesa un debate que vai ser vital á hora de definir que océanos teremos no futuro e o porvir económico, social e medioambiental das nosas costas”, recalcou Senra. “Á hora de entender a situación dos mares e dos recursos pesqueiros temos que fixarnos na pesca, xa que é unha das principais actividades que se levan a cabo no mar, pero tamén pensar que a esta lle afectan gravemente outras actividades con moito impacto, como as que se propoñen na denominada Economía Azul, as políticas urbanísticas ou o transporte marítimo”.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Cordier-Senra&teams_290119

Lídia Senra demanda á Comisión Europea que a pesca artesanal quede fóra do novo Regulamento de control

29 Xaneiro, 2019
EmendasUE-MarrocosPesca031218

Novos acordos UE-Marrocos poderían obstaculizar as negociacións de paz co pobo saharauí

3 Decembro, 2018
Carta a Vella sobre o reparto de cotas de xarda_WEB

Senra pide á CE a carta coa que o Estado español xustifica a discriminación da Galiza no reparto de cotas

28 Novembro, 2018

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies