- A eurodeputada vota en contra da Iniciativa tratada na sesión sobre os desperdicios de alimentos, alegando que non servirá para reducilos
- Advirte que esta iniciativa fomenta o negocio da gran distribución e abre as portas a exencións fiscais para empresas doantes de alimentos
Estrasburgo, 16 de maio de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), defendeu este martes no pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, que “a fame non se combate con caridade, combátese con políticas que garantan renda e salarios decentes para toda a poboación”. Senra tomou a palabra no plenario, para explicar o seu voto en contra da ‘Iniciativa sobre o uso eficiente dos recursos: reducir o desperdicio de alimentos, mellorar a seguridade alimentaria’, que se abordou na sesión europea.
A europarlamentaria defendeu que votou en contra porque esta iniciativa “non servirá para reducir os desperdicios alimentarios”. “Continuará fomentando o negocio da gran distribución e da industria alimentaria, que terá máis alimentos dos que precisa e a baixos prezos, e daralles saída a través da doazón e do negocio da alimentación para os animais”, dixo. “Tamén abre as portas ás exencións fiscais para os doantes de alimentos (empresas) e a financiar con fondos públicos a recollida, transporte, almacenamento e distribución das doazóns”, denunciou.
Mentres todo isto se produce, Senra advertiu de que “o desemprego directo e indirecto continuará aumentando coa desaparición da agricultura labrega”. “E tamén continuará o aumento da pobreza e exclusión social e o gasto de enerxía”, xa que se vai usar enerxía en elaborar, transportar e comercializar alimentos, e en segunda volta, en convertelos en alimentos para os animais”.
Senra defendeu que, fronte a isto, as claves para combater a fame, a pobreza e a exclusión social serían, entre outras, “reducir a produción, regular os mercados, equilibrar a oferta e a demanda, fomentar a produción e os mercados locais, a venda en fresco e a granel, adaptar as datas de vencemento e reducir os embalados de longa duración”.