- A UE abriu un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento de dúas Directivas relativas á protección da infancia
- O traballo de denuncia dende o PE comezou no ano 2015 a través da xornada “O sesgo machista na xustiza”, xunto á organización AGAMME
Bruxelas, 28 de Xaneiro de 2019. O Estado español non está a protexer correctamente ás persoas menores de idade que se ven na situación de ter que facer parte dun proceso xudicial, nomeadamente como testemuñas. Así o vén denunciando dende o Parlamento Europeo a eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, dende que no ano 2015 acolleu en Bruxelas a xornada “O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza”, que aportou unha perspectiva multidisciplinar desta situación. Este evento celebrado no Parlamento Europeo contou, entre outras, cas análises de Estrela Gómez Viñas, coordenadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME); Rosa Fontaíña Pazos, coordenadora da Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo; Sonia Vaccaro, psicóloga experta en vitimoloxía e violencia de xénero e Lorena Garrido Jiménez, profesora e investigadora do Grupo Antígona, pertencente á Facultade de Dereito da Universidade Autónoma de Barcelona. As conclusións e retalorías, xunto cas xornada “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” foron editadas nunha publicación que viu a luz o ano pasado [PUBLICACIÓN].
Este encontro motivou ademais a presentación nos días seguintes dunha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea para alertar de que que no Estado español a miúdo a avaliación da declaración presentada por menores e as avaliacións psicosociais están sendo levadas a cabo por profesionais sen formación específica para tratar con nenas/os, adolescentes ou menores vítimas. Tamén con posterioridade a este encontro Senra apoiou á Asociación Galega contra o Maltrato a Menores e outras organizacións no rexistro dunha denuncia a través da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
A coordenadora de AGAMME, Estrela Gómez, voltou a Bruxelas en maio do 2017 para defender a súa petición diante do Parlamento e a Comisión Europea, explicando de que xeito estase a vulnerar no día a día no Estado español a Directiva 2011/93/UE, relativa á loita contra os abusos sexuais e a explotación sexual dos menores e a pornografía infantil, e a Directiva 2011/92/UE, pola que se establecen normas mínimas sobre os dereitos, o apoio e a protección das vítimas de delitos. A Comisión de Peticións decidiu entón enviar unha carta ás autoridades españolas solicitando máis información ao respecto, a fin de poder afondar na denuncia realizada.
Ao mes seguinte Lídia Senra celebrou unha segunda xornada no Parlamento Europeo, desta vez baixo a premisa “Unha xustiza adaptada á infancia: A consideración da voz das vítimas menores de idade”, coordenada en colaboración con AGAMME e a Rede Internacional para os dereitos da infancia Fight4 Child. Neste encontro participaron persoas especializadas no tratamento de nenos e nenas que se ven inmersos en procesos xudiciais por casos de abusos sexuais e malos tratos. Entre as súas reivindicacións, o inmediato cumprimento das directrices aprobadas no 2010 polo Consello de Europa sobre unha xustiza adaptada á infancia.
Pero o tempo vai pasando e o Estado español segue a eludir as súas responsabilidade nunha cuestión tan sensíbel como o tratamento das nenas e nenos en procesos xudiciais. O paso no que estamos agora é que a Comisión Europea decidiu enviar unha carta de emprazamento[1] ao Estado español por non aplicar as normas da UE contra o abuso e a explotación sexual de menores e a pornografía infantil (Directiva 2011/93/UE). “Non é a primeira vez que a UE amosa preocupación con respecto á transposición no Estado español das normativas europeas sobre protección de menores. No marco da defensa da petición realizada no PE no ano 2017 informóusenos ás deputadas/os de varias deficiencias concretas que a CE atopara xa neste sentido. Valga como exemplo o feito de que malia a que as disposicións da Directiva 2011/93/UE obrigan aos Estados a protexer a menores vítimas nas investigacións e procesos penais a través da fórmula adoptarán, a normativa española de trasposición das mesmas establece só a posibilidade (podrán)”.
A apertura deste expediente sancionador por parte da UE ao Estado español fíxose pública o pasado xoves, xusto un par de semanas despois de que a eurodeputada Lídia Senra dirixira unha nova pregunta escrita á Comisión Europea interesándose polo seguimento que este organismo se comprometera a realizar para garantir a correcta aplicación da Directiva 2012/29/UE.
“Estamos ante unha situación gravísima e que ademais vense denunciando reiteradamente dende distintos ámbitos. Temos que ser conscientes que son nenas e nenos quen están a sufrir as consecuencias. Por poñer un exemplo, precisamente os abusos sexuais a menores son un delito cunha taxa altísima de impunidade, máis do 60% destes casos son pechados na fase de instrución. Que tipo de Estado é aquel que non cumpre correctamente todas as medidas posíbeis para a protección da infancia? Hai que actuar inmediatamente, e un dos xeitos de facelo é garantir dunha vez por todas que todas aquelas persoas que traballan en institucións públicas con menores, dende escolas a hospitais, pasando polo ámbito da xustiza, ou os deportes, o lecer, etc. Todas, absolutamente todas, conten con formación específica e actualizada periodicamente en perspectiva de xénero e traballo con menores”, denuncia Lidia Senra.
A deputada galega estivo ademais durante estas últimas semanas en contacto ca Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a fin de actualizar información relativa á solicitude de información enviada por dita Comisión as autoridades españolas no ano 2017. “Sabemos que o Estado español non proporcionou información axeitada en resposta aos documento enviado ás autoridades, e que entre xullo e outubro do ano pasado a Comisión seguiu insistindo, sen obter respostas satisfactorias. Daí que finalmente se decidira abrir este proceso de infracción”.
[1] Este é o primeiro paso na apertura dun expediente sancionador. Pódese obter información sobre todos os pasos do proceso neste enlace: https://ec.europa.eu/info/law/law-making-process/applying-eu-law/infringement-procedure_pt