- Catro representantes de SOS Panadeira (Sanxenxo) denunciaron no Parlamento Europeo a desfeita provocada polo Real Club Náutico
- Hoxe dirixíronse á Comisión Europea a través dunha pregunta parlamentaria rexistrada por Alternativa Galega de Esquerda
Bruxelas, 24 Febreiro 2016. Na tarde de hoxe catro representantes do colectivo SOS Panadeira acudiron ao Parlamento Europeo (PE) convidadas por Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) para trasladar a situación que está a vivir a veciñanza de Sanxenxo en loita pola defensa das praias urbanas de A Iriña e A Panadeira.
Ditos areais están fortemente afectados polas ampliacións da entidade privada Real Club Náutico (RCN) de Sanxenxo, vinculada ao empresario Pedro Campos Calvo Sotelo, e ameazan con secuestrar para o desfrute privado estas dúas praias urbanas de grande valor ecolóxico e social. “Se non conseguimos parar isto, é moi posíbel que A Iriña-Panadeira teña a desgraza de se converter na primeira praia privatizada de Europa”, alertan dende SOS Panadeira, unha exacerbación da privatización dos bens comúns que, lamentabelmente, é xa habitual noutras latitudes.
O colectivo veciñal SOS Panadeira leva anos denunciando o emprego de fondos públicos para financiar a ampliación dun negocio privado, o Real Club Náutico de Sanxenxo, a costa do deterioro irreversíbel de bens de carácter público e interese social, co consiguiente perxuício para as demais persoas.
E é que o trasfondo da batalla desigual entre o RCN e a veciñanza de Sanxenxo “é poliédrica”, trasladaron á eurodeputada de AGEe Lídia Senra na tarde de hoxe, “o impacto negativo sería tanto a nivel ambiental, como económico, social… até chegarmos á loita de fondo: que un ben común como son estas praias non sexan acaparadas para o ocio de círculos exclusivos e podan seguir sendo desfrutadas por toda a cidadanía”.
Froito da xuntanza mantida ca eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), rexistroute hoxe mesmo unha pregunta parlamentaria[1] para poñer en coñecemento da Comisión Europea esta situación.
Asemade, “habida conta das múltiples e diversas consecuencias que están a ter as obras de ampliación realizadas polo RCN, hoxe establecemos as pautas para elaborarmos tamén unha batería de preguntas que iremos remitindo á Comisión Europea a fin de dotala dun coñecemento completo e exhaustivo desta problemática e coñecer a súa valoración”, explicou Senra.
De xeito complementario, SOS Panadeira acordou proceder ao rexistro desta denuncia a través da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, para o que contará co seguimento de AGEe no Parlamento Europeo durante todo o procedemento.
Xunto a SOS Panadeira, o propio Concello de Sanxenxo, o Colexio Oficial de Biólogos e mesmo a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor amosaron a súa oposición a este proxecto que, ademais, incumple o Plan de Utilización de Espazos Portuarios de Sanxenxo e o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia e, por se fora pouco, foi construído sen previa declaración de impacto medioambiental.
[1] Adxunta.