AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Senra insta á UE a “mollarse” e a tomar conciencia de que a vespa velutina é “un problema europeo”

26 Febreiro, 2016 acordos comerciais, actividades, AGEe, agricultura, benestar animal, bruxelas, economía rural, libre mercado, Lidia Senra, OMC, Organización Mundial do Comercio, PAC, políticas públicas, SLG, soberanía alimentaria, sustentabilidade, transxénicos
RdP260216_Asorey e Senra
Xesús Asorey (AGA) e Lídia Senra (AGEe) na presentación das xornadas en Compostela

 

 

  • A eurodeputada presentou co Secretario Xeral de AGA a xornada “Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa”
  • Desde 1994, debido á proliferación de insecticidas neonicotinoides, o índice de mortalidade das abellas incrementouse do 10% ao 30%

Compostela, 26 Febreiro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), instou hoxe pola mañá ás institucións da Unión Europea a que “se mollen” e “tomen conciencia” de que a praga da vespa velutina é un “problema europeo”, non só dun Estado ou dun país, xa que afecta a moitos deles, e débense poñer en marcha “medidas conxuntas xa para batallala”.

Así o asegurou Lídia Senra en Santiago de Compostela, onde ofreceu unha roda de prensa, acompañada por Xesús Asorey, Secretario Técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), para presentar a xornada “Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa”[1], que terá lugar no Parlamento Europeo o vindeiro 3 de marzo, co obxectivo de debater sobre a afección da vespa velutina e os efectos dos pesticidas neonicotinoides nas abellas e explorar a necesidade de deseñar novas políticas para preservar as abellas en Europa.

A eurodeputada galega enmarcou a proliferación da vespa velutina nas dinámicas que se están vivindo nos últimos anos en toda a UE, que inclúen a aparición de novas enfermidades e de novas pragas derivadas da globalización e do cambio climático. Neste sentido, defendeu a importancia de que a loita que están levando a cabo asociacións e apicultoras e apicultores en Galiza para facerlle fronte a esta praga chegue ao Parlamento Europeo. Senra destacou que na xornada do 3 de marzo en Bruxelas participarán asociacións “que están loitando case en solitario e de maneira heroica contra a vespa”.

Pola súa banda, Xesús Asorey, Secretario Xeral de AGA, asegurou que a praga da vespa velutina é o máis recente indicio da perigosidade na que se atopa a día de hoxe o medio. “Antes viñeron outras pragas e máis que virán”, dixo. Así, explicou como a partir do ano 1994, tras o inicio do uso dos chamados insecticidas sistémicos elaborados polas multinacionais agroquímicas, a taxa de mortalidade en Galiza das abellas pasou de estar en ao redor do 10% ao 30%.

“As abellas son observadoras do que acontece no medio, son a punta do iceberg, termómetros da saúde, e co seu comportamento estannos a dicir a situación de perigosidade na que nos atopamos”, xa que “nun medio enfermo non pode haber abellas sanas”. Así, nos últimos anos, ademais da praga da velutina asistimos a un cambio total dos ciclos de floración nas prantas. “Este ano en Galiza houbo zánganos todo o inverno, algo nunca visto e que atenta contra a bioloxía dos insectos”, derivado do cambio climático, denunciou, un “cambio que se acelerou tanto nos últimos cinco anos que de seguir así vai ser máis que alarmante”.

A solución para frear a circulación de pragas por todo o mundo pasaría, en opinión de Asorey, por “controlar a globalización e o uso de insecticidas tan daniños que están no mercado”. En efecto, xa hai informes médicos e científicos que aseguran que o uso dos insecticidas neonicotinoides están afectando á saúde das persoas. “Hai que ir directamente a unha prohibición deles e facelo xa, canto antes, sen agardar máis”, asegurou. Xesús Asorey apostou por defender unha alimentación saudable en toda a sociedade, valorizando os produtos dos abellas como beneficiosos. “Se a Unión Europea segue promovendo a agricultura intensiva con subvencións, non haberá maneira de frear este modelo, hai que cambiar as políticas”, dixo. Nos últimos anos, ao redor dun 30-40% dos polinizadores desapareceron e a biodiversidade está diminuindo a marchas aceleradas.

Desde AGA, vendo que “as Administracións non poñían o mono de traballo”, decidiron poñer en marcha todo un programa para loitar contra a vespa velutina. Baseándose na experiencia de Francia, decidiuse apostar en Galiza por activar un plan para capturar as abellas raíñas fundadoras cando están invernando, xa que cada raíña que se capture será un niño que se evite de cara ao verán. Así, en colaboración cuns 300 apicultores e apicultoras de toda Galiza, esta primavera colocaranse unhas 3.000 trampas na zona costeira galega para as abellas raíñas velutinas.

Será en 171 concellos galegos afectados e os datos deste plan serán comunicados á Universidade de Vigo para poder estudar a súa repercusión. O obxectivo é capturar 30.000 raíñas, co fin de artellar un plan de choque que tería efectos inmediatos na praga actual. Pola súa banda, a Universidade de Vigo investigará novas trampas e produtos atraentes que xa hai no mercado e que se poden fabricar a nivel caseiro para frear a proliferación da velutina.

Desde AGA esíxenlle á UE que se poña a investigar xa esta praga que afecta a toda a cornixa cantábrica, Portugal, Francia e Sur de Inglaterra e que seguirá expandíndose. “A Unión Europea ten que poñerse a traballar e ser un centro de referencia na loita contra a velutina”, exclamou Asorey, xa que “se non hai maior investigación, non poderemos combater este problema”.

Igualmente, Asorey tamén lle pediu á Unión Europea que se activen indemnizacións. “En toda a Galiza costeira, sobre todo na Mariña lucense, hai apicultoras e apicultores que quedaron case sen abellas. Débense dar axudas por estas perdas e para poder trasladar colmeas e comezar de novo. Para iso, a UE ten que declarar a vespa velutina praga”, reclamou.

Asorey aproveitou tamén para denunciar a descoordinación que neste tema hai non só a nivel da Unión Europea senón tamén a nivel galego. “A Xunta de Galiza ten que poñerse á fronte e coordinar un plan de choque efectivo”, zanxou.

 

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Marzo 2026
M T W T F S S
« Mai    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies