- A eurodeputada recalca que a decisión do TXUE sobre o Acordo de Pesca UE-Marrocos require a saída da frota europea das augas saharauís
- Considera inadmisible que a UE tolere a explotación de recursos dun territorio recoñecido como “ocupado” polo Dereito Internacional
Bruxelas, 28 de febreiro de 2018. Lídia Senra, representante do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo considera que a sentenza anunciada onte polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que establece que o Acordo de Pesca asinado en 2006 entre a Unión Europea e Marrocos non é aplicable ao Sáhara Occidental, “debe supoñer a saída dos barcos europeos que operan nas augas saharauís ao abeiro deste acordo”. A eurodeputada galega chama ás autoridades comunitarias a “facer cumprir a sentenza sen ambigüidades”e a “non seguir amparando a explotación duns recursos que non forman parte da zona de pesca marroquí”.
A decisión do TXUE cobra especial importancia nun momento no que están comezando as negociacións para renovar o acordo de Pesca en vigor entre a UE e Marrocos, que vence o próximo mes de xullo. Arredor do 70% das licencias outorgadas á frota europea en virtude do mencionado convenio refiren a augas saharauís.
“A propia decisión do TXUE que acabamos de coñecer di que incluír o territorio do Sáhara Occidental no ámbito de aplicación do Acordo de pesca conculcaría determinadas normas de Dereito Internacional xeral que son de aplicación ás relacións da Unión co Reino de Marrocos, en especial o principio de autodeterminación”, recalcou a eurodeputada galega. “Como xa fixera en xaneiro o avogado xeral da UE, esta sentencia volver darlle a razón ao pobo saharauí ao dicir que o Acordo de Pesca entre a UE e Marrocos é valido, pero que en ningún caso é aplicable ao Sáhara Occidental. Por iso entendemos que non teñen lugar chamadas a reforzar acordos como este, nin louvar a cooperación estratéxica entre a UE e Marrocos, como fixo onte a Alta Representante da Unión para Asuntos Exteriores e política de Seguridade, Federica Mogherini, sen dedicar unha soa palabra á sentenza que exclúe as augas saharauís da aplicación do acordo pesqueiro”.
A explotación dos bancos pesqueiros do Sáhara Occidental é un exemplo máis da explotación ilícita dos recursos deste territorio coa colaboración das autoridades comunitarias, como o é tamén a exportación dos fosfatos saharauís polo Reino de Marrocos. Unha explotación ilícita que Marrocos intentou agochar, sen ir máis lonxe, prohibindo a entrada dun grupo de eurodeputados, entre eles a propia Senra, a El Aaiún no curso dunha visita a colectivos e activistas saharauís.
Cabe lembrar tamén que xa en decembro de 2016, outra sentenza do TXUE declarou que o Acordo de Asociación de 1996 e o Acordo de liberalización en materia de produtos agrícolas, pescado e produtos de pesca de 2012 non podían aplicarse ao Sáhara Occidental.