AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Senra critica en Viena a responsabilidade da UE na destrución dos dereitos humanos e sociais

23 Novembro, 2018

 

  • O GUE/NGL celebra hoxe en Austria unha xornada de intercambio e debate con forzas políticas e sociais da esquerda
  • Facer fronte ao auxe da extrema dereita e ao retroceso en materia de dereitos humanos e liberdades civís, puntos clave da axenda de traballo

Bruxelas,  22 de Novembro de 2018. O Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) está a participar durante todo o día de hoxe en Viena nunha xornada de traballo conxunto con representantes de partidos e organizacións da esquerda austríaca, país que ostenta arestora a presidencia do Consello Europeo. A delegación desprazouse dende onte a Austria, onde participaron nun evento conxunto con Attac, o Partido Comunista e activistas a favor dos dereitos das persoas migrantes baixo o lema “A responsabilidade da esquerda europea”.

Para a eurodeputada galega Lídia Senra, postas en común como a de hoxe en Viena ou a realizada o pasado outubro en Polonia son importantes porque as forzas políticas da esquerda europea viven un momento no que “urxe presentar alternativas políticas críbeis ao que propón a extrema dereita”. Neste sentido, analiza, “é crucial ir á raíz do problema. Temos que mudar o modelo económico capitalista neoliberal polo que está a apostar Occidente e a UE. O sistema actual vai contra as persoas e contra a Natureza, esixe a destrución dos medios de vida das persoas pobres para manter o estilo de vida insostíbel das clases máis favorecidas dos países ricos”.

O marco de debate da xornada de hoxe céntrase na análise de posíbeis estratexias a través da cales  facer fronte ao aumento das políticas públicas que criminalizan ás persoas migrantes, pero tamén abarcará a actual degradación dos dereitos e liberdades no contexto austríaco e europeo, nomeadamente o aumento da vulnerabilidade das traballadoras e traballadores, o deterioro das institucións democráticas ou as ameazas cada vez maiores ás que se está vendo sometida a liberdade de prensa nos Estados membro da UE.

A axenda de traballo estase a estruturar arredor de catro eixos principais. Un primeiro panel analizou as claves do auxe das forzas políticas da extrema dereita e das políticas contra as persoas migrantes. Ademais das deputadas e deputados do GUE/NGL, participaron o publicista e político Peter Porsch; a xornalista Nina Horaczek e o blogueiro Martin Konecny (Mosaik-blog.at), e Gabriele Michalitsch, profesora da Universidade de Viena.

A continuación un segundo bloque de debate centrouse nos dereitos das traballadoras e traballadores e a loita polas políticas sociais. Xunto ca deputada galega, participaron neste espazo Markus Stromeier, da Federación de Sindicatos Austríacos  ÖGB; Can Gülcü da UNDOK, organización que apoia ás persoas que traballan en Austria sen documentos informándoas dos seus dereitos; Katerina Anastasiou, activista polos dereitos das persoas migrantes e Herbert Fuxbauer, do Partido Comunista de Austria.

Na súa intervención a eurodeputada galega criticou duramente a liña política da UE, subliñando que “mentras moitas persoas teñen esperanzas en que a UE vai defender os dereitos das traballadoras e traballadores, as institucións europeas fan todo o contrario, impoñendo reformas que destrúen os dereitos laborais ou, como estamos a ver nestes últimos meses, tratando de debilitar os sistemas públicos de pensións”. Senra lembrou tamén que as institucións comunitarias son cómplices do deterioro dos sistemas públicos de saúde, como aconteceu ca imposición do copago sanitario no Estado español. De feito, argumentou, “as políticas autoritarias e xenófobas dalgúns Estados membro que tanto nos preocupan están exactamente na mesma liña que as políticas europeas, só que as disfrazan cunha retórica distinta”.

En clave autocrítica reiterou tamén que “a esquerda europea non pode permitir que existan as alarmantes taxas de pobreza actuais”. Unha ferramenta útil neste sentido, lembrou, sería a aprobación dunha renda básica universal europea. “Non nos podemos deixar enganar, as economías “verde” e “azul” que están a propor as institucións comunitarias non van xerar tantos postos de traballo como para compensar os que se están a destruír en termos xerais, e esta situación vaise ver empeorada pola robotización e a intención de ampliar a idade de xubilación nos Estados membro”.

Entre as propostas apuntadas por Senra, a galega quixo destacar a importancia de “non dar nin un paso atrás na loita polos dereitos humanos e sociais, non podemos retroceder no conseguido até agora logo de tantos anos de loita e sacrificios das clases populares. E, por suposto, non podemos permitir que ningunha persoa ao chegar ao final da súa vida laboral entre na pobreza.”

Xa durante a tarde, as deputadas/os do GUE/NGL proseguirán a xornada debullando os desafíos que enfronta a esquerda no seu rol con respecto futuro da UE no marco das vindeiras eleccións, así como as cada vez máis habituais situacións de control político sobre as institucións democráticas e os medios de comunicación.

 

WhatsApp Image 2018-11-23 at 12.02.43
Espazo de traballo do GUE/NGL en Viena
anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Xullo 2025
M T W T F S S
« Mai    
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies