AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Sae á luz o libro ‘O futuro das pensións’ para informar e poder frear o desmantelamento do sistema público

7 Decembro, 2018 GUE/NGL, Lidia Senra, modepen, pensións, PEPP, seguridade social, victoria portas, xabier perez davila, xubilación

Lidia Senra, entre Victoria Portas e Xabier Perez Davila, hoxe na rolda de prensa

  • Lídia Senra edita a publicación gratuíta, en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal, con textos de 15 persoas expertas nesta materia na UE

  • Chamamento a retirar o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais e a blindar no Estado e na Galiza servizos sociais suficientes, non de subsistencia

Santiago, 7 de decembro de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acompañada pola portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e integrante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), Victoria Portas, e polo escritor e economista Xabier Pérez Davila, presentaron este venres pola mañá na Libraría Couceiro de Santiago o libro ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’. A publicación, cuxa versión impresa se repartirá e forma gratuíta por toda Galiza e cuxa versión dixital está xa dispoñible na páxina web da eurodeputada1, recolle textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do Estado español e doutros países da UE, que participaron no pasado mes de setembro nunha xornada organizada por Senra en Compostela sobre esta cuestión2.

Na rolda de prensa desta mañá, a europarlamentaria incidiu na importancia de facilitar que estes textos saian á luz e criticou a “dobre moral” da UE e dos Estados membros: A UE di que non ten competencias en materia de Seguridade Social para blindar os sistemas de pensións públicos e dignos, á vez que ameaza aos Estados membro para que recorten o gasto orzamentario en materia social e impulsa o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP) e os Estados din que reducen os investimentos nos servizos públicos e nos sistemas de pensións públicos porque están condicionados pola UE. “Estanse impoñendo reformas de pensións que conlevan o desmantelamento do sistema público tal e como o coñecemos, en detrimento de establecer mecanismos que garantan que as persoas cando se xubilen non entren na pobreza como xa está acontecendo”, denuncia Senra.

Así, asegura que as institucións europeas parten do recoñecemento de que as pensións públicas son cada vez menores e máis insuficientes e ante iso, en lugar de poñer medidas que solucionen e corrixan esta situación, poñen en marcha o PEPP que vai favorecer os intereses do capital por riba dos das persoas. “Para nós este PEPP debe ser retirado. Facemos un chamamento para que cando chegue ao pleno do Parlamento Europeo se rexeite por maioría e no seu lugar se poña en marcha unha normativa europea para garantir pensións dignas públicas para todas as persoas”.

Na mesma liña, Victoria Portas destacou que o libro que hoxe se presentou “chega nun bo momento”, xa que non está chegando información veraz á poboación sobre o que está acontecendo co desmantelamento do sistema público de pensións no Estado español e do resto da UE. Ante esta situación, o libro aspira a poder informar á xente para que a cidadanía poida valorar a situación e mudar os acontecementos. Portas denunciou que na Galiza o soldo medio galego rexistra unha fenda do 27% con respecto á media estatal e se falamos das pensións, as galegas son un 38% inferiores con respecto á media no Estado. “Precisamos uns orzamentos sociais a nivel galego e tamén estatal”, reclamou a portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, que lle advertiu á Xunta que ten competencias suficientes para poder complementar a normativa do Estado español na materia e mellorar a situación. “O que pasa é que Feijóo non quere facelo”, dixo. Así, reclamou levar a cabo outra política e ter moi en conta que o país non se crea sobre pobreza e miseria. “Reclamamos uns servizos sociais que sexan suficientes, non de subsistencia”, dixo, ante a situación actual na que se está impoñendo a perda dos servizos sociais públicos para beneficio da banca privada.

Xabier Pérez Davila fixo referencia a como no ano 1994 o Banco Mundial publicou un relatorio no que propoñía substituír o sistema público de pensións por modelos privatizados e vaticinaba o colapso do mesmo. Desde aquela, non hai trimestre no que non se publiquen vaticinios catastrofistas, que sen embargo non se cumpren. Por que se fai isto? O obxectivo é amedrentar á xente nova, considera o economista. “Queren gravar a lume nos cerebros da mocidade que non van cobrar unha pensión e nós queremos dicirlles que si que a cobrarán se a defenden, que non é un problema económico, senón político”, asegura.

Pérez Davila explicou que a día de hoxe máis da metade das horas extra non se pagan e non cotizan á Seguridade Social e que a reforma laboral de 2012 baixou os salarios en 42.000 millóns de euros. Esa reforma rouboulle aos traballadores e traballadoras 42.000 millóns de euros, que se cotizaran á Seguridade Social compensarían unha parte importante do déficit. Polo tanto, o que hai que mudar é o deseño da política económica actual, que responde aos intereses dos bancos, que queren aproveitarse do nicho que supoñen os fondos de capitalización, defendeu. A recadación fiscal no Estado español é moi baixa. A media da UE é do 55% do PIB e no Estado español é do 37%, uns 80.000 millóns de euros, que serían máis que suficientes para compensar, dixo.

O libro será presentado en diferentes actos públicos por librerías e outros locais de toda Galiza nas vindeiras semanas.

_____________________

1A versión dixital do libro pódese consultar aquí:

https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/11/Libro-O-futuro-das-pensions-na-Galiza-Estado-espa%C3%B1ol-e-Europa.pdf

2 Aquí información sobre a xornada que tivo lugar en setembro:

https://lidiasenra.gal/alianza-europea-desde-galiza-na-defensa-dos-sistemas-de-reparto-que-financian-as-pensions-publicas/

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies