- Lídia Senra considera que o principio de estabilidade relativa na asignación de cotas acaba con postos de traballo no sector
- A eurodeputada lamenta que as frotas artesanais e de baixura, que son o 80% dos barcos galegos, resultan sempre prexudicadas polo reparto
Estrasburgo, 14 dedecembro de 2016.Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), considera que o reparto das cotas límites de captura (TACs) acordados esta madrugada en Bruxelas polos ministros de Pesca da UE confirman a discriminación que ano tras ano sofre a frota galega, o primeiro país pesqueiro da UE, debido “a un reparto das posibilidades de pesca que aboca á ruína ao sector e o futuro das comarcas pesqueiras galegas”.Os límites aplícanse ás principais poboacións de peixes de interese comercial no Atlántico e do Mar do Norte e das pesquerías internacionais nas que operen buques da UE.
Aprobados os TACs para as diferentes zonas de pesca e especies no vindeiro 2017, que supoñen, entre outras, unha baixada moi considerable das posibilidades de pesca do xurelo do Cantábrico (dun 23%) ou do rapante (dun 15%), Lidia Senra volveu chamar a atención sobre as consecuencias socioeconómicas dunha decisión que non ten en conta a capacidade pesqueira de Galiza. “A fixación dos TACs non pode converterse nunha ruína para o sector nin poñer en risco postos de traballo. Hai que primar un reparto que atenda a criterios socioeconómicos, tal e como establece o artigo 14 da Política Pesqueira Común (PPC), xunto á contribución á economía local e aos criterios medioambientais”, pide a eurodeputada.
O coñecido como “principio de estabilidade relativa”, que se aplica dende os anos 80 para repartir os TACs en forma de cotas de pesca entre os Estados membros en función das súas capturas históricas, “discrimina á frota galega e debe ser revisado”, esixe Senra. Como consecuencia da aplicación deste principio, algunhas frotas da UE reciben máis cota da que poden consumir mentres que a galega, e moi especialmente a artesanal e de baixura, a duras penas pode garantir a súa actividade malia representar o 80% da frota de Galiza.
“O sector artesanal e de baixura teñen que poder vivir da súa actividade”, reivindica Lidia Senra, que no pasado mes de setembro reuniu en Bruxelas a unha vintena de representantes do sector artesanal galego nun seminario no que se analizou como a concentración das cotas nas mans da gran industria provoca o desmantelamento da parte do sector máis selectiva e de menor impacto medioambiental para os recursos pesqueiros. Ademais, a eurodeputada ve no prezo do peixe “outro factor importante” para o porvir do sector. “A pesca precisa uns prezos dignos que remuneren o traballo de forma adecuada, porque do contrario a cota será sempre escasa e o futuro dos recursos pesqueiros correrá perigo”, defendeu.