- Denunciaron o emprego de fondos da UE para plantar eucaliptos mesmo en espazos protexidos, mentras a Xunta mira para outro lado
- Alertaron de que na Galiza os eucaliptos ocupan as cabeceiras dos ríos e impiden prosperar ao bosque autóctono, reducido xa ao 10%
Bruxelas, 07 de Decembro de 2017. SOS Arte Rupestre Galega, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Antropolóxica Galega, Colado do Vento, Cousa de Raíces, Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, Adega, Asociación Nordés, Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, colectivo A Rula, Asociación Mariña Patrimonio, Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo, o Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña, Eira da Xoana e Agroqueer, entidades participantes na xornada “Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización”, organizada pola eurodeputada do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, trasladaron esta tarde á Comisión Europea algunhas das claves da situación de risco na que se atopa o patrimonio cultural e natural albergado nos nosos montes.
Myriam Dumortier, da Unidade de Biodiversidade da Dirección Xeral de Medio Ambiente, e Alejandro Ramilo, da Unidade Europa Creativa -programa marco da CE para o apoio do sector cultural-, foron informadas de que o desleixo da Xunta de Galicia e a súa conivencia ca industria forestal-celulosa “están a provocar unha catástrofe ecolóxica e cultural que está a sufrir Galicia e, en consecuencia, Europa”, recalcaron. A Comisión Europea non debería tolerar nin ser permisiva co sistemático incumprimento do Goberno Galego da normativa existente ao respecto do patrimonio arqueolóxico e natural, incidiron as voceiras e voceiros que interviron nesta xuntanza. Hai patrimonio arqueolóxico catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), “que deberían ser tan protexidos como a Catedral de Santiago”, pero o Goberno galego non está a respectar nin sequera a súa propia lexislación en materia de protección.
Neste senso demandaron que se extreme a vixilancia e inspección con validación de resultados, especialmente no que se refire á xestión de fondos comunitarios: “Parte das axudas económicas europeas, por exemplo da FEADER, están sendo empregadas para plantar eucaliptos”, exemplificaron, “estanse plantando eucaliptos nas cabeceiras e beiras dos ríos e até na Rede Natura”. “Temos grande parte do noso territorio eucaliptalizado, os incendios deste ano puxérono en evidencia e o cambio climático fai o problema cada vez máis agudo”, expuxeron ao tempo que chamaron a atención sobre o feito de que o carácter inflamable das follas dos eucaliptos pon en perigo calquera tipo de prevención.
Ademáis, relataron, hai estudos que demostran que os eucaliptais diminúen a biodiversidade da fauna, deterioran o solo… “Na Galiza tan só o 10% do bosque é autóctono, o eucalipto esta bloqueando a sucesión natural e impide prosperan os nosos bosques, polo que estamos falando de que a eucaliptización está afectando directamente tanto ao noso patrimonio arqueolóxico como ao natural”.
Dumortier e Ramilo foron interpelados directamente tamén sobre a posibilidade de levar adiante medidas a nivel europeo “para que a industria do eucalipto deixe de destruír o patrimonio galego e, xa que logo, europeo”. Ámbolos dous representantes agradeceron a posibilidade de coñecer directamente a situación en Galiza, -se ben para Ramilo era xa algo coñecida ao ser el tamén galego,- e comprometéronse a elevar a análise presentada polos colectivos galegos aos departamentos da Comisión Europea competentes tanto no eido da protección medioambiental como no cultural. Neste último ámbito Ramilo incidiu tamén na posibilidade que se abre no ano 2018, ao ter sido este declarado Ano Europeo do Patrimonio Cultural, xa que se prevé que haxa varias actuacións dirixidas expresamente ao patrimonio arqueolóxico en perigo.
A eurodeputada galega confirmou que realizará seguimento e estará en contacto cas representantes da CE que acudiron a participar neste encontro. “Aproveitaremos ademais a excelente oportunidade que se abre o ano que vén, xa que a mirada das institucións europeas vai ser especialmente sensíbel cara a protección do patrimonio, o cal agardamos que propicie un espazo óptimo para incidir cas nosas reivindicacións dende a Galiza”, abondou Lídia Senra.