- “Os tratados de libre comercio só favorecen ás grandes empresas e provocan a desaparición das pequenas e medianas explotacións”, dixo
- A eurodeputada ofreceu este sábado no Centro Social A Chave das Noces unha charla sobre alternativas para a supervivencia do agro
Lugo, 27 febreiro 2016. Lídia Senra ofreceu este sábado pola tarde unha charla no Centro Social A Chave das Noces, no Antigo Camiño Ancho de Castroverde (Lugo), baixo o título “A soberanía alimentaria: plantexamentos alternativos para a supervivencia do agro”, dentro das xornadas “Febreiro, Fervedeiro”.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) defendeu o dereito dos pobos a alimentarse a si mesmos fronte ás políticas de libre comercio e de apertura de fronteiras e mercados que está impulsando a Unión Europea para favorecer os intereses das grandes multinacionais, algo que, explicou, “deixa fora do xogo ás pequenas e medianas explotacións agrarias e á pesca artesanal e o marisqueo, levándoas á súa desaparición”.
Senra apostou por impulsar unha política na que se recuperen as parroquias, as aldeas, na que se diversifiquen as producións fronte ao monocultivo e na que cada país teña o dereito a producir os seus propios alimentos básicos. “Falar de soberanía alimentaria é falar de moito máis que de alimentarse, é tamén poder reanimar o rural e a costa e na medida en que se recuperen os sectores produtivos básicos, o agro e a pesca, imos ser capaces de xerar máis postos de traballo no país, a soberanía alimentaria tería consecuencias positivas en todo o tecido social galego”, reivindicou. “No contexto de crise actual, recuperar os sectores produtivos básicos sería unha fonte de emprego moi importante e de desenvolvemento do país en base a nós e ás nosas necesidades”.
Lídia Senra reiterou que “facer a compra hoxe en día é un acto político dunha magnitude enorme”. Así, chamou a exercer a capacidade de decidir e valorar a parte do orzamento familiar que se quere dedicar á alimentación e a apostar polos mercados locais e os produtos producidos na contorna próxima a onde van ser consumidos, fronte á competencia da globalización e das grandes áreas comerciais, un dos, cualificou, “grandes logros dos poderes económicos e políticos neoliberais”.
A eurodeputada de AGEe criticou o contexto europeo actual, que impulsa acordos de libre comercio coa única intención de eliminar os mecanismos de protección existentes para favorecer o negocio agro-exportador que fai circular masivamente ao redor do planeta alimentos que se poderían conseguir en circuítos curtos.
Senra tamén aproveitou para atacar as últimas reformas europeas, que permiten que se poidan etiquetar os produtos transformados sen poñer o país de orixe da carne ou do peixe, dándose a situación de que a día de hoxe se están vendendo como galegas conservas de mexillón que non é galego, por exemplo. “En Europa estase intentando ir a unhas políticas onde as grandes empresas teñan á súa disposición toda unha normativa que lles permita facer todo o que lles interesa”, asegurou a eurodeputada galega.
“Levan anos dicíndonos que hai que modernizarse, que hai que redimensionar as explotacións leiteiras, véndennos a moto de que hai que abrir os mercados para exportar, pero o que pasa é que na mesma medida en que se abre a fronteira para exportar, ábrese tamén para importar e os pequenos produtores quedan fora de todo ese xogo porque non teñen capacidade para competir no mercado global”, zanxou. Porén, Lídia Senra animou a dar a batalla aínda que sexa difícil. “A única opción que nos queda é dar a batalla, se non a damos, o futuro das xeracións de xente que ven detrás vai ser moi difícil”, concluíu.