- A eurodeputada denuncia que o persoal das entidades financeiras non foi informado aínda do plan de reestruturación dos postos de traballo
- O regulamento europeo di que nos mecanismos de resolución se debe consultar aos representantes dos empregados/as dos entes afectados
Santiago, 13 de xullo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), rexistrou esta semana en Bruxelas un documento escrito dirixido á Comisión Europea (CE), interesándose pola situación laboral dos traballadores e traballadoras do Banco Popular e do Banco Santander a raíz da operación levada a cabo a principios de xuño deste ano na que o Banco Santander mercou o Banco Popular ao Mecanismo Único de Resolución Europeo (MUR) por un euro ante o risco de que este segundo non tivese liquidez suficiente para atender aos seus clientes. A Xunta Única de Resolución Europea (SRB polas súas siglas en inglés, Single Resolution Board), pertencente ao MUR, fixo pública esta decisión o 7 de xuño, nunca antes tomada en Europa, supoñendo o fin do Banco Popular tras o seu desastre bursátil e apoiada polo Banco Central Europea (BCE), esixíndolle ao Santander ampliar capital en 7.000 millóns de euros para cubrir o capital e as provisións requiridas para reforzar o balance do Popular.
Neste documento para a Comisión Europea acorde coas demandas e preocupación da Confederación Intersindical Galega (CIG-Banca), argumenta no escrito que o Regulamento (UE) nº 806/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, de 15 de xullo de 2014, polo que se establecen normas uniformes e un procedemento uniforme para a resolución de entidades de créditos e de determinadas empresas de servizos de investimento no marco dun MUR e un Fondo Único de Resolución, afirma no seu considerando 90 que “ao aplicar os instrumentos de resolución e exercer as competencias de resolución, a SRB debe dar as instrucións correspondentes ás autoridades nacionais de resolución para asegurarse de que se informe e, cando proceda, se consulte aos representantes dos empregados e empregadas dos entes afectados, seguindo o disposto na Directiva 2014/59/EU.
Ante esta obrigación e tendo en conta que desde a CIG-Banca denuncian que os traballadores e traballadoras do Banco Popular e do Banco Santander non teñen sido ata o de agora informados nin consultados sobre este tema, Lídia Senra pregúntalle á CE se a SRB se dirixiu ás autoridades nacionais competentes, neste caso a designada polo Estado foi o chamado Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), para dar instrucións nos termos do citado artigo 90. Senra pídelle tamén á CE que se posicione e aclare se conforme á resolución, o Banco Santander, comprado do Popular, está obrigado a presentar un plan que debe incluír unha reestruturación dos postos de traballo.
Senra considera prioritario defender os dereitos dos traballadores e traballadoras que se poden ver afectados pola compra do Popular por parte do Santander e chama a iniciar canto antes un diálogo coas forzas sindicais para aclarar a situación ante unha posible redución do cadro de persoal.