- A eurodeputada e candidata estivo esta tarde no local da Marea de Ferrol, onde apostou por impulsar os mercados locais fronte aos acordos internacionais de libre comercio
- Comprométese a seguir traballando nos próximos 5 anos no Parlamento Europeo para frear o TTiP, TiSa, CETA e demais tratados contrarios aos dereitos dos pobos
Ferrol, 20 de maio de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Mareas:Compromiso por Europa ás eleccións europeas do 26 de maio, estivo este luns pola tarde en Ferrol, no local da Marea de Ferrol, acompañada por membros da candidatura municipal, onde mantivo dúas reunións: Unha primeira con operadores dos tres mercados da cidade (A Magadalena, Caranza e Recimil) e unha segunda con membros do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN).
En declaracións aos medios, Lídia Senra aproveitou para facer un chamamento ao voto para este domingo e cualificou de moi importantes as eleccións europeas, xa que o 80% das decisións políticas que afectan directamente ás persoas tómanse na UE. “Todo o mundo sabe que o 26 de maio hai eleccións municipais, pero moita non sabe que as hai tamén ao Parlamento Europeo”, dixo Senra, que chamou a facer un esfozo para que todo o mundo saiba destes comicios.
A europarlamentaria e candidata defendeu que para o mercado local sería bo un maior impulso da comercialización do produto local e de proximidade. Neste sentido, explicou as principais liñas do seu programa electoral1 e defendeu como prioritario loitar por unha UE na que se priorice o comercio e os mercados locais e de proximidade fronte aos acordos internacionais de libre comercio. “Nós reclamamos neste mandato alto e claro a paralización do TTIP, do TISA, do CET, etc, e o noso compromiso e seguir pelexando neste sentido durante os próximos 5 anos”, dixo.
Tamén se comprometeu a seguir loitando duramente, igual que fixo neste mandato, na defensa dos sistemas públicos de pensións e das pensións dignas para que ningunha persoa entre na pobreza unha vez que chega ao remate da súa vida laboral.
_______________
1O programa electoral completo da candidatura En Marea:Compromiso por Europa, que encabeza Lídia Senra, está accesible aquí:
https://lidiasenra.gal/aqui-o-noso-programa-electoral-para-unha-europa-dos-pobos/