- Sete eurodeputadas/os integran unha delegación de observación de Dereitos Humanos centrada na situación das presas e presos
- A delegación parlamentaria abarcará máis de vinte encontros que se desenvolverán nas cinco capitais vascas durante dous días
Bruxelas, 12 Febreiro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), participará este luns 15 e martes 16 nunha delegación do Parlamento Europeo integrada por sete eurodeputadas/os -pertencentes a tres grupos parlamentarios-[1] que se desprazarán a Euskal Herria (Hegoalde e Iparralde) para manter unha intensa axenda de xuntanzas a fin de adquirir información ao respeito da denuncia realizada por representantes da organización Etxerat durante a visita realizada ao Parlamento Europeo en marzo de 2015 en relación ao incumprimento da salvagarda dos dereitos humanos dos presos e presas vascas.
Xunto á eurodeputada galega desprazaranse ao territorio vasco a Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer (Die Linke); o Vicepresidente do Grupo Verdes/Alianza Libre Europea (Verdes-ALE), Josep-Maria Terricabras (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC); e as eurodeputadas/os Martina Anderson (Sinn Féin), Malin Björk (Vänsterpartiet), Tatjana Ždanoka (Latvijas Krievu Savienība) e Mark Demesmaeker (Nieuw-Vlaamse Alliantie, N-VA).
Esta delegación ten previsto reunirse con representantes de institucións e partidos políticos, asociacións de dereitos humanos, familiares de presas/os, sindicatos e outros actores da sociedade civil. Cómpre subliñar que están xa fixadas tamén reunións co Parlamento do País Vasco e Navarra.
A comisión parlamentaria dividirase en distintos grupos a fin de poder cubrir un completo programa que abarca máis de vinte encontros que se desenvolverán nas cinco capitais vascas
Ademais, a xornada do martes comezará ás 10.00hrs. en Baiona, onde unha parte da delegación[2] entrevistarase con unha ampla representación de partidos políticos e axentes sociais de Iparralde.
Os resultados do informe resultante desa misión serán presentados publicamente no mes de abril no Parlamento Europeo.
[1] GUE / NGL, Verdes / ALE e ECR
[2] Lídia Senra, Josep María Terricabras e Mark Demesmaeker.