AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra loitará pola supervivencia do “xeito” fronte a ambigüidade da Comisión Europea

27 Marzo, 2018
  • Senra preguntou á CE se as futuras medidas técnicas blindan esta arte tradicional de pesca e Vella contesta que é demasiado cedo para sabelo
  • A eurodeputada loitará durante as negociacións dos trílogos pola protección desta arte que a Comisión xa intentou prohibir en 2014

39980526404_7da438d1df_o

Bruxelas, 27 de marzo 2018. Segundo o comisario europeo de Pesca, Karmenu Vella,  “é demasiado cedo para dar algunha indicación sobre o resultado que se espera [das negociacións sobre o futuro regulamento de medidas técnicas de pesca], ou sobre se se manterá a dimensión da malla de rede do xeito”. Así o sinala o responsable comunitario de pesca na súa resposta escrita á pregunta parlamentaria que Lídia Senra, eurodeputada galega do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e membro da Comisión de Pesca, realizou o pasado xaneiro á Comisión Europea para aclarar a situación do xeito no informe aprobado nese mesmo mes polo pleno do Parlamento Europeo, que marca a posición da dita institución nos trílogos co Consello e a Comisión Europea que darán forma ao texto final nos vindeiros meses. Esta reposta, lonxe de confirmar a presunta blindaxe desta arte de pesca tradicional logo do intento de prohibición de 2014, mantén a ambigüidade respecto do uso desta arte de pesca que usa o sector artesanal galego para capturar sardiña.

Vella explica que “a proposta de la Comisión sobre medidas técnicas  especifica que a dimensión da malla para pescar especies peláxicas pequenas con redes de deriva, como o xeito, é de 50 mm. Logo da votación na sesión plenaria de xaneiro, polo momento, é demasiado cedo para dar algunha indicación sobre o resultado que se espera, ou sobre se se manterá a dimensión da malla da rede do xeito”. Esta resposta é unha clara advertencia de que a batalla do xeito non está gañada e que das negociacións dos vindeiros meses dependerá o futuro desta arte da pesca artesanal.

Lídia Senra leva anos loitando co sector artesanal para a protección do xeito. Dende 2014 esixiu en numerosas ocasións a protección desta arte tradicional, selectiva e polo tanto respectuosa coa conservación dos recursos pesqueiros e que a Comisión Europea intentou incluír na súa prohibición da pesca con redes de deriva. “Esta é unha rede pequena, respectuosa e selectiva, que apenas produce capturas accidentais, con barcos de un ou dous tripulantes e da cal, na Galiza, dependen arredor dun milleiro de familias”, defende.

A europarlamentaria ten serias dúbidas de que o texto aprobado no Parlamento Europeo protexa de maneira efectiva a arte do xeito. “No anexo VII, parte B, que afecta ás aguas suroccidentais, non vemos ben reflexada nin definida a  rede do xeito”. Dado que non foron incorporadas nin as emendas presentadas nestes sentido pola propia Lídia Senra, nin a presentada por outro dos poñentes para incluír a especificación do uso de mallas de menos de 40mm para a pesca da sardiña, a eurodeputada galega decidiu absterse na votación do informe no Pleno pese a incorporar  este cuestións positivas -nomeadamente as emendas para garantir a prohibición da pesca con impulsos eléctricos-.

Inmediatamente, e como reacción ao rexeitamento das emendas relativas ao xeito, Senra procedeu a rexistrar unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea (CE) na que consultaba á CE pola súa opinión ao respecto da pertinencia de excluír o xeito desta prohibición. Esta é a pregunta que agora responde o comisario Vella, que en xaneiro de 2015, respondía tamén a outra pregunta de Senra asegurando que a CE estaba mantendo contactos para “debater a repercusión da prohibición do xeito”. Finalmente, grazas á mobilización do sector, no ano 2015 a Comisión Europea afirmara renunciar ao veto. “Pero esta nova resposta de Vella confírmanos que non debemos dar esta batalla por gañada porque o regulamento de medidas técnicas é clave para o seu futuro, xa que establecerá as características das artes usadas pola frota pesqueira europea”. 

Lídia Senra considerou nada máis coñecer a proposta de regulamento de medidas técnicas que a inclusión do xeito non quedaba clara, polo que en novembro de 2017 dirixiuse directamente ao Comisario de Pesca Karmenu Vella a través dunha carta na que lle facía constar as súas dúbidas.  Na resposta trasladada a Senra o pasado 22 de decembro Vella contestaba que esta arte non estaba afectada pola prohibición de empregar redes de máis de 2,5km recollida na proposta de regulamento. Pero o comisario non estaba ser preciso, xa que aludía á lonxitude da rede e non á dimensión da malla en si, aspecto ao que apuntaban precisamente  as emendas rexeitadas no Pleno.

“A protección do xeito é fundamental, xa que afecta directamente a moitas familias galegas, así como á economía das nosas vilas mariñeiras e pobos costeiros, ademais de constituír unha das nosas expresións tradicionais e formar parte da nosa cultura e identidade como pobo galego. Temos a responsabilidade de loitar para que as demandas do sector fiquen claramente incorporadas, para que logo non teñan que ser precisamente as propias persoas afectadas as teñan que empregar os seus esforzos en mobilizarse para defenderse fronte á UE”, defendeu a eurodeputada.

 

→ Pregunta e resposta “Protección efectiva do xeito”

 

anterior seguinte

Artigos relacionados

Cordier-Senra&teams_290119

Lídia Senra demanda á Comisión Europea que a pesca artesanal quede fóra do novo Regulamento de control

29 Xaneiro, 2019
EmendasUE-MarrocosPesca031218

Novos acordos UE-Marrocos poderían obstaculizar as negociacións de paz co pobo saharauí

3 Decembro, 2018
Carta a Vella sobre o reparto de cotas de xarda_WEB

Senra pide á CE a carta coa que o Estado español xustifica a discriminación da Galiza no reparto de cotas

28 Novembro, 2018

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies