- Emenda a proposta da Comisión Europea sobre medidas técnicas de pesca, que pretende abrir a porta ao destrutivo arrastre eléctrico
- Senra alerta dos danos que as excepcións que permiten esta práctica están causando á frota artesanal e de pequena escala do Mar do Norte
Bruxelas, 8 de Xaneiro de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), presentou hoxe emendas á proposta realizada pola Comisión Europea (CE) sobre medidas técnicas de pesca que o Parlamento Europeo (PE) votará o martes 16 de xaneiro en sesión plenaria en Estrasburgo. O texto da CE abre a porta ao uso da corrente eléctrica nas redes do arrastre, unha práctica actualmente prohibida que as institucións europeas veñen tolerando por medio de cuestionables excepcións nos arrastreiros holandeses que operan no Mar do Norte.
Colectivos ecoloxistas e representantes da pesca artesanal e de pequena escala teñen alertado en numerosas ocasións dos danos que esta práctica está ocasionando no medio mariño. De feito, o risco de que a UE permita a práctica do arrastre con impulsos eléctricos foi un dos temas tratados nunha reunión que a eurodeputada galega mantivo o pasado xoves 4 de xaneiro en Santiago de Compostela con representantes do sector pesqueiro artesanal e de pequena escala. “Existe unha fonda preocupación no sector porque xa a día de hoxe nin sequera se está a cumprir a limitación que especifica que como máximo o 5% da frota de arrastreiros do Mar do Norte podan usar esta técnica”, afirmou.
Senra, que xa presentara emendas o pasado mes de novembro opoñéndose a estas excepcións cando o informe foi debatido na Comisión de Pesca do PE -da que forma parte en representación do GUE/NGL-, considera que o uso da electricidade “debe seguir, como ata agora, prohibido nas augas comunitarias e, en todo caso, no que se debería avanzar é en poñer fin ás excepcións actualmente vixentes”.
“A sesión plenaria da vindeira semana é a oportunidade para que a UE se posicione a favor dun modelo de pesca sustentábel botando abaixo estas excepcións. Cómpre por fin a unha situación que está alarmando mesmo ao Comité Científico, Técnico e Económico de Pesca da Comisión Europea (STECF). Segundo os datos manexados por este Comité, máis do 50% do peixe capturado con este método sofre hemorraxias e danos na espiña”[1], recalcou a eurodeputada.
[1] 23rd REPORT OF THE SCIENTIFIC, TECHNICAL AND ECONOMIC COMMITTEE FOR FISHERIES, pp. 58.
Imaxe: Bloom Association