-
As deputadas visitaron a feira de Becerreá e presentarán iniciativas no Parlamento Europeo e Galego para defender os servizos públicos de coidados, preservar o patrimonio e apoiar a agroecoloxía
-
Alertan tamén do avance das plantacións de eucalipto en pleno Distrito Forestal VII, algo que denunciarán de novo ante Medio Rural
Santiago, 04 de xaneiro de 2019. A deputada galega no Parlamento Europeo Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acompañada pola deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Vázquez Verao, visitaron este xoves a feira de Becerreá, co obxectivo tamén de reunirse con compañeiros e compañeiras da montaña lucense e analizar as prioridades de traballo para este semestre do 2019 que comeza. Senra e Verao ven necesario que as Administracións públicas poñan en marcha canto antes un plan integral para o desenvolvemento das zonas de montaña galegas, dotado con capacidade orzamentaria suficiente para blindar todos os servizos sociais públicos hoxe en perigo ou serio deterioro.
Neste sentido, as dúas deputadas comprometéronse a presentar nos próximos días iniciativas tanto no Parlamento Europeo como no Galego para reclamar que se atendan as necesidades destas zonas e dos seus habitantes, se preserve o patrimonio e se apoie a agroecoloxía e o ordenamento forestal. “Urxe aplicar políticas que permitan manter unhas montañas vivas”, declarou Senra, que considera fundamental levar a cabo un maior e correcto desenvolvemento da Lei de Dependencia e “imprescindible” a apertura de Centros de Día en todos os concellos e maior apoio público para o coidado dos nosos maiores a través do SAF (Servizo de Axuda no Fogar).
“As zonas de Montaña galegas vense moi afectadas pola falta de servizos de atención á Dependencia, debido ao seu avellentamento e escaseza de poboación, así como polas súas menores facilidades para a comunicación”, denuncia Vázquez Verao, que considera que nos concellos lugueses da montaña son precisas máis horas do SAF, tanto para persoas valoradas como dependentes como para persoas que o precisan para mellorar a súa autonomía persoal. “A situación de falta de horas de SAF e falta de servizos de Centro de Día conleva que moitas persoas de mediana idade teñan que renunciar á súa vida laboral para atender a persoas maiores e dependentes, nun contexto de baixos salarios e baixas pensións”, denuncia a deputada.
A enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre a autopercepción da Dependencia revelou que no 2017 había 117.875 persoas que se declaran en situación de Dependencia na Galiza, un 25,06% máis que no 2011. A enquisa indica que aumentou o número de persoas que realizan tarefas de coidado de persoas dependentes, máis do 62% das cales son mulleres, fundamentalmente maiores de 45 anos, e un 30% das mesmas adican máis de 70 horas á semana a esta tarefa. Ademais, o 72,49% da poboación galega que se dedica a labores de coidado de persoas con dependencia tivo que reducir o seu tempo de ocio e as súas relacións sociais ao comezar a desempeñar ditas tarefas de coidado; o 38,27% suprimiu tempo dedicado ao traballo doméstico; no 25,77% dos casos viuse afectado o traballo remunerado ou os estudos da persoa coidadora e no 55,83% a súa vida familiar. A enquisa reflexa ademais que máis de 53.000 persoas que se autoperciben con dependencia na Galiza precisan axuda a domicilio, pero que só o 44% a recibe, que se precisan máis coidados sanitarios especializados, transporte adaptado e máis prazas en Centros de Día. “Esta situación é máis grave aínda nas zonas de montaña envellecidas”, considera Vázquez Verao, que reclama a necesidade de mellorar os servizos sociais e de Atención Primaria, ante o caso de bastantes prazas de Medicina Familiar amortizadas nos últimos anos.
“Desde En Marea defendemos que se blinden os servizos sociosanitarios nas zonas de montaña, garantindo prazas suficientes de Centros de Día e introducindo en todo o territorio galego a figura da profesional de Traballo Social nos Centros de Saúde, para colaborar estreitamente cos servizos sociais na atención de problemas sociosanitarios que se agravan co avellentamento demográfico. As residencias previstas pola Deputación non van resolver toda a demanda de servizos e é preciso un entendemento entre Administracións para que o seu funcionamento sexa satisfactorio e sostido no tempo. A Xunta, con competencias en materia de Asistencia Social, debe asumir o seu compromiso coa atención á Dependencia na montaña”, declara a deputada galega.
Pola súa banda, Lídia Senra tamén quixo facer énfase en que é fundamental incluír as necesidade da montaña nos planos estratéxicos da Política Agrícola Común (PAC) e reclamou a necesidade de preservar o patrimonio cultural e a biodiversidade que hai nas montañas, o que pasaría por un apoio decidido ao desenvolvemento dunha agricultura e gandeiría en base a agroecoloxía que permita aos labregos e labregas vivir do seu traballo. “Apoiar a transformación local e a comercialización dos produtos de montaña é clave para o desenvolvemento destas zonas”, defendeu a europarlamentaria.
Durante a súa visita, Senra e Vázquez Verao tamén puideron comprobar unha vez máis a desorde forestal que afecta á zona da montaña lucense, con plantacións de eucaliptos a pé de río e de estrada. Neste sentido, Senra está preparando xa un escrito dirixido a Medio Rural para denunciar novamente o avance desta especie no Distrito Forestal VII, VIII e IX, xa que vulnera a Orde de 19 de Maio de 2014, pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia. Esa Orde recolle que o eucalipto queda excluído destas zonas. “Non respectan nin as propias leis que aproban. A Xunta ten que deixar de mirar para outro lado e facer que non se planten eucaliptos onde eles mesmos din que non se deben plantar”, alerta a deputada europea, que tras a visita que onte a Becerreá, hoxe visitou zonas da Pobra do Brollón, tamén acompañada por Paula Vázquez Verao, para comprobar como hai lugares nos que cortaron carballos e plantaron eurocaliptos, en pleno Distrito Forestal VII.