- A eurodeputada galega participa nunha conferencia en Barcelos para unir as loitas contra a liña de alta tensión a ambos os lados do Miño
- Critica que o obxectivo de Bruxelas de interconexión do 10% en 2020 para todos os Estados sexa unha vez máis en beneficio das eléctricas
Barcelos, 13 de maio de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), denuncia que o Estado español, en complicidade coa Xunta e cos concellos, está intentando ocultar o trazado da liña de alta tensión da Interconexión Eléctrica entre Portugal e Galiza. Así o asegurou durante unha conferencia á que asistiu o venres pola noite na localidade lusa de Barcelos, baixo o título “Liña de alta tensión: Unha loita de todos”, moderada por José Ilídio Torres, membro da Cámara Municipal de Barcelos e, na que ademais de intervir Lídia Senra, participaron a concelleira de Arbo Fabiola Durán; o presidente da Comisión de Ambiente, Ordenación do Territorio, Descentralización, Poder Local e Habitabilidade da Assembleia da República de Portugal, Pedro Soares; e varios membros da Cámara municipal portuguesa. O obxectivo era intercambiar información e puntos de vista entre a loita social e política que se está a dar a ambos os lados do Miño en contra deste proxecto de Interconexión, que inicialmente inclúe liñas de alta tensión pasando por núcleos ben poboados tanto de Portugal como da Galiza.
Senra explicou como neste mes de febreiro Catharina Sikow-Magny, xefa de unidade B1 da Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea, lle confirmou que se estaba a traballar nun trazado alternativo desta Interconexión, por mor da mobilización social en contra que xerara o proxecto inicial, que incluía torres de alta tensión pasando, por exemplo, pola localidade de Arbo a menos de 20 metros de casas. Sen embargo, desde aquela, por mais que a eurodeputada solicitou por escrito e a través de diferentes canles ao Ministerio de Medio Ambiente o novo proxecto de trazado, o ente estatal négase a facilitarllo argumentando que a petición se debe realizar de forma diferente. “Pedímolo por rexistro escrito, como solicitamos sempre toda a documentación á Administración en calidade de representante do pobo no Parlamento Europeo e dixéronnos que debiamos facelo a través da Representación Permanente de España ante a UE”. “Pedímolo daquela como indicaban e, despois de remitirnos de novo ao Ministerio, contestan esta semana que debemos solicitalo a través da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, o cal é un sen sentido, unha tomadura de pelo”, denuncia Senra. “Realmente, o que hai detrás de todo isto é unha manobra para ocultar o novo trazado no que están traballando. A Comisión Europea confirmounos que aínda que mudou o trazado, as empresas REE-España e REN-Portugal teñen acordado que, para permitir que o proceso de permisos continúe, o cruce de fronteira que se incluirá nestes proxectos seguirá sendo o mesmo que o orixinal ”, dixo.
A eurodeputada asegurou que seguirá nesta semana que entra insistindo en reclamar que se lle solicite a información e prevé ademais denunciar que se están a incumprir as directrices de transparencia establecidas no Regulamento (UE) 347/2013 que contemplan que se debe informar amplamente a todas as partes interesadas afectadas por un Proxecto de Interese Común (PIC) cando aínda podan terse en contra as potenciais preocupación do público e dunha forma aberta e transparente. Ademais, é obrigatorio publicar toda a información relativa ao proxecto, incluso a través dunha web que debe conter, entre outras cousas, “un resumo non técnico e periodicamente actualizado, de cincuenta páxinas como máximo, que recolla a situación actual do proxecto e indique de forma clara, en caso de actualizacións, as modificación respecto a versións anteriores” “Na parte galega isto non se está a cumprir e é necesario denuncialo”, advertiu.
Senra explicou que o proxecto de Interconexión España-Portugal por Galiza é un dos 195 proxectos clave de infraestruturas enerxéticas marcados pola UE baixo a catalogación de PCI, para acadar o obxectivo do Mercado Único da Enerxía. Entre os obxectivos, está que no ano 2020 todos os Estados cumpran unha interconexión mínima do 10% da capacidade instalada de produción eléctrica.
“A quen beneficia este proxecto? Que intereses hai detrás do mercado da Unión da Enerxía impulsado polo neoliberalismo europeo coa connivencia das Administracións estatal e galega? Ás grandes empresas multinacionais da enerxía”, dixo a eurodeputada. “Se a UE quere avanzar no mercado único da enerxía é para favorecer aos mercaderes, non á cidadanía”, insistiu. Senra considerou “clave” que sigamos tecendo alianzas entre os colectivos sociais e políticos de Portugal e a Galiza para continuar a loita e “enfrontarnos a este proxecto”.
Pola súa banda, Fabiola Durán fixo un percorrido por todas as mobilizacións que se teñen organizado na Galiza para protestar pola liña de alta tensión, as deficiencias do proxecto e cuestionar a súa necesidade. “Dicimos non á liña de alta tensión porque os efectos dos campos electromagnéticos sobre as persoas son moi prexudiciais. Se ninguén nos pode garantir a nos a saúde, non queremos vivir debaixo da liña, sufrindo a polución ambiental, impacto paisaxístico e contaminación acústica e perigo de incendios que conleva un proxecto así. Arbo é unha terra de viño, de pequenas e pequenos produtores que crearon unha cooperativa e pretenden que esta liña pase a escasos metros dela, non pode ser”, dixo.
Durán criticou ademais que o goberno local do PP xa era coñecedor no 2008 deste proxecto e sen embargo ocultouno. “O que non queremos é que esa liña de alta tensión ataque as nosas vidas e as dos nosos fillos, porque queremos un pobo onde poidamos vivir. Por iso volvemos dicir non a este proxecto”, concluíu.
Pedro Soares amosou a súa gratitude porque o pobo portugués e o galego se unan na loita e deixen atrás esa tradición de vivir de costas e de falta de convivencia, cualificando de “caso exemplar” a resposta contra esta Interconexión. O Presidente da Comisión de Ambiente da Assembleia da República Portuguesa coincidiu en que non se están a cumprir as normas europeas en canto a información á poboación e atribuíuno a que hai “uns intereses moi fortes detrás deste proxecto”, algo que chamou a contrarrestrar e frear coa “participación cidadá”. Soares chamou a cumprir a lei en canto a protección da saúde das persoas expostas a campos electromagnéticos e aludiu á necesidade de cuestionar a necesidade da liña de alta tensión. “É preciso garantir que non se faga a liña de alta tensión mentres non se garanta a saúde das persoas”, dixo.