- A eurodeputada recolle as demandas do persoal da Illa que asegura que, a pesar de levar varias obras de mellora na estación depuradora, segue funcionando de forma insuficiente.
- O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) financiou nun 80% a mellora das instalacións da depuradora.
Santiago, 26 de xullo de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar ante a Comisión Europea que a estación depuradora da Illa de Ons funciona mal e que se seguen producindo desaugadoiros directos ao mar. Senra presentou esta semana un escrito dirixido á CE dando conta desta situación. Tendo en conta que a última mellora do 2014 foi financiada nun 80% por fondos FEDER, Senra decidiu levar o tema á UE con fin de que o ente comunitario valore como se están a investir os fondos europeos.
No seu escrito, Senra explica que a Illa de Ons está situada na área protexida do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e que está dentro da Rede Natura 2000, incluíndo a zona ZEPA ES00000254 da Directiva de Aves 79/409/CEE e a Zona Especial de Conservación ZEC ES40004. O problema coa depuradora vense arrastrando desde hai máis dunha década, con varias melloras que son insuficientes.
Ante esta situación, Senra pídelle a CE que se pronuncie sobre o tema, instándoa a que á vista destes datos se interese ante as autoridades do Estado español e da Xunta para solventar esta situación. A Comisión Europea debería dar resposta a este escrito de Lidia Senra nun prazo de entre 4 e 6 semanas.