AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra denuncia ante a Comisión Europea o desbordamento da balsa mineira de Touro

22 Febreiro, 2018 balsa, Bama, GUE/NGL, Lidia Senra, mina, minaría, residuos extractivos, Touro
  • Defende que os vertidos vulneran a Directiva 2006/21/CE referida á xestión dos residuos de empresas extractivas e a Directiva 2004/35/CE sobre responsabilidade e reparación de danos ambientais 
  • A eurodeputada estará o venres na Estrada nun coloquio contra a mina nova e o domingo irá á manifestación-tractorada convocada en Touro

Foto de arquivo de Lidia Senra visitando unha das balsas da antiga mina de Touro na visita que realizou en outubro

Santiago, 22 de febreiro de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra ven de denunciar ante a Comisión Europea (CE) o desbordamento da balsa de residuos da antiga mina de cobre e ouro que tivo lugar a semana pasada na parroquia de Bama (concello de Touro). A parlamentaria rexistrou un escrito en Bruxelas no que informa ao ente comunitario dos danos ambientais que provocan os continuos vertidos que se producen na zona onde entre os anos 70 e 80 estivo operativa a explotación de Sociedad Minera y Metalúrgica de Peñarroya y Río Tinto Patiño. 

Pregunta ce desbordamento balsa touroSenra considera que o desbordamento que tivo lugar o pasado día 15 da balsa de Bama, que está situada a 100 metros do río Brandelos, a onde foron parar os residuos, é xa a gota que colma o vaso e un exemplo claro de vulneración da Directiva 2006/21/CE referida á xestión dos residuos de industrias extractivas e da Directiva 2004/35/CE sobre responsabilidade e reparación de danos ambientais. Ademais, Senra defende que tanto as empresas responsables daquela explotación mineira, como a Xunta de Galicia e o Goberno estatal español están a vulnerar totalmente a Directiva Marco da Auga 2000/60/CE, por non facer nada ante a continua contaminación que padecen as canles fluviais da contorna, moitos regatos pequenos que van parar ao río Ulla, trasladándose a contaminación até a ría de Arousa onde desemboca. “Estamos a falar dun problema que trascende o local, que vai moito máis alá de Touro e que contamina desde os pastos que hai a carón dos regatos de Touro até os bancos marisqueiros da costa”, dixo. “E ademais non é un problema puntual dun día. Eu mesma vin nunha visita realizada á zona no pasado outubro como ía o rego Pucheiras, por exemplo, tamén afluente do Ulla, no treito posterior á mina. Arriba da mina vai claro e vivo, abaixo da mina vai totalmente turbio e morto, e isto é a diario. Está á vista de calquera”, argumentou.  

Neste sentido, Senra pídelle á CE que actúe dunha vez e adopte as medidas necesarias para comprobar se se está aplicando ben ou non a Normativa da Unión con respecto a esta situación e  máxime cando por se non fora suficiente con este problema que leva arrastrándose décadas, está enriba da mesa un proxecto de nova explotación de mina de cobre a ceo aberto en Touro e O Pino por parte de Cobre San Rafel S.L. que de ir adiante ocuparía a barbaridade de 122 quilómetros cadrados. 

O escrito de Lídia Senra á CE non é o primeiro que esta eurodeputada presenta nas institucións comunitarias relativo a este tema. De feito, Senra xa informou no pleno do Parlamento Europeo , en Estrasburgo, en outubro, do vertido continuado de residuos tóxicos que se podería estar levando a cabo na actualidade e sen ningún tipo de control nas instalacións da antiga mina. Senra levou daquela ao hemiciclo europeo fotografías que amosaban o estado dos ríos e a zona, así como as escombreiras e balsas, que poderían estar sendo utilizadas, como asegura a veciñanza, para verter residuos, algúns deles tóxicos, sen tratamento previo e chegados de diferentes lugares da Galiza en camións, como poden ser cáscaras de mexillón, pilas, material sanitario e de enfermería ou lodos de depuradoras. Nunha intervención no pleno, Senra pediu que se abrira canto antes unha investigación independente que inclúa a realización de analíticas tanto das augas dos ríos como das balsas e escombreiras. 

Tamén en outubro rexistrou unha pregunta por escrito dirixida á CE na que lle informaba sobre o novo proxecto mineiro previsto para a zona e advertía que non sería compatible coa Directiva 2006/21/CE. Non obstante, daquela a CE considerou que debido a que as operacións de extracción do mineral aínda non comezaron porque o novo proxecto aínda non ten a concesión, resultaba prematura avaliar se coa actividade da mina se vulneraría ou non a citada directiva relativa á xestión dos residuos de empresas extractivas. Non obstante, na súa resposta, o comisario de Medio Ambiente europeo, Karmenu Vella, advertía: “Nos Estados membros recae a responsabilidade primaria de traspoñer e aplicar correctamente a lexislación da UE, así como de arbitrar medidas que garantan a protección xurídica efectiva nos ámbitos cubertos por dita lexislación. En caso de evidenciarse unha aplicación incorrecta do Dereito da Unión, a CE, na súa función de gardana dos Tratados, adoptará as medidas necesarias, que inclúen no seu caso, procedementos de infracción”. 

Senra considera que o desbordamento da balsa esta semana pasada é un claro exemplo de vulneración das normativas europeas e agarda por iso, que agora si, a CE tome cartas no asunto. A Comisión debería respostar no prazo de entre 4 e 6 semanas á nova petición da eurodeputada galega. 

Fin de semana de actos contra a mina na Galiza

Continuando co apoio á loita da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON, Lídia Senra participará este venres, 26 de febreiro, ás 20:30 horas na Estrada (Sala Abanca, rúa Calvo Sotelo), nun coloquio organizado pola propia plataforma, Móvete (Movemento Veciñal Estradense) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Baixo o título “A mina de Touro-O Pino tamén lle afecta á Estrada, no coidado do río Ulla”, intervirán como ponentes a propia Lídia Senra, a bióloga e membro da SGHN Aurora Puentes, a concelleira da Estrada Mar Blanco Casais, e representantes da Plataforma Minta Touro-O Pino NON. 

Xa o domingo, Senra ten previsto tamén acudir á manifestación-tractorada que convoca a Plataforma e que partirá ás 12:00 horas da antiga balsa mineira de Angumil para rematar no Concello de Touro. A eurodeputada anima a toda a sociedade a participar dos actos e mobilizarse contra este proxecto para “paralo entre todas e todos”.

IMG-20180212-WA0003  IMG-20180212-WA0004

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies