- A eurodeputada e candidata estivo hoxe en Cangas, onde repartiu información do seu programa electoral no porto pesqueiro, ademais de reunirse coas redeiras e co cabildo da confaría
- Exixe que se cumpra xa resolución do Parlamento Europeo na que, a proposta dela, se introduciu a exclusión de TACs e cotas da pesca artesanal accidental en augas interiores
CORTE AUDIO DECLARACIÓNS DE LÍDIA SENRA DE HOXE PINCHANDO AQUÍ
Cangas, 21 de maio de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea:Compromiso por Europa ás eleccións europeas do 26 de maio, viaxou este martes a Cangas, onde estivo repartindo información electoral no porto pesqueiro, coincidindo coa chegada do mar das persoas do sector da pesca que traballan neste lugar. Senra estivo acompañada por compañeiros e compañeiras de Alternativa Canguesa de Esquerdas, que tamén están a facer campaña para as eleccións municipais.
En declaracións aos medios no propio porto, Lídia Senra comprometeuse a seguir traballando despois do 26 de maio para que se retire a proposta da Comisión Europea (CE) de modificación do Regulamento de control da pesca. A eurodeputada explicou que durante este mandato estivo a realizar o seguimento deste documento desde o seu grupo, o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), dentro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. “A Comisión de Pesca non chegou a fixar aínda a súa posición e nós seguiremos traballando no próximo mandato para que se retire esta proposta de modificación, porque supón engadir novas trabas para a pesca artesanal e a pequena escala. Implicará un aumento grande da burocratización, algo que os pequenos barcos non teñen capacidade de asumir”, defendeu Senra.
Igualmente, a eurodeputada e candidata tamén se comprometeu a seguir dando a batalla para que a CE implemente medidas que fagan cumprir a resolución do Parlamento Europeo adoptada neste mandato e na que, a proposta dela mesma, se introduciu a exclusión de TACs e cotas da pesca artesanal accidental en augas interiores. O reparto xusto e equitativo das cotas pesqueiras seguirá sendo unha das súas principais liñas de actuación.
Senra tamén defendeu a necesidade de establecer medidas que rematen coa discriminación laboral das mulleres no sector da pesca e reclamou a subida do coeficiente redutor ao 0.3 para todos os colectivos que están por debaixo, como son as redeiras.
Esta tarde, Lídia Senra reunirase co colectivo de redeiras de Cangas e co cabildo da Confraría, onde tamén lles falará das súas propostas para o próximo mandato e do traballo feito nestes cinco anos.