AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra cre que hai un forte retroceso nos dereitos das mulleres, mesmo nas organizacións de esquerda

11 Novembro, 2017 Asunción Bernárdez, Cangas, empoderamento, feminismo, GUE/NGL, Lidia Senra, Margarida López Barreiro, mulleres, Sandra Pesqueira
  • Reclama tolerancia cero co machismo e pelexar para ter feministas nos postos que responsabilidade que a cotío continúan a ocupar os homes 
  • Medio cento de persoas asisten á xornada sobre empoderamento organizada no salón de plenos municipal de Cangas pola eurodeputada

 Lidia Senra, entre Margarida Lopez e Sandra Pesqueira, en Cangas

Cangas,11 de novembro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra advertiu este sábado en Cangas “dun retroceso moi forte” nos dereitos das mulleres, “mesmo dentro das propias organizacións de esquerda ás que pertencemos ou coas que traballamos”. Fíxoo durante a primeira parte da xornada “O empoderamento das mullleres na esquerda política social”, un evento organizado por ela como membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). No coloquio “Mulleres implicadas política e socialmente fronte ao machismo diario que continúa a imperar na maioría de organizacións de esquerda”, Senra defendeu como “moi importante” organizar encontros deste tipo e fomentar actos de sensibilización para fortalecer as posicións feministas e debater e traballar xuntas para frear o retroceso actual e seguir avanzando.

A europarlamentaria criticou a belixerancia que moitas veces amosan compañeiros de partido cando as mulleres avanzan e criticou os atrancos que se lle poñen ás mulleres para ter presenza nas delegacións de maior importancia. “O tempo que se dedica nas campañas electorais a falar da situación e das propostas das mulleres é mínimo”, criticou. Así, denunciou que a pesar de que os programas electorais se moven no politicamente correcto e teñen capítulos dedicados a defender supostamente os dereitos das mulleres, cando chega o momento da campaña non se fala practicamente nada de medidas para acabar coa fenda salarial coa fenda nas pensións ou coa violencia machista, por exemplo.

Lídia Senra afirmou  que a loita feminista ten conseguido espazos nas últimas décadas e asegurou que é triste, pero é así, que “se non nos tiveramos dotado do instrumento das cotas, moitas das mulleres que hoxe están en distintos postos de representación non o estarían”. Parabenizou que moitas leis foron aprobadas grazas á presión das mulleres. Non obstante, chamou a facer moito máis para reverter unha realidade na que, a día de hoxe, por exemplo, nas reunións de órganos de goberno como pode ser o colexio de comisarios da UE habitualmente non se dedique case nada de tempo a falar de proposta para combater a gravísima lacra da violencia machista. 

Así, chamou a exercer a “tolerancia cero” co machismo, aínda que quen o exerza sexan compañeiros de partido ou de escano e reclamou que se poñan enriba da mesa sempre todas as agresións machistas. Senra enumerou unha serie de prioridades a levar a cabo, entre as que citou a necesidade de seguir a fortalecer espazos nos que debater as mulleres para poder encauzar as batallas. Tamén cre necesario revisar como se fan as listas electorais. “Aínda que conseguimos que se fagan listas paritarias e que cada vez máis mulleres accedan ás institucións, o certo é que os primeiros postos continúan a reservarse para homes. Cantas mulleres hai alcaldesas, secretarias xerais ou portavoces?”, preguntouse. “Parece que temos ese tope que non damos saltado e isto ten que cambiar, debemos debater como se están a aplicar as cotas”, dixo. Así, instou a pelexar para ter feministas en todos os espazos e tamén cre necesario realizar unha avaliación en profundidade sobre que é o que está fallando na aplicación das leis actuais para que a violencia machista continúe a ser unha lacra. “Hai falta de recursos e tamén un déficit de formación en quen ten que aplicar a lei, sexan funcionarios/as ou xuíces ou xuízas”, considerou. Por iso, dixo, é necesario avanzar na aprobación e implementación de leis ambiciosas e fortes que defendan os dereitos das mulleres, pero se nin sequera se aplican as que xa hai, podemos seguir aprobando novas, que non conseguiremos case nada e estaremos ante iso de que quen fai a lei fai a trampa e seguirán sen aplicarse como se teñen que aplicar.

No coloquio tamén interveu como relatora a concelleira de Marea Marín Sandra Pesqueira, quen na mesma liña que Senra criticou que efectivamente, nas organizacións sociais, políticas e sindicais de esquerda que se declaran feministas seguen vixentes prácticas entre compañeiros que deberían estar desterradas hai tempo e que de feministas non teñen nada. “Nos debates, nas iniciativas, sempre hai algo supostamente máis importante ou prioritario que impide que as reivindicacións das mulleres sexan tratadas coa prioridade que se merece. E xa é hora de comezar a poñer a loita feminista como prioridade nas organizacións de esquerda. Temos que ser nós, as mulleres, as que fagamos que as cúpulas das organizacións de esquerda cumpran o que din ser. Queremos accións, non escusas. A paciencia xa rematou”, dixo Pesqueira.

A edil de Marín criticou que habitualmente cando as mulleres accedemos a postos políticos de responsabilidade é para ocupar aquelas áreas que se corresponden máis co ámbito privado da sociedade, áreas de servizos sociais, sanidade, educación, mocidade, medio ou turismo, ás que “foi relegada a muller por parte do patriarcado sempre”. Os homes, sen embargo, ocupan o maior peso político e público sempre, encargándose de áreas como facenda, economía, etc. Tamén criticou as prácticas que continúan a ter algúns homes nas asembleas e xuntanzas, que optan por interromper por sistema ás mulleres, desprezar as súas opinións, “facendo que as nosas organizacións non sexan un espazo cómodo”. Fronte a isto, reclamou que “ningunha loita é máis importante que a das mulleres”. “Só temos que empoderarnos e ocupar eses espazos que nos corresponden. Abordar o que sucede desde o xermolo da situación”, defendeu.

Margarida López Barreiro, concelleira de Marea de Vigo, exerceu de moderadora do coloquio, ao que finalmente non asistiu a deputada de En Marea no Congreso do Estado español Alexandra Fernández por atoparse enferma. López falou da importancia de decatármonos de “todos os atrancos” que temos hoxe as mulleres nos partidos de esquerda e reclamou constancia na loita. 

A xornada continuou pola tarde, cun coloquio titulado “A raíz da violencia machista. Como se desenvolve e como se nos conta a historia”, no que interveu a profesora da Complutense de Madrid que ten realizado numerosos traballos de análise da violencia machista nos medios de comunicación e no cine, canguesa de nacemento,Asunción Bernárdez Rodal. A membro de Alternativa Canguesa de Esquerdas, Andrea Bernárdez, moderou o debate.

Publico na xornada feminista no salon de plenos municipal de Cangas

Asuncion Bernardez, durante a sua intervencion en Cangas

Asuncion Bernardez e Andrea Bernardez, en Cangas

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies