- Un acto co sector pesqueiro organizado por esta oficina hoxe en Santiago só conta coa presenza do eurodeputado do PP Gabriel Mato
- A europarlamentaria galega Lídia Senra lembra que esta é “práctica habitual do PP” e que non é a primeira vez que ocorre
Bruxelas, 2 de xuño de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acusa á Oficina de Información do Parlamento Europeo en España de ignorar aos eurodeputados e eurodeputada galegos membros da comisión de Pesca nun acto que ten lugar hoxe venres en Santiago e no que se debate sobre a proposta de Regulamento sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas.
Senra critica que o programa do evento non inclúa máis que a presenza de Gabriel Mato, eurodeputado popular e relator do informe de medidas técnicas mediante o cal o Parlamento Europeo fixará a súa postura sobre dita proposta de regulamento comunitario. Estarán, ademais, a conselleira de Mar, Rosa Quintana, un portavoz da Dirección Xeral de Mar da Comisión Europea e representantes do sector.
“Non temos nada que obxectar a que Gabriel Mato, como relator do informe, explique en Galiza a proposta da Comisión Europea e a súa postura sobre o futuro regulamento de medidas técnicas, pero lamentamos que non se teña en conta, por parte da Oficina do Parlamento Europeo no Estado, a pluralidade existente na comisión de Pesca; xa que o documento aínda non foi aprobado, está en fase de achegas, e polo tanto a visión que pode dar Gabriel Mató é a súa como relator. Para fixar a posición do Parlamento, aínda terá que aprobarse na comisión de Pesca primeiro e finalmente no Pleno”, sinala Senra.
A Oficina de Información do Parlamento Europeo no Estado Español non debería organizar reunións de carácter partidista ignorando a pluralidade do Parlamento comunitario. “Un ente destas características non pode dar voz soamente a unha parte”, afirmou Lídia Senra.
Non é a primeira vez que o PP é a única voz nas reunións sobre o informe de medidas técnicas. No verán de 2016, o Consello Galego de Pesca reuniuse para abordar o futuro regulamento e ao encontro só foi convidado, nun novo uso partidista deste ente, o eurodeputado Gabriel Mato.