AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

A eurodeputada galega Lídia Senra reclama a liberación dos presos políticos saharauis

4 Xullo, 2017 Elvira Hernández, GdeimIzik, GUE/NGL, Lidia Senra, presos, Resistencia Saharaui, Sahara Occidental, saharauis, Sarria, Uxía Castro
  • Participou nun acto en Sarria en favor dos presos de GdeimIzik que está xulgando Marrocos, organizado por Resistencia Saharaui e a Asociación Cultural Rúa da Música 
  • Insta a cumprir a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE e non permitir que Marrocos exporte produtos acaparados no Sáhara Occidental

20170701_223914

Santiago, 4 de xullo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), participou este sábado pasado pola noite en Sarria (Lugo) nun acto pola liberación dos 24 presos políticos saharauis encarcerados pola súa participación no campamento GdeimIzik, que están a ser xulgados pola xustiza marroquí por reivindicar o dereito de autodeterminación do pobo saharaui e o seu dereito a ter acceso aos seus recursos naturais. O evento, organizado por Resistencia Saharaui, en colaboración coa Asociación Cultural Rúa da Música, congregou a varias decenas de persoas que se xuntaron para informarse e debater sobre a situación actual saharaui, ver o documental “GdeimIzik, o campamento da Resistencia Saharaui” e gozar coa música de Noe González e Borja López, TheCoolExperience e Yslem Fillo do Deserto.

Lídia Senra reivindicou a importancia de organizar actos deste tipo en cantos máis lugares mellor para facer avanzar a causa saharaui e reivindicar a liberación de todos os presos políticos saharauis encarcerados inxusta e ilegalmente por Marrocos. Estes 24 presos foron detidos a partir do desaloxo do campamento en novembro do 2010, cun despregamento brutal das forzas de ocupación marroquís e facendo uso do fogo, a pesar de estar decretado o alto dende o acordo que puxo fin á guerra entre Marrocos e a Fronte Polisaria. Todos son cabezas visibles dunha xeración de activistas de territorios ocupados, dirixentes de organizacións de defensa do dereitos humanos saharauis, contra o expolio dos recursos, de organizacións a favor da memoria colectiva, etc. Tiveron que afrontar xuízos militares marroquís, a pesar de ser civís, e foron condenados incluso a cadeas perpetuas por defender o dereito do pobo saharaui a decidir, acusados de pertencer a organización criminal sen proba algunha nun proceso claramente político. Neste sentido, Senra asegurou que está vendo as posibilidades na súa axenda para poder asistir como observadora internacional ao reinicio dos xuízos que terán lugar este mes en Marrocos. E é que a raíz da presión internacional, están a volver a xulgar a este presos, agora nun tribunal civil, xa non militar, aínda que sigue a ser marroquí. Desde o decembro pasado, as sesións xudiciais suspendéronse até en 5 ocasións para evitar a presenza internacional.

Como sinalou Elvira Hernández, conselleira do GUE/NGL no Parlamento Europeo e observadora no xuízo militar de GdeimIzik, “o novo xuízo contra o grupo de GdeimIzik, a pesar de que é ante un tribunal civil, constitúe unha nova vulneración do IV Convenio de Xenebra sobre defensa e protección da poboación nos territorios ocupados. É ilegal que Marrocos traslade e xulgue a civís fora do territorio saharaui. Ademais, os Acordos de Madrid de 1975 polos que España transfería o Sáhara Occidental a Marrocos e Mauritania son ilegais posto que a soberanía dun territorio non autónomo non é transferible e España ten a obriga de descolonizar”.

Pola súa parte, Uxía Castro, membro de Resistencia Saharaui, sinalou a importancia de GdeimIzik na historia da loita pacífica do pobo saharaui pola súa independencia. “Por iso non debemos esquecer aos activistas de dereitos humanos presos por organizar o Campamento da Dignidade Saharaui e temos que seguir denunciando a brutalidade da política penitenciaria marroquí contra eles, incluídas torturas recoñecidas polas Nacións Unidas cuxo Comité contra a tortura condenou a Marrocos o pasado 12 de decembro.

A eurodeputada, na súa quenda, denunciou que detrás do conflito está a reivindicación saharaui do seu dereito á autodeterminación, que lle seguen a negar, e o seu dereito ao acceso aos seus recursos naturais. Así, Lídia Senra asegurou que Europa non está a facer nada para que se cumpra a sentenza dictada polo Tribunal de Xustiza da UE en decembro do 2016 e que ditaminou que o Sáhara Occidental é unha rexión que non forma parte do “territorio do Reino de Marrocos” e que polo tanto o acordo de comercio non pode incluír que Marrocos exporte á UE produtos acaparados, como os derivados da pesca, minerais ou de horta, no Sáhara. “Neste conflito, os intereses da UE, das multinacionais e das elites gobernantes cos que se chega a acordo están detrás do feito de que se impida realizar un referendo e que o pobo saharaui goce do dereito de autodeterminación”, afirmou Senra.

A parlamentaria galega denunciou as altas exportacións de fosfatos que fai Marrocos, por exemplo, e tamén que a pesar de que os acordos de pesca son ilegais, iso no impide que hoxe se siga vendendo na UE polbo pescado nas augas territoriais do Sáhara Occidental, por exemplo, ou aceite de peixe, etc. Os intereses do rei de Marrocos na industria de produción tomateira, ou os intereses das industrias de enerxía eólica e solar, así como das petroleiras nesta zona está no fondo do conflito, dixo.

As tres intervintes fixeron fincapé en que, tanto á UE como á ONU que deixen de mirar para outro lado e esixan que se cumpra o dereito á autodeterminación do pobo saharaui, internacionalmente recoñecido. Tamén reclamaron ao goberno do Estado español que deixe de facer como se España non tivera responsabilidade algunha no conflito do Sáhara Occidental, porque segundo o dereito internacional segue sendo a potencia administradora do territorio non autónomo, última colonia en África.

20170701_214258

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies