- AGEe denuncia a través dunha pregunta parlamentaria a desfeita provocada pola construción dun dique no río Miño
- A contaminación e deterioro dos ríos e rías da Galiza foi denunciada no Parlamento Europeo a través de colectivos galegos a pasada semana
Bruxelas, 10 Decembro 2015. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, vén de rexistrar unha pregunta parlamentaria escrita[1] dirixida á Comisión Europea, en relación á construción dun dique no Río Miño ao seu paso por Castro Romai (Lugo), con motivo das obras da Fábrica da Luz.
Esta solicitude de información realizouse cos datos proporcionados por SOS Río Miño[2], no marco do encontro cos colectivos galegos que acudiron a Bruxelas o pasado día 2 de decembro para denunciar directamente diante da Unión Europea o desleixo das Administracións na conservación e coidado dos ríos e rías da Galiza.
No escrito rexistrado onte ponse en coñecemento da Comisión que a parte do tronco fluvial do río afectado posúe o estatus de Espazo Natural Protexido, ao estar incluído en tres zonas especiais de protección e conservación. Porén, sinálaselle á Comisión, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio de Fomento, autorizou a realización dun proxecto que contempla a construción dunha minicentral hidroeléctrica “cun aumento substancial do volume turbinábel en relación á situación inicial da concesión […], volume que ameaza o estado ecolóxico deste tramo fluvial”.
Aliás, AGEe subliña a través desta pregunta que a propia Declaración de Impacto Ambiental requerida para aprobar o proxecto non recolle precisamente as características de biodiversidade do Miño nesta zona, singulariedade específica que motivou a súa declaración de Zona Especial de Protección, Conservación e Reserva da Biosfera, integrada na Rede Mundial de Reservas da Biosfera dende o ano 2002.
Diante desta situación, consultamos directamente á Comisión Europea se está permitida a realización de obras de construción de diques -en pedra e terra-, así como secar canles fluviais e forzar ampliacións de volume nunha área de especial protección, conservación e reserva da biosfera.
NOTAS:
[1] Para consultar directamente o PDF da pregunta rexistrada pincha aquí
2 A plataforma SOS Río Miño leva tempo denunciando os moitos ataques que recibe de forma continuada o Miño, dende verquidos incontrolados procedentes das actividades industriais e gandeiras, sistemas de depuracións de vilas e cidades pouco eficientes, talas incontroladas de árbores de ribeira, abandono sistemático de muíños e caneiros, destrución do ecosistema, desaparicións de especies animais e vexetais… Na súa intervención no Parlamento Europeo o pasado 2 de decembro puxeron en coñecemento da DX de Medioambiente que “as Administracións están a consentir actuacións e obras que danan seriamente o río”, como son, precisamente, as da Fábrica da Luz, polo que “un dos maiores agresores ao ecosistema das concas fluviais sona as propias administracións, en particular a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, xa que adoitan ser estes axentes públicos os causantes activos, ou por omisión, das agresións sufridas polos ríos galegos”.