- Achegamos listaxe correspondente aos fondos europeos propostos para suspensión pola CE e carta na que o PE acepta debate estruturado
- Senra esixe que Feijoo “dea a cara” para explicar o impacto nos orzamentos da Xunta e demanda oposición total ás medidas da UE
Bruxelas, 30 Xullo 2016. O pasado 14 de xullo o Vicepresidente da Comisión Europea Jyrki Katainen remitiu unha carta ao Presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, achegando unha lista de posíbeis Fondos Estruturais e de Investimento Social Europeo que poderían ser conxelados no Estado español e Portugal en virtude da Normativa de Disposicións Comúns que rexe este tipo de fondos -entre os que se atopan, entre outros, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ou o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca-, e que prevé que parte deses recursos podan ser suspendidos se o Consello decide que un Estado membro non tomou medidas eficaces en resposta a unha recomendación emitida no contexto do Procedemento de Déficit Excesivo.
Posto que o pasado 12 de xullo, á vista de que o déficit do Estado español e Portugal non era inferior ao 3%, o Consello ditaminou que estes Estados realizaron un esforzo orzamentario que ficou “moi por embaixo do recomendado”, danse xa as condicións contempladas pola tecnocracia europea para proceder á chantaxe da ameaza de suspensión de fondos públicos a estes dous Estados membro.
Nos fondos propostos para suspensión atópanse tódolos plans de desenvolvemento rural do Estado español, polo tanto tamén o galego; así como programas de dimensión estatal que afectan directamente ao noso País, como o Programa Operativo Rexional; o Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; o Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación; o Programa Operativo de Inclusión e Economía Social; o Programa Operativo de Asistencia Técnica; o Programa Operativo de Crecemento Intelixente; o Programa Operativo de Crecemento Sustentábel ou o Programa Operativo Iniciativa PEME, entre outros.
O 25 de xullo o Presidente do Parlamento remitiu unha carta ao Presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, aceptando a proposta da CE de que logo do verán teña lugar un debate estruturado entre a Comisión Europea e o Parlamento Europeo a fin de discutir, no caso de que finalmente se dea unha suspensión de fondos, cales dos sinalados na lista proposta pola Comisión Europea serían os afectados. Logo deste proceso a Comisión Europea proporá para a súa aprobación no Consello Europeo -conformado polos/as presidentes dos estados membros- unha lista de fondos a conxelar, como castigo ao incumprimento do déficit do Estado Español.
“De concretarse a posibilidade da suspensión de fondos -sinalou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra-, o Plan Estratéxico 2015-2020 do que alardea Feijoo, e que mesmo nos veu ‘vender’ a Bruxelas o Conselleiro de Facenda, podería converterse en papel mollado”.
Este escenario de violencia económica debuxado polas institucións europeas, “pon de manifesto algo que sempre se quixo ocultar, que é a intervención do Estado español por parte de Bruxelas”, analizou a eurodeputada galega. “Chantaxear con cartos públicos para obrigar a favorecer aos intereses privados a través de recortes e privatizacións é totalmente inmoral e atentatorio contra os Dereitos Humanos; é arrepiante que a Comisión Europea empregue a extorsión para afondar nunhas políticas de austeridade que están levando ao aumento da pobreza e da exclusión social, á falta de recursos para o coidado da saúde a través do desmantelamento da Sanidade, á restrición do acceso á educación, e toda unha batería de medidas orientadas a atacar ás clases populares”.
Reiteramos que o Goberno central en funcións ten que explicar inmediatamente en que vai concretar os recortes comprometidos para acadar a redución do déficit orzamentario, así como explicar tamén se vai adoptar medidas con relación ao outros aspectos recollidos no Memorando de 2012, como as reformas do mercado laboral, das pensións, o déficit tarifario, etc.
“O Goberno tense que opor rotundamente á conxelación de fondos, esixir á Comisión que retire esta chantaxe e desbotar as medidas neoliberais da UE apostando por aquelas que vaian directamente sobre os responsábeis das crise económica e non sobre as clases populares[1]”, esixiu Lídia Senra. “Se a chantaxe vai adiante e din que ou cumprimos co Memorando ou ficamos fóra da UE, o Goberno ten que tomar a decisión clara de romper ca Unión Europea. Non pode pasar o que pasou en Grecia.”
A eurodeputada de AGEe esixiu tamén “un posicionamento claro” por parte da Xunta de Galicia diante da ameaza lanzada pola Comisión: “o Presidente Feijoo ten que dar a cara publicamente para explicar cal sería o impacto dunha medida deste tipo nos programas afectados e, en xeral, nos propios orzamentos da Xunta de Galiza.”