- Lídia Senra destaca que mariscadoras, sector do mexilón, das artes menores, do cerco e da pesca artesanal fosen escoitados
- Fajardo tacha de “indecente” á conselleira por interecambiar cotas pesqueiras galegas por intereses do PP noutros lugares de Europa
Santiago, 1 de abril 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquera Verde Nórdica (GUE/NGL), acompañada polo voceiro de AGE en materia pesqueira no Parlamento galego, Juan Manuel Fajardo, ofreceu este venres pola mañá unha roda de prensa na Cámara Galega para dar conta da visita que esta semana realizou a delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a Galiza. Durante a intervención, Senra destacou que “é a primeira vez que se dá algo así”. “Parece mentira que tivera que chegar AGE ás institucións para que isto fose posible”, dixo Fajardo. E é que segundo o rexistro do propio Parlamento Europeo, dende polo menos o ano 2000, que é desde que se teñen datos rexistrados, a Comisión de Pesca non fixera ningunha visita íntegra a Galiza como fixo esta semana. Si é certo que ten estado no 2007 e no 2012, pero visitando só a Axencia de Control, pero unha visita de varios días con reunións coas diferentes partes do sector pesqueiro galego nunca se dera.
Lída Senra explicou que esta viaxe comezou a organizarse en setembro do 2014, cando tras chegar ela ao Parlamento Europeo como eurodeputada e en pleno conflito do cerco, se abriu o tempo para que os grupos fixeran propostas. “Propuxen que a Comisón de Pesca visitara Galiza, xa que somos o primeiro país en importancia pesqueira na UE”, explicou. A Comisión de Pesca, atendendo a proposta de AGE, decidiu que se faría, e esta semana tivo lugar.
A eurodeputada comentou que na organización puido haber fallos, pero destacou a importancia de que fose a primeira vez que unha visita así se realizara. “O máis importante é poñer en valor que tiveron moita presenza neste encontro diferentes sectores pesqueiros, moita presenza das mariscadoras, do sector do mexilón, das artes menores e da pesca artesanal”, dixo.
Lídia Senra explicou que nas xuntanzas que se prolongaron durante martes, mércores e xoves en Vigo, Vilagarcía, A Illa de Arousa e Santiago se puxo enriba da mesa a cuestión da limpeza e a rexeneración das rías, “que está facendo perigar moitos postos de traballo”. “Tamén a insuficiencia e o reparto das cotas e o reparto, que está poñendo en perigo a supervivencia de miles de familias que viven da pesca”. O sistema de análise das biotoxinas e a fraude no etiquetado do mexilón foron outros dos temas que se trataron, igual que a necesidade de que as capturas accidentais saian do reparto de cotas, cuestión que xa foi levada a Europa por AGEe a través dunha emenda e que xa foi aceptada.
Pola súa banda, Juan Manuel Fajardo incidiu en que “é a primeira vez no que vai de século que a Comisión de Pesca visita Galiza. Parece mentira que tivera que chegar AGE para que isto fose posible. Isto demostra a capacidade que temos para incidir”.
O deputado galego denunciou que o 20% do emprego pesqueiro perdeuse desde que chegou Alberto Núñez Feijóo á Xunta e arremeteu contra a actitude do Goberno galego do PP en materia pesqueira. “Acaba de gañarse unha sentencia contra a fraude da etiquetaxe do mexilón e a Xunta segue mirando para o outro lado. É un argumento máis para que dimita a conselleira. Hai que defender o sector do mexilón, non se pode vender como galego mexilón de fora e iso está a pasar coa complicidade da Xunta”, incidiu.
Fajardo deixo claro que desde AGE “imos defender que a pesca artesanal saia do sistema de cotas”. “Fronte a iso, nesta visita o PP estaba máis interesado en falar de Anfaco e de multinacionais que en falar daqueles mariñeiros galegos que saen ao mar todos os días”. O deputado anunciou que AGE emprenderá unha campaña en defensa do producto galego e non do producto de fora que se está vendendo como galego e “cando tomemos a Xunta, o goberno será un goberno que se preocupará polo sector tradicional e a pesca galega, non como agora”.
Fajardo tachou de “indecente” á conselleira de Pesca porque, dixo, “está intercambiando cotas de pesca dos galegos por outros intereses do PP noutras nacionalidades de toda Europa”.