- A eurodeputada e candidata recalca que nestes 5 anos no Parlamento Europeo máis de 500 persoas viaxaron a Bruxelas a iniciativa dela para defender loitas galegas e considera fundamental seguir tendo #ANosaVozEnEuropa
- Neste mandato realizou máis de 1000 intervencións orais e escritas nas sesións plenarias da Eurocámara, presentou máis de 300 preguntas escritas á Comisión Europa e agarda poder continuar a partir do 26 de maio o camiño iniciado
CORTE AUDIO DECLARACIÓNS DE LÍDIA SENRA DE HOXE PINCHANDO AQUÍ
Santiago, 24 de maio de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea:Compromiso por Europa ás eleccións europeas do 26 de maio, acompañada polo voceiro de En Marea, Luís Villares, deron este venres pola mañá unha rolda de prensa no local de En Marea, en Santiago, para facer balance da campaña electoral, do traballo feito neste mandato e realizar un chamamento a que todas as persoas collan o sobre de votación en En Marea:Compromiso por Europa nos colexios electorais o domingo, xa que a papeleta non se enviou por correo postal ás casas.
Senra destacou que neste mandato, a pesar do apagón informativo, organizamos actividades e xornadas sobre o sector lácteo, defensa da terra, dereitos das mulleres, pensións, containación, problemáticas dos concellos, etc. “Aos grandes partidos non lles interesa o debate europeo. Somos conscientes de que se aplican decisións directamente como marca a UE, sen debate e que nos afectan moito no día a día. Por iso o domingo pedimos o voso apoio para seguir tendo #AnosaVozEnEuropa e dar a batalla por mudar a situación.
Senra pediu o voto para a súa candidatura destacando como aval o traballo realizado nestes 5 anos de eurodeputada. Neste sentido, salientou que máis de 500 persoas da Galiza participaron en delegacións galegas ao Parlamento Euorpeo en Bruxelas a iniciativa dela, para achegar e visibilizar moitas das loitas que se están dando no país e denunciar cuestións de máxima importancia. Tamén salientou que neste mandato realizou 1000 intervencións, entre orais e escritas, nos debates das sesións plenarias do Parlamento Europeo. Dirixiu á Comisión Europea e ao Consello Europeo máis de 300 preguntas escritas, así como 18 interpelacións orais á Comisión Europea. Impulsou, xunto con outras deputadas e deputados, 76 propostas de resolución. Foi correlatora dun informe sobre o papel das mulleres nas zonas rurais, relatora alternativa en 11 informes da Comisión de Agricultura e da Comisión de Pesca e en 13 informes de opinión. Presentou unha proposta de resolución individual sobre a anexión das augas territoriais do Sáhara Occidental por parte do Reino de Marrocos. E editou 4 publicacións temáticas: Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo (2016). O feminismo, imprescindíbel para construír outra Europa (2018), O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa (2018), Finanzas, enerxía, terra, coidados, datos: Privados? Sociais? A economía no século XXI (2019) e tres boletíns recompilatorios da súa actividade como parlamentaria (2016, 2017 e 2019).
Sobre as persoas que acudiron ao Parlamento Europeo a iniciativa de Senra, os datos son: No ano 2014: 55 persoas vinculadas a loitas na defensa da terra e o territorio. No ano 2015: 12 representantes das traballadoras e traballadores das empresas Lantero e Cleanet; 25 representantes do sector leiteiro; 11 persoas vinculadas á defensa das áreas de montaña; 19 persoas vinculadas á loita polos dereitos das mulleres; 18 persoas de colectivos que loitan contra a contaminación das augas. No ano 2016: 7 integrantes de SOS Panadeira; 24 participantes na xornada ‘Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa’; 15 participantes na xornada ‘Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala’; 63 participantes na xornada ‘A situación da cultura galega’. No ano 2017: 13 participantes na xornada ‘Soberanía alimentaria dentro da nova Política Agraria Común’; 29 participantes no REALPE 2017; 25 integrantes da campaña En Negro contra as Violencias Machistas; 32 participantes na xornada ‘Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización’. No ano 2018: 28 participantes na xornada ‘Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?’; 24 participantes no Foro Feminista; 31 participantes na xornada ‘Unha PAC para o campesiñado e a cidadanía’; 24 participantes no REALPE 2018. No ano 2019: 25 participantes no REALPE 2019; 15 mozos e mozas; 15 integrantes da delegación ‘Aire, auga e terra limpas, para Galiza e para toda Europa’.
Durante a lexislatura 2014- 2019, Lídia Senra Rodríguez foi a coordinadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural e, a nivel de todo o Parlamento Europeo, responsable do seguimento da aplicación da perspectiva de xénero nesta comisión. Tamén foi representante do GUE/NGL na Delegación da Asemblea Parlamentaria Paritaria África, Caribe, Pacífico e Unión Europea e suplente na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.
Na rolda de prensa, Senra dixo esperar a que o domingo os galegos e galegas apoien a súa candidatura, tendo en conta todo este traballo. No mesmo sentido, Luís Villares salientou que as últimas enquisas dan 1 escano seguro na coaliación estatal Compromiso por Europa, que é na que se inclúe En Marea, e amosan que está en disputa o segundo escano, que é o lugar que ocupa Lídia Senra na citada coalición. “Nestas eleccións europeas temos unha posición de saída importante por todo o traballo feito en Bruxelas estes cinco anos por Lídia Senra. Podo dicir con seguridade que ningún deputado ou deputada en toda a hisstoria da Eurocámara desenvolveu un traballo tan amplo na defensa do intereses e inquedanzas do noso país”, afirmou. Todo o traballo realizado por Lídia Senra, así como as publicacións, están dispoñibles na súa web www.lidiasenra.gal