- A eurodeputada e candidata estivo esta tarde visitando a explotación agraria O Alle, en Lalín, acompañada por membros da súa lista electoral europea
- Reclama que as políticas agrícolas da Unión Europea prioricen a financiación de proxectos locais de transformación dos produtos nas propias granxas
CORTE AUDIO DECLARACIÓNS DE LÍDIA SENRA DE HOXE PINCHANDO AQUÍ
Lalín, 23 de maio de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea: Compromiso por Europa ás eleccións europeas do 26 de maio, estivo este xoves pola tarde visitando a explotación agraria O Alle, en Lalín, acompañada por outros membros da candidatura electoral europea.
En declaracións aos medios, Lídia Senra cualificou de “clave” para o próximo mandato do Parlamento Europeo a reforma da Política Agrícola Común (PAC). Así, defendeu a transición cara a un modelo que sexa capaz de crear empregos en base á agrecoloxía e apostou tamén por unha redistribución dos fondos. Neste sentido, explicou que no seu programa electoral se propón a concesión de 8.500 euros por persoa activa na agricultura como medida para fixar poboación no medio rural.
Igualmente, defende que os fondos europeos deben de priorizar o financiamento de proxectos locais de transformación dos produtos agrícolas nas propias granxas e tamén apoiar modelos para reducir a dependencia da alimentación dos animais con materia que ven de fóra, apostando polo potencial da propia terra.
Senra considera que a actual PAC foi incapaz de resolver os principais problemas que teñen as explotcións galegas e que tampouco solucionou os problemas das explotacións do resto de Europa. “Cada vez son menos as perosas que se adican á agricultura e gandería, teñen un nivel de renda inferior á media e vense con serias dificultades para cubrir custos de produción. Agora é o momento de facer unha reforma en profundidade. No próximo mandato débese aprobar a PAC para o período 2021-2027. Soberanía alimentaria, loita contra o cambio climático, emprego, medio rural vivo, protección dos recursos naturais deben ser os eixos centrais desta nova política”, dixo. “A agricultura debe ser un dos principais desafíos e preocupacións da sociedade. É posible. Só se precisa vontade política”, zanxou.