- Lídia Senra interveu na sesión plenaria do Parlamento Europeo para oporse á privatización da xestión do proceso de reutilización de augas
- Alertou do posíbel incremento da contaminación dos chans e lembrou que esas substancias voltan a nós a través da auga, o aire e os alimentos
Estrasburgo, 12 de Febreiro de 2019. O Parlamento Europeo aprobou hoxe o Informe sobre a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo aos requisitos mínimos para a reutilización da agua.
A coordinadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, Lídia Senra, interveu durante a sesión plenaria para chamar a atención sobre o feito de que esta proposta, lonxe de romper as dinámicas industriais hexemónicas que precisamente están a provocar a contaminación das augas e as secas, propón dar respostas que, novamente, pasan por enriquecer ás grandes empresas privadas.
“Unha vez máis pido a este Parlamento que vaia máis aló de medidas que só supoñen parches. Temos que apostar por un modelo de desenvolvemento non contaminante, e con menor consumo de auga, tanto na industria como no turismo, na agricultura ou na gandaría. Non podemos continuar ca lóxica de agochar no medio rural e na terra os resíduos urbanos. Xa coñecemos por exemplo os graves impactos dos lodos de depuradora na saúde das persoas e no medioambiente. O que botamos na terra volta a nós logo a través dos alimentos, da auga, do aire… Non podemos esquecelo.”
Se ben Senra subliñou non estar en contra do principio de reutilización da auga, si puxo sobre a mesa as patentes carencias da proposta aprobada hoxe. “O informe recoñece que hai augas que non van poder ser utilizadas para regar determinados cultivos porque poden supor un risco para a saúde. Entón, como se vai evitar que esas augas que se van empregar para regar outro tipo de cultivos non contaminen os acuíferos?”, cuestionou ao Comisario Europeo de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca Karmenu Vella, presente no hemiciclo.
Unha cuestión especialmente preocupante, abondou a eurodeputada galega, é que o tratamento de rexeneración das augas vai estar nas mans de operadoras privadas. “O comisario falou de oportunidades empresariais para operadores e suministradores de tecnoloxía, e creo que esa é unha das claves, que ao amparo da economía circular estase proporcionando ás empresas poder facer negocio coas augas residuais a costa da saúde, porque a xestión e rexeneración desas augas quedan en mans de operadores privados”, denunciou, “Unha actividade tan sensíbel non pode ser un negocio, toda o ciclo da auga debería ser de xestión pública. Ademais, quen paragará estes procesos? As labregas e labregos na auga de regadío?”.
Lídia Senra apelou unha vez máis a que Comisión Europea sexa consciente da interrelación das súas propias políticas. “Non pode pretender facer unha carta de bos desexos sobre a calidade da auga se non está paralelamente atallando prácticas contaminantes que están a repercutir de xeito gravísimo, poñendo mesmo en risco a saúde da poboación. A privatización do tratamento das augas residuais e a súa reutilización na agricultura o que vai provocar é unha maior contaminación da terra e dos alimentos con metais pesados, antibióticos e todo tipo de residuos procedentes de actividades industriais, hospitais, etc…”
Acceso á intervención completa: http://www.europarl.europa.eu/plenary/es/vod.html?mode=unit&vodLanguage=ES&vodId=1549968917592#