- Case 30 representantes da política local galega están participando en Bruxelas no encontro internacional REALPE 2019 do GUE/NGL
- A concelleira das Pontes María Chao presentou hoxe unha batería de medidas cas que fornecer a loita contra a especulación urbanística
Bruxelas, 07 de Febreiro de 2019. ‘Vivenda, progreso social e derrota ao fascismo. Comunidades locais para outra Europa’, esta é a consigna baixo a cal o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) convoca este ano o encontro da Rede Europea de Autoridades Locais e Progresistas (REALPE 2019).
Ao igual que na edición anterior, convidado pola eurodeputada Lídia Senra (GUE/NGL) un numeroso grupo de representantes da política local galega están participando neste evento. Desta volta desprazáronse a Bruxelas os alcades de Salceda de Caselas, A Pobra do Caramiñal e Manzaneda, Marcos Besada, Xosé Lois Piñeiro e Félix Domínguez, respectivamente, así como o tenente de alcalde de Ribadumia, Enrique Oubiña; o tenente de alcalde e concelleiro de Benestar, Igualdade e Participación Veciñal en Teo, Ignacio Iglesias Villar; o concelleiro de Economía e Facenda de Cambados, Xurxo Charlín; a concelleira de Salceda de Medio Ambiente, Deportes, Xuventude, Voluntariado, Participación cidadá e Novas Tecnoloxías, Carla Pérez; a concelleira das Pontes María Chao, os de Xunqueira de Ambía Sonia Vidal e Eladio Cid; a de Vilanova de Arousa Elena Cores; a de Lugo Cristina Pérez Herráiz; os de Arbo Manuel Álvarez e Baltasar Vallejo; a de Pontevedra María del Carmen Moreira; o de Trives Jorge Vázquez; ou o do Courel Óscar Carrete.
Tamén participan no REALPE 2019 o voceiro de En Marea Ponte Caldelas, Rodrigo Márquez; a membro da Coordinadora da Marea de Noia, Consuelo Martínez; o ex tenente de alcalde de Corcubión Alfredo González; os membros da Coordinadora de Alternativa Canguesa de Esquerdas, Andrea Martínez e Xurxo González; a membro da Comisión de Garantías de En Marea e responsable da secretaría de Coordinación de Gañemos Vilanova, Concepción Rodríguez; o coordinador local de Sarria En Marea, Iván López; a coordinadora de Municipalismo e extensión territorial de En Marea, coordinadora tamén do grupo municipal de Ames Novo, Ana Seijas; a membro de Son de Trives Ana García; a ex concelleira de Vivenda de Ourense, Iolanda Pérez; e o deputado de En Marea no Parlamento Galego Davide Rodríguez Estévez.Senra destacou hoxe a importancia de poder debater e analizar durante dúas xornadas cuestións fundamentais para a esquerda europea como son as políticas de vivenda, o actual ataque aos dereitos humanos e sociais e o auxe da extrema dereita. “Creo que xornadas como estas son fundamentais porque nos permiten coñecernos e poñer en común as nosas loitas para defender dereitos tan básicos como o acceso á vivenda. Constatamos tamén que nos distintos Estados se están mudando as políticas para favorecer o negocio da vivenda en detrimento das persoas, provocando que aumenten cada vez más as persoas sen teito e as dificultades para pagar os alugueiros. Compartimos a necesidade de avanzar en políticas públicas que garantan o acceso á vivenda a todas as persoas mediante a construción de vivenda pública e social e regulación dos prezos dos alugueiros. Garantir que se poña fin á especulación da vivenda e prestando atención especial nas cidades con moita presenza do turismo.”
Na quenda desta tarde a concelleira das Pontes María Chao encetou a súa participación no panel sobre “Vivenda Social e Especulación” reivindicando que só se pode acadar o dereito á vivenda a través do desenvolvemento de políticas públicas de vivenda, “entendemos a vivenda como un ben básico que non pode quedar suxeito ás determinacións do mercado, senón que ten que considerarse un ben indispensable para a vida das persoas”, para o que son precisas “políticas públicas que regulen tanto o acceso á vivenda como a permanencia nela e políticas específicas para combater a especulación”.
Chao explicou que tanto na Galiza como no Estado español “o territorio é un campo de batalla para a especulación das forzas económicas”, ilustrando esta afirmación poñendo como exemplo a Lei de 2002 de regulación do solo aprobada polo Partido Popular na Galiza, na que, afirmou, “por defecto, todo era urbanizable, o que lugar a que se cometeran auténticas barbaridades”, ao tempo que proxectou na sala imaxes que ilustraban a especulación urbanística a pé de costa nos concellos de Barreiros e O Grove, e de urbanizacións pantasma en Garañon (Lugo) e Miño.
A concelleira das Pontes proseguiu a súa intervención dando conta doutra das caras da crise habitacional: o despoboamento. “No rural perdemos poboación en detrimento das zonas máis urbanas, e tamén poboación que emigra en busca de oportunidades laborais. Catorce comarcas galegas perderon xa máis do 40% da poboación”.
María Chao aportou tamén claves sobre a situación no seu concello, As Pontes, chamando a atención sobre a existencia de exemplos de case tódalas malas prácticas relacionadas ca xestión da vivenda. “Temos un rural despoboado e abandonado. A vila caracterízase pola súa dispersión urbanística, con vivendas baleiras no centro, solares sen edificar, urbanizacións illadas -construídas por Endesa para os seus traballadores- e un comercio local que esmorece”. Fronte esta situación na que prima especulación, a destrución do entorno, os centros despoboados e as urbanizacións illadas, Chao avogou por activar medidas cas que permitan “completar primeiro o tecido urbano, sacar ao mercado as máis de 800 vivendas baleiras que hai na vila, rehabilitar edificacións e adaptalas ás novas necesidades da poboación”.
Aliás, presentou unha batería de medidas para avanzar na loita contra a especulación a nivel da Galiza, considerando indispensábel “regular de xeito diferente o eixo atlántico -máis poboado e con máis actividade económica- da zona do interior -menos poboada, avellentada e esmorecendo-, pois atenden a realidades distintas e, en xeral, ordenar o territorio dacordo coa realidade económica e demográfica do país, e que non nos marque o camiño o capital ou os intereses privados”.
María Chao destacou tamén a pertinencia de constituír un Observatorio da Vivenda na Galiza, como órgano que fornece unha análise continua da realidade socioeconómica do noso país, adecuar as políticas de vivenda as distintas tipoloxías de familias e aplicar unha perspectiva de xénero feminista na planificación urbanística.
Neste panel sobre vivenda social e especulacióna concelleira galega compartiu espazo con Françoise Desmedt, do Partido dos traballadores de Bélxica (PTB); Nasos Iliopoulos, candidato da alcaldía en Atenas e Vice-ministro grego de Emprego; Katalin Gennburg, integrante do parlamento de Berlín, voceira do partido alemán DIE LINKE en desenvolvemento urbano, cidade intelixente e turismo; José Moury, concelleiro de Bobignye responsábel das vivendas da Asociación Nacional dos Electos Comunistas e Republicanos do Partido Comunista Francés; Emma-Lina Johansson, concelleira de Malmö (Suecia); Mark Ward, Alcalde do Sinn Féin no Concello de Dublín Sur (Irlanda) e Mercedes Revuelta, activista da Plataforma de Afectadxs pola Hipoteca e da Plataforma contra os Fondos Buitre no Estado español.
Galería de imaxes REALPE2019: https://www.dropbox.com/sh/dsecb62l8oo0i9c/AADMc4DH30TkDhzhcM3dFJ0aa?dl=0