- Arredor de duascentas persoas acudiron hoxe a Compostela a debater con representantes da esquerda europea as medidas para facer fronte á austeridade
- A economista feminista Y. Jubeto, o eurodeputado alemán F. de Masi, e X. M. Beiras, achegaron as claves principais da elaboración de alternativas
Compostela, 21 Novembro 2015. A quenda de tarde da xornada “A Esquerda Europea. Garante dos dereitos das persoas fronte ás políticas de austeridade” que está a ter lugar ao longo de todo o día de hoxe na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela céntrase nas propostas elaboradas dende a esquerda para poñer os dereitos das persoas no centro das políticas da UE.
A Doutora en Economía pola Universidade do País Vasco e activista feminista Yolanda Jubeto foi a encarregada de dar inicio a esta segunda parte da xornada plantexando un cambio radical do actual paradigma económico, avogando por “situar no centro do sistema económico a Vida e poñendo ao seu servizo a produción, e non ao contrario, como acontece actualmente”. Cómpre visibilizar o “conflicto existente entre Capital e Vida”, pero dende unha visión ampla, que conxugue a “economía feminista, ecoloxista e solidaria”, reivindicando unha visión integral dos espazos do benestar e do malestar”. Jubeto chamou a atención sobre o feito de que embaixo do espazo mercantil “hai un espazo da reprodución ampliada da vida”, que non se ten en conta “debido a que esta sociedade patriarcal asume que son as mulleres as que teñen que asumir estas responsabilidades”. Deste xeito, o actual sistema económico “obvia que durante toda a nosa vida precisamos coidados”, centrándose simplemente no beneficio económico rápido.
Dende as políticas públicas, criticou, “adóitase identificar como suxeito do crecemento ás empresas capitalistas”, a quen os Gobernos proporcionan “todas as axudas necesarias”, pero “non se teñen en conta as fontes de benestar, de calidade de vida, que quedan agochadas”.
Para este cambio de paradigma, a economista feminista vasca propón, entre outras estratexias, replantexar o concepto de traballo, “que é moito máis que o traballo asalariado, son todas aquelas cousas que facemos para soster a vida”, por iso “dende a idea da ética dos coidados e da importancia do apoio mutuo temos que facer unha chamada á economía tradicional para que cambie o seu eixo”.
Aliás, lembrou, “vivimos nun planeta finito”, polo que “non podemos seguir ca visión do crecemento ilimitado e a actual ecodependencia”, se non que, máis ben, “debemos reflexionar sobre que canais e tipo de produción temos que promocionar, e analizar a quen benefician e a quen perxudican as actuais dinámicas de consumo compulsivo”. “O futuro será sostible se poñemos no centro a sostenibilidade da vida”, concluíu.
Fabio di Masi, eurodiputado do partido alemán Die Linke, situou a cuestión da moeda única europea como “un tema que afecta ao núcleo da democracia”, xa que repercute na vivenda, na atención sanitaria, en resumo, “aos problemas da xente día a día”, e subliñou que “é tarefa da esquerda dar respostas”. O economista alemán defendeu que a imposibilidade de evitar o debate sobre o Euro, xa que o Euro “non é simplemente unha moeda, é un conxunto de normas que reflicten unha serie de cuestión en Europa”. A día de hoxe, afirmou De Masi, “a austeridade matou a produción económica e a capacidade de xerar ingresos”.
Facendo unha retrospectiva de análise da composición de forzas económicas na Unión Europea, plantexou a estratexia levada adiante por Alemaña, un país que sempre tivo unha industria orientada á exportación, “unha filosofía que impregnou a súa estratexia na integración da UE, empregándoa para acadar o grande mercado global que precisaba para poder seguir expandíndose economicamente.” Por exemplo, na industria automobilística, “crearon un sector enorme con salarios baixos que permitiu que a industria alemana exportase máis barato a outros países”. Ademais, a existencia do Euro está a implicar “que outros países xa non podan protexerse fronte á competencia alemá”. Para mudar esta situación o eurodeputado de Die Linke propón a realización de “campañas para defender maiores salarios, vivendas, servizos públicos, etc.”. Sen embargo, aceptou, “o problema é que vós, en Galiza, Estado español, Grecia, non tedes tempo para agardar”.
Outro dos factores que dificultan a creación de alternativas é o Banco Central Europeo (BCE), “unha ferramenta moi potente para dicir que se non fas austeridade cortaremos a billa e terás un caos na túa economía”, polo que, se queremos reestructurar a nosa economía e facer fronte ás necesidades sociais, “temos que poder acceder a un banco central para as persoas”. Para De Masi, “se non temos cartos e o BCE di que non resposta ás nosas solicitudes salvo que adoptemos medidas de austeridade, só queda saír do euro”. Nembargantes, “só podemos cambiar o euro se facemos un referendo fronte á austeridade”.
Por último, o voceiro nacional de Anova-IN e voceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento Europeo, Xosé Manuel Beiras, pechou esta xornada realizando unha recapitulación histórica do que é “a contraposición do edificio da Unión Europea construído no Tratado de Maastricht e o que é o proxecto da Unión Europa social”, que, defendeu, “actualmente está en xogo”. Beiras fixo un chamamento a estender o debate para poder chegar a unha “indispensable estratexia europea das forzas cívicas e políticas da esquerda” para recuperar a Europa social fronte ao “auténtico 4º Reich no que se converteu actualmente a UE”, denunciou.
“O problema da UE é xenético”, advertiu, “só é unha unión monetaria e aí empezan os problemas”. Agora a cuestión é deseñar as pautas para que as cidadás e cidadáns “recuperemos o control democrático das institucións”. Na actualidade “estamos nunha grande depresión, non nunha crise”, polo que as políticas teñen que ser “anticíclicas”, e non “procíclicas”, que son as que se están a aplicar na actualidade.
“Estamos na fase final do ciclo hexemónico xestado no primeiro tercio do século XX, na fase de decadencia. Estamos nunha etapa de caos sistémico”, analizou o economista galego. Fronte a isto, “non podemos ter unha visión introvertida europea, porque as claves primordiais non están dentro de Europa. Europa está deixando de ser centro”. A día de hoxe, “nunca houbo tantas democracias e nunca houbo tanta ausencia da democracia”, afirmou. Analizando polo miúdo a actual situación socioeconómica “revélase que estamos nunha fase de transición”, o que implica que “xa non se pode entender o sistema económico como conxunto pechado en si mesmo, senón que hai que velo como pezas que forman parte do ecosistema”.