- A eurodeputada participou nun debate sobre como mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes naturais nos países de ACP
- Reclama que as institucións recoñezan e actúen en consecuencia coas e cos refuxiados climáticos e que se traballe máis na prevención e nas raíces do cambio climático
Santiago, 19 de decembro de 2017. A eurodeputada Lídia Senra está a participar en Haití na 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria África-Caribe-Pacífico (ACP) – Unión Europea (UE), como membro da Delegación do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL. A europarlamentaria galega desprazouse o pasado venres a Porto Príncipe xunto con outros eurodeputados e eurodeputadas, onde permanecerán até este xoves.
Despois do traballo previo das Comisións durante o sábado e o domingo, o luns tivo lugar a apertura da 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria ACP-UE. Un dos temas de debate nesta primeira sesión foi un informe sobre a necesidade de “Mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes naturais nos países da zona ACP“. “Este é un tema que nos afecta a todos e a todas, e que reviste unha grande importancia nos países do Caribe fortemente afectados por fenómenos metereolóxicos e catástrofes climáticas extremas. Haití, antes de que poidera recuperarse da catástrofe provocada polo terremoto do 2010, viu empeorar aínda máis a situación co furacán Mattew”, explica a eurodeputada. Segundo o informe 2016 sobre riscos mundiais abordado na xuntanza, outros sete países do grupo ACP están expostos a un elevado risco de fenómenos naturais extremos (Vanuatu, Tonga, Illas Salmon, Papúa-Nova Guinea, Timor Leste, Mauricio e Guinea-Bissau.
Neste contexto, Senra lembra que “sabemos que o cambio climático aumenta a frecuencia, a intensidade, a extensión xeográfica e a duración dos fenómenos meteorolóxicos e das catástrofes climáticas extremas”. Tamén a escaseza de augas superficiais, os asolagamentos, os periodos de choivas ou secas prolongadas ou o aumento do nivel dos océanos son consecuencias do cambio climático que afectan en todos os países do mundo (tamén na Galiza). “Provocan perdas importantes na agricultura e polo tanto o aumento da fame, xeran un aumento da pobreza e das desigualdades, dos problemas de saúde, e tamén o desprazamento das poboaciones nas zonas máis afectadas. As e os refuxiados climáticos son unha realidade que temos a obriga de recoñecer e actuar en consecuencia”, defende.
Así, Lídia Senra defendeu que “para mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes climaticas é necesario atacar as raíces; as decisións políticas que provocan o cambio climático, e tamén actuar en materia de prevención para reducir ao máximo os impactos dos fenómenos meteorolóxicos e das catástrofes climáticas extremas”. En canto ás raíces do cambio climático, citou a importancia de abordar o sistema agroalimentario, baseado nos modos de produción agraria industrializada e os mercados globalizados de alimentos. “Podemos consideralos responsables de ao redor dun 50% das emisiones de gases de efecto invernadoiro”, dixo. Fronte a iso, chamou a promover a agricultura labrega de base agroecolóxica e os circuitos curtos de comercialización como elementos valiosos para contribuir a arrefriar o planeta.
“Promover a resiliencia fronte ao cambio climático a longo prazo significa que a Unión Europea debe adoptar unhas políticas coherentes de redución do consumo de enerxía, poñer fin ao acaparamento de terras e ao deterioro dos ecosistemas e a biodiversidade”, engadiu.
En canto á prevención para reducir o impacto das catástrofes, Lídia Senra considera necesario “aprender das boas prácticas” e puxo como “exemplo de éxito” a Cuba, para considerala positiva á hora de poñer en marcha medidas para reducir o impacto en caso de riscos metereolóxicos como as tempestades tropicais.
No marco do lugar no que se están a desenvolver estes encontros, Senra destacou a cooperación rexional que se dá no Caribe. “Parécennos moi positivas as iniciativas de xestión de riscos no Caribe e os acordos acadados no 6º Cumio CARICOM-CUBA para traballar en conxunto nunha Axenda Estratéxica Rexional para abordar a xestión de risco de desastres, a asistencia humanitaria e a reconstrución; así como o Memorando de Entendemento sobre a Redución do Risco de Desastres da Axencia de Manexo de Emerxencias e Desastres no Caribe de CARICOM e o Estado Maior da Defensa Civil de Cuba”, dixo.