- A presidenta e o vicepresidente da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade da Eurocámara parabeniza a iniciativa impulsada polo Concello de Santiago
- A eurodeputada Lídia Senra reclama, acompañada de medio cento de representantes municipais e provincias galegos, tolerancia cero coas agresións machistas en todos os ámbitos, incluídas as institucións
Bruxelas, 7 de novembro de 2017. O Parlamento Europeo tinguiuse este martes de loito acollendo a campaña galega En Negro contra as Violencias Machistas. A delegación integrada por medio cento de representantes municipais e provinciais galegos que chegou o luns pola tarde a Bruxelas, encabezada pola concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois, e acompañada pola eurodeputada Lídia Senra, protagonizou esta mañá na explanada dianteira da Eurocámara unha acción de visibilización co obxectivo de chamar a atención para que a loita contra a violencia de xénero se incorpore como unha prioridade real na axenda política europea. A ela sumáronse eurodeputados e eurodeputadas de diferentes países, que en apoio á iniciativa galega vestiron a camiseta negra da campaña e presenciaron unha performance artística que cubriu de negro a praza da capital belga Solidarmosc 1980.
Previamente, a delegación galega reuniuse a primeira hora da mañá de hoxe coa presidenta e o vicepresidente da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero (FEMM) do Parlamento Europeo, a lituana socialista Vilija Blinkeviciute e o portugués membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Joao Pimenta Lopes, respectivamente. Á xuntanza tamén asistiron ademais da propia Lídia Senra, que exerceu de infitrioa, o eurodeputado socialista galego José Blanco e a eurodeputada asturiana, membro do GUE/NGL, Ángela Vallina. Todos eles parabenizaron á concelleira compostelá por impulsar a campaña En Negro contra as Violencias Machistas, que a día de hoxe conta xa con máis de 70 concellos adheridos e case 3.000 establecementos que secundan a iniciativa, e cualificaron de moi importante e un bo exemplo na loita contra esta lacra o Pacto Social Municipal galego contra as Violencias Machistas que presentou Marta Lois.
Lídia Senra chamou a ter tolerancia cero coa violencia machista en todos os ámbitos, incluídos nas institucións, “xa sexan compañeiros de escano ou de partido os que a exerzan”. “É un escándalo os casos de acoso sexual que se están denunciando dentro do propio Parlamento Europeo”, dixo, e lembrou a resolución aprobada hai unhas semanas no pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo, que reclama que a Comisión Europea presente unha proposta de Directiva contra a violencia de xénero. “Temos que tomar boa nota da campaña galega En Negro contra as Violencias Machistas, todo un exemplo de cooperación e unión fronte ao machismo”, defendeu Senra, para asegurar que “desde o meu papel como eurodeputada continuarei a facer todo o posible para que a loita contra a violencia machista estea na axenda europea diaria”.
A presidenta da Comisión de FEMM Vilija Blinkeviciute destacou o importante papel que realiza a política municipal na loita contra as violencias machistas e tomou nota da campaña galega para seguir traballando dentro da institución europea pola erradicación deste problema. O vicepresidente, o portugués Joao Pimenta, considerou ben interesante usar o plural para referirse a todas as violencias machistas que se dán hoxe en día. Neste sentido, reclamou o fin da violencia sexual, doméstica, e no ámbito laboral. “A igual traballo, igual salario, sexan home ou muller quen o desempeñe”, reclamou, e defendeu unha ruptura de fondo das políticas que imperan hoxe en día na UE para camiñar cara ao fin da violencia machista na sociedade e cara á total emancipación da muller.
Pola súa banda, Ángela Vallina pediu que o poder xudicial “se poña as pilas” para evitar o nesgo machista co que moitas veces se trata ás vítimas de malos tratos; e José Blanco chamou a continuar a facer traballo conxunto, como ben impulsando a campaña galega, para lograr o obxectivo de igualdade plena.
Segundo os datos da última Macroenquista de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un 13% das mulleres residentes no Estado español de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella; un 26% violencia psicolóxica de control como celos, control de horarios e actividades; e un 20% violencia psicolóxica emocional como insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc. Desde 2003 até maio do 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machista na Galiza e 780 no Estado español.