- A Comisión Europea informa á eurodeputada Lídia Senra de que está vixiando a situación e non descarta adoptar accións de emerxencia para facerlle fronte á couza guatemalteca
- A europarlamentaria galega tacha de “grave” a propagación da Tecia Solanivora e reclama de todas as Administracións, incluída a Consellería de Medio Rural, medidas rigorosas
Bruxelas, 28 de xuño de 2017. A preocupante situación derivada da estensión da Tecia Solanivora, máis coñecida como ‘couza guatemalteca’ ou ‘praga da pataca’, chegou á Comisión Europea (CE). As eurodeputadas Lídia Senra e Ángela Vallina, ambas integradas no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), rexistraron en abril en Bruxelas un escrito dirixido á CE no que denunciaban que as medidas adoptadas polo Goberno do Estado español nos últimos anos non conseguiron evitar que a praga mencionada, -que apareceu por primeira vez no Estado español nas Illas Canarias no ano 1999-, se estea a estender agora pola Galiza e tamén por Asturias. Senra e Vallina pedíanlle á CE que fixera unha valoración ao respecto desta situación, tendo en conta que a Tecia Solanivora é un organismo nocivo que está regulado na Unión Europea como organismo de cuarentena. A Comisión Europea agora ven de dar contestación a Lídia Senra e Ángela Vallina e faino ademais de forma tallante: “A Comisión levou a cabo unha inspección en España a fin de avaliar a situación e a eficacia dos controis oficiais de loita contra a Tecia solanivora na Galiza e Asturias. (…) Os resultados da inspección poñen de manifesto que as medidas adoptadas dificilmente lograrán erradicar a praga”, só poderán servir para “conter a súa propagación natural”.
A Comisión Europea explica que desde o 2016 está a vixiar de preto a situación, “en particular, o éxito das medidas e a evolución da praga” e que “en función dos resultados, a CE, en consulta cos Estados membros, podería considerar a adopción de medidas de emerxencia da UE” para frear a estensión da couza guatemalteca.
Ante esta contestación, Lídia Senra considera que “a Comisión Europea debería poñer en marcha, desde xa, medidas para previr a aparición de novas pragas e enfermidades, poñendo límite á circulación masiva de produtos e facendo controis exhaustivos dos produtos de importación, vixiando para que se aplique a lexislación rigorosamente e priorizando os intereses das e dos labregos antes que o negocio do comercio”. “Onte foi a Xylella fastidiosa na oliveira, hoxe é a couza guatemalteca na pataca e mañá será o Black spot nos cítricos; só por poñer algúns exemplos significativos”, defende a eurodeputada galega, que tamén considera que a UE debería destinar unha partida orzamentaria á investigación para combater as pragas de maneira respectuosa co ambiente e sen poñer en perigo nin ás árbores ,(como no caso da Xylella), nin o cultivo, como está sucedendo coa pataca.
A parlamentaria insiste, centrada na couza guatemalteca, en que segundo a normativa europea, o Goberno do Estado español está obrigado, seguindo a Directiva 2000/29/CE, a “tomar as medidas necesarias para erradicar a praga ou, se a erradicación xa non fora posible, para contela”. Non obstante, lonxe de lograr isto e a maiores da súa presenza nas Canarias, no 2015 identificouse couza guatemalteca no concello galego de Neda e actualmente xa se estende por como mínimo 31 concellos galegos e 7 asturianos.
Lídia Senra considera que é “grave” a “incompetencia” que está a manifestar tanto o Goberno estatal como a Xunta á hora de abordar medidas para afrontar esta praga e pide que se actúe con responsabilidade desde as Administracións públicas para frear a estensión da couza da pataca, e se non fora posíbel combatela, para convivir con ela sen poñer en perigo o futuro dunha parte moi importante do sector agrario galego e permitir que se siga sementando pataca, tanto para a venda a pequena escala e en mercados locais como para o autoconsumo. Neste sentido, e tendo en conta que a Consellería de Medio Rural ven de anunciar que neste mes de xullo comezará o proceso indemnizatorio para as labregas e labregos afectados pola praga, Senra reclama que as medidas vaian máis alá de subvencións; que haxa rigor na implementación das medidas e que se aborden as actuacións necesarias para permitir sementar para venda a pequena escala e para o autoconsumo nas zonas afectadas na próxima campaña.
A Consellería de Medio Rural convocou para este próximo venres a constitución da comisión de seguemento da praga da couza guatemalteca co fin de analizar a situación actual e os resultados obtidos da campaña de recollida da pataca afectada, así como as accións informativas, tal e como aprobou o Parlamento galego o pasado mes de marzo. A Comisión estará integrada por técnicos da Consellería, representantes da Indicación Xeográfica Protegida (IXP) Pataca de Galicia, do Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). “Boto de menos que nesa Comisión non estean convidados a participar e estar presentes os sindicatos agrarios, que son os que de primeira man deberían tamén amosar a súa opinión como principais afectados”, dixo Senra.
Na Galiza, foron declaradas más de 8.000 parcelas de 6.520 propietarios afectadas, ademais de 15 almacens. Neste tempo, a Consellería asegura que recolleu e chegou a destruir preto de 300 toneladas de pataca de particulares, dos que máis de 200 toneladas corresponde a tubérculos de municipios da provincia de Lugo e preto de 100 á Coruña.