- A eurodeputada acolle con indignación as explicacións dadas por Alberto López-Asenjo no Senado a favor da acuicultura industrial
- Reclámalle ao Estado que non apoie “os cebadoiros de peixe” e lexisle para que o crecemento azul non poña en perigo o recurso natural
Santiago, 12 de xuño de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), amosou este luns a súa indignación ante a intención do Goberno estatal español de tratar a acuicultura como unha “prioridade” para este ano. A europarlamentaria, que leva toda a lexislatura loitando na defensa dos intereses da pesca artesanal, asegurou hoxe que “non podemos máis que condenar que a prioridade do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para abastecer o consumo de peixe sexa seguir contribuíndo a facer das nosas rías auténticas cloacas e converter as comarcas que dependen da pesca en auténticos desertos”.
Senra reacciona así despois de que o secretario xeral de Pesca, Alberto López-Asenjo, comparecera a semana pasada na Comisión de Orzamentos do Senado para dar conta dos plans do seu departamento para este 2017. “Tal e como recolleron varios medios, o secretario xeral afirmou que “a acuicultura é unha prioridade” e que será o “eixo vertebrador” do sector. “Tamén dixo que temos que cubrir as necesidades do consumo de pescado e que a acuicultura de España está para iso”, engadiu Senra, para quen estas intencións son “intolerables desde o punto de vista dunha economía e medio ambiente sostible”.
Lídia Senra denunciou que un dos obxectivos da Política Pesqueira Común (PPC) é “o desenvolvemento da acuicultura en beneficio das grandes empresas do sector”. “Esta é tamén a prioridade do Ministerio ao igual que a da Xunta de Galicia, manifestada xa naquel proxecto de Lei de Acuicultura que o Goberno galego tivo que retirar debido ás fortes mobilizacións en contra que se deron”, lembrou a deputada. Así, Senra advertiu de que “o modelo de acuicultura que o Ministerio pretende desenvolver non é mais que o modelo industrial de cebo de peixe que ocupará as nosas rías, desprazando aos nosos pescadores e pescadoras; destruirá postos de traballo directos e indirectos (moitos máis dos que vai crear); e os produtos utilizados como os medicamentos, entre eles antibióticos, os restos dos alimentos ou os excrementos dos peixes van incrementar moi fortemente a contaminación das rías, con malas consecuencias para a supervivencia dos peixes e os mariscos”.
A europarlamentaria explicou que “non concordamos en absoluto en que a vía para cubrir as necesidades do consumo sexa o cebo industrial de peixes“. Así, criticou que “se pretenda manter como prioridade un modelo de pesca industrial orientado non a pescar para as necesidades alimentares da poboación, senón a xerar descartes que despois serán desembarcados obrigatoriamente para seren destinados como materia prima barata para a elaboración de fariñas para a industria da acuicultura”. Outro sector beneficiado serán tamén os laboratorios que fornecerán os antibióticos e outros produtos imprescindibles neste modelo de produción industrial e intensivo”, dixo.
Fronte a iso, asegurou que “se de verdade o Ministerio quere vertebrar o sector, asegurar a sustentabilidade pesqueira e impulsar a política social como di o secretario xeral de Pesca, ten que abandonar a acuicultura industrial e orientar a política pesqueira ás necesidades alimentarias da poboación e non á potenciar a gran pesca industrial para beneficio exclusivo dun reducido número de grandes empresas“.
Así, chamou ao Ministerio a orientar as súas políticas con carácter inmediato a priorizar e potenciar a pesca artesanal, a de baixura e o marisqueo. Tamén a abordar inmediatamente un reparto xusto do dereito a pescar, que non discrimine a pesca artesanal e a pequena escala, e tampouco a uns pescadores con respecto a outros, como sucede na actualidade coa xarda entre provincias (onde os barcos de Pontevedra traballaron 7 días, os da Coruña 14 e os de Lugo 17). Ademais, Senra considera fundamental acometer a limpeza e rexeneración da rías e non apoiar, nin consentir que o desenvolvemento do chamado “crecemento azul” poña en perigo os recursos pesqueiros.