AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

A europarlamentaria Lídia Senra apoia a loita por unha xustiza adaptada á infancia

7 Xuño, 2017 AGAMME, dereitos, Fight4 Child, GUE/NGL, infancia, Lidia Senra, Parlamento Europeo, violencia, xustiza
  • A eurodeputada impulsou unha xornada en Bruxelas sobre os dereitos dos e das menores de idade vítimas de abusos sexuais e maltrato 
  • Colectivos especializados demandan que se cumpran as directrices do Consello de Europa sobre unha xustiza adaptada á infancia 

Participantes na xornada sobre una xustiza adaptada á infancia

 

Bruxelas, 7 de xuño de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acolleu onte no Parlamento Europeo a xornada de traballo “Unha xustiza adaptada á infancia: A consideración da voz das vítimas menores de idade”, un encontro organizado en colaboración coa Asociación Galega contra o Maltrato a menores (AGAMME) e a Rede Internacional para os dereitos da infancia (Fight4 Child) e que contou coa presenza de persoas especializadas no tratamento de nenos e nenas que se ven inmersos en procesos xudiciais por casos de abusos sexuais e malos tratos.

Durante o encontro formuláronse unha serie de demandas que se presentarán proximamente ante UE co obxectivo de que sirvan de base para unha futura normativa comunitaria destinada a facer valer os dereitos dos menores nestes procesos a miúdo traumáticos debido a malas prácticas, falta de formación e nesgos machistas nos operadores xudiciais. No máis inmediato, estes colectivos pedirán que se cumpran as directrices aprobadas en 2010 polo Consello de Europa sobre unha xustiza adaptada á infancia, que sexan obrigatorias nos Estados membros e que se doten de orzamentos adecuados para poder facelas valer.

“Apoiamos que prevaleza a crenza no testemuño dos nenos e nenas nos procesos xudiciais, que se respecte o seu dereito a ser debidamente escoitados e informados e que se aposte pola formación dos profesionais da xustiza para evitar, entre outros problemas, que se podan usar nas probas periciais enfermidades cientificamente cuestionadas, como o Síndrome de Alienación Parental (SAP) ou que se lle impoñan ao menor medidas coercitivas e contra a súa vontade que provocan unha dobre vitimización”, sinalou a eurodeputada durante o encontro, no que participaron Víctor Manuel López Casal, avogado e vogal da área xurídica de AGAMMe, Sonia Vaccaro, psicóloga clínica e forensa e vicepresidenta de Fiht4 Child, Graciela Dora Jofré, xuíza de paz letrada de Villa Gesell, en Bos Aires, e María Elena Elverdin, presidenta da Federación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas.

Todos eles denunciaron a invisibilización dos abusos sexuais dentro da familia, o tratamento pouco axeitado que reciben os cativos e cativas ante unha xustiza penal e civil que os atende, na práctica, como “adultos en miniatura” ou “incapaces”, que non adapta a súa linguaxe á recollida de testemuños infantís e aos seus tempos ou que incide no risco de “denuncias falsas” malia que estas son “anecdóticas”. “Non pode ser que o mesmo psicólogo ou psicóloga avalíe do mesmo xeito a unha parella que se está divorciando, a un ancián ou a un menor que sufre abusos”, lamentou a vicepresidenta de Fight4 Child ,Sonia Vaccaro, que insistiu na importancia da formación e o enfoque de xénero na recollida de testemuños infantís. “O abuso infantil é un delito con altos niveis de impunidade. Os delitos deste tipo acaban pechados nun 63% na fase de instrución”, apuntou o avogado Víctor Manuel López Casal.

Ademais, os participantes reclaman que as custodias compartidas e as restitucións internacionais non se apliquen cando haxa de por medio denuncias por abusos sexuais e maltrato. “Na práctica estase a considerar ao neno ou nena como cidadán de segunda categoría. O adulto colócase na posición do que sabe que é o mellor para o menor e iso leva a situacións que nunca se darían cun adulto”, criticou, pola súa parte, a xuíza arxentina Graciela Jofré. “Un pai violento nunca é un bo pai”, recalcou María Elena Elverdin, presidenta da Federación Internacional de Mulleres e Carreiras Xurídicas.

O documento co que Fight4 Child e AGAMME se dirixirán á UE demandará tamén a creación dun instituto de formación a nivel comunitario de xuíces, fiscais e demais operadores xudiciais baseado nun enfoque de xénero e que sirva para garantir que os profesionais que tratan os casos de abusos infantís teñan os coñecementos necesarios para levalos a termo respectando os dereitos do menor.

Lídia Senra destacou a importancia de concienciar á opinión pública sobre a protección da infancia ante estes procesos xudiciais, á espera dos resultados da investigación da Comisión Europea sobre a transposición deficiente por parte do Estado español das directivas da UE sobre nenos e nenas vítimas de violencia machista e abusos logo da denuncia de AGAMME ante a comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

A xuíza arxentina Graciela Jofré durante a xornada de traballo

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies