- O Grupo leu unha declaración na que solicita unha reunión formal cos embaixadores dos Estados francés e español ante a UE
- Insiste na necesidade de que os Gobernos español e francés non poñan obstáculos a este proceso como xa teñen feito con anterioridade
Bruxelas, 29 de marzo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), participou esta mañá no Parlamento Europeo, en Bruxelas, nunha rolda de prensa do Grupo de Amizade co País Vasco, do que é membro, para saudar o anuncio do desarmamento de ETA e solicitar aos gobernos español e francés que faciliten o éxito do proceso. No acto participaron, ademais de Senra, a eurodeputada Martina Anderson (Sinn Fein), Mark Demesmaeker (ECR)e Josep Maria Terricabras (ERC).
TEXTO ÍNTEGRO DA DECLARACIÓN QUE SE LEU NA ROLDA DE PRENSA HOXE POLA MAÑÁ NO PARLAMENTO EUROPEO:
O Grupo de Amizade co País Vasco acolle con satisfacción o anuncio do desarme de ETA e pide aos Gobernos español e francés que permitan o éxito do proceso.
O Grupo de Amizade co País Vasco acolle con agrado as novidades dos grupos da sociedade civil vasca implicados no desenvolvemento dun proceso de desarmamento en Euskadi que ETA confiou á sociedade civil a responsabilidade de supervisar o desarmamento do seu arsenal e que na tarde do 8 de abril culminará co seu completo desarmamento.
Esta noticia foi aceptada como xenuína polas principais partes interesadas no País Vasco e as institucións vascas, tanto do norte como do sur, e a sociedade civil amosou o seu apoio ao proceso, que incluirá a verificación internacional para garantir que as armas non se utilicen.
Consideramos que o anuncio é unha moi boa noticia, sobre a base da declaración realizada en 2011, dous días despois da conferencia de paz de Aiete, que puxo fin á campaña armada. Este novo paso demostra o compromiso das forzas independentistas vascas e da sociedade civil vasca e queremos recoñecer o traballo que fixeron para que isto sexa posible.
Esperamos sinceramente que o Goberno español e o Goberno francés aproveiten esta oportunidade e non a obstaculicen, como en ocasións anteriores. Apelamos especialmente ao Goberno francés.
Este anuncio é tamén unha boa noticia para a seguridade, a paz e a democracia da UE, polo que pedimos ás institucións da Unión Europea que apoien este proceso na medida do posible.
Con este propósito, solicitamos unha reunión formal co Embaixador e Representante Permanente de Francia na Unión Europea, Sr. Nicolas Suran, e o Embaixador e Representante do Estado Español na Unión Europea, Sr. Pablo García-Berdoy, para dar a coñecer a nosa posición e o noso compromiso de apoiar o proceso de desarmamento, como un paso vital cara a unha paz completa e duradeira no País Vasco.