- Denuncia que a Comisión Europea e a Xunta non están a ser serias e rigorosas na súa responsabilidade de velar pola saúde da poboación
- A eurodeputada critica que o organismo comunitario fai a vista gorda ante o procedemento cheo de eivas da Administración galega
Santiago,10 xaneiro 2017. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), considera que a Comisión Europea (CE), “en lugar de exercer a súa responsabilidade e velar pola saúde da poboación e pola protección do medio ambiente”, está a actuar “como unha verdadeira cómplice do mal facer do goberno da Xunta de Galiza, unha vez que tanto o ente comunitario como o galego están a ser controlados polas mesmas forzas políticas neoliberais”. Senra reacciona así despois de coñecer hoxe mesmo a “aberrante contestación por escrito” que a CE dá á pregunta que lle formulara a mediados do pasado outubro sobre a ausencia de informe de risco para a saúde humana e impacto sobre a poboación e medidas correctoras do proxecto de macrovertedoiro de residuos de Lousame.
Senra cualifica de “vergoñento” que a CE diga que, “unha vez consultada a situación coa Xunta de Galiza”, está en condicións de asegurar que “o procedemento se axusta aos requisitos establecidos na Directiva 2011/92/UE do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente”. “Dicir iso é non ser nin serias nin rigorosas; esta resposta pon de manifesto como o impacto de avaliación ambiental é tomado como un mero trámite para lavarse a cara, tentando enganar a unha sociedade cada vez máis preocupada polo impacto ambiental do actual modelo de desenvolvemento”, afirma a eurodeputada.
E é que a citada Directiva, no seu artigo 3, recolle que “a avaliación do impacto ambiental identificará, describirá e avaliará de forma apropiada, en función de cada caso particular, os efectos directos e indirectos dun proxecto nos seguintes factores: a) o ser humano, a fauna e a flora; b) o chan, a auga, o aire, o clima e a paisaxe; c) os bens materiais e o patrimonio cultural; d) a interacción entre os factores contemplados nas letras a), b) e c)”. Non obstante, tal e como denunciou Lídia Senra no pasado outubro ante a CE, a realidade é que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta lle reclamou no pasado mes de agosto á Consellería de Sanidade que elaborase un informe sobre o posible risco para a saúde humana do proxecto de vertedoiro de Lousame e os impactos sobre a poboación e medidas correctoras para a súa protección. Aproximadamente un mes despois, a finais de setembro, a Consellería de Sanidade emitiu un informe de escasamente media folla, no que obvia totalmente o solicitado e se limita a recoller que a auga de abastecemento das instalacións empresariais do macrovertedoiro deberá ser apta para o consumo humano e que a auga quente dos baños dos vestiarios do persoal deberá cumprir os criterios hixiénico-sanitarios.
“Iso non é un informe sobre a repercusión que pode ter para a saúde da poboación de Lousame o macrovertedoiro con capacidade para 770.000 toneladas de residuos industriais e perigosos que pretenden instalar na aldea do Mirón”. “Dicir que as duchas dos traballadores e traballadores das futuras instalacións terán auga quente non é avaliar como pode afectar á saúde das persoas que viven na comarca e que van padecer directamente vertidos, cheiros e demais, como sempre pasa nestes macrovertedoiros”, defende Lídia Senra. “Chegado este punto, entendo como proxectos que a todas luces van contra o medio ambiente e contra as propias persoas saen adiante sen problema. Non pode ser que quen nos goberna peche a vista e prefira deixar a nosa terra en mans do capitalismo antes que protexer a saúde das persoas”, zanxou a eurodeputada, para asegurar que, malia esta situación, seguirá loitando e dando a batalla para denunciar este caso e moitos outros similares. “Volveremos insistir na pregunta até que o Comisario Sr. Vella responda ao que realmente lle preguntamos”, anunciou a europarlamentaria galega.