- A presidenta da Agrupación da Confraría de San Telmo de Pontevedra explica no Parlamento Europeo, convidada por Lídia Senra, o papel das mulleres na pesca
- O 36 por cento do persoal que se adica actualmente á actividade pesqueira en Galiza é feminino
Bruxelas, 8 setembro 2016. As traballadoras do mar galegas tiveron este xoves voz no Parlamento Europeo e aproveitaron a oportunidade para esixir en Bruxelas medidas que melloren a súa actual situación. Foi no marco da xornada “Defensa e protección da pesca artesanal e de pequena escala”, que hoxe remata despois de dous días de debate e análises, e que estivo organizado polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), no que xunto con representantes irlandeses e portugueses a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, exerceu de coordinadora do evento internacional.
Lídia Senra destacou a importancia de visibilizar o papel das mulleres na pesca, un colectivo que a cotío é silenciado, e valorou moi positivamente o desenvolvemento deste foro e a voz feminina no mesmo para poder reivindicar directamente a súa situación.
Nunha mesa a primeira hora da mañá deste xoves na que tamén estivo como relatora Lia Ní hAodha, investigadora da Universidade Metropolitana de Manchester, e que moderou a propia Lídia Senra e Liadh ní Riada, eurodeputada do Sinn Féin, Ángela García Torres, presidenta da Agrupación de Mariscadoras da Confraría de San Telmo de Pontevedra reclamou unha serie de medidas encamiñadas a lograr a vida digna e a saúde das mariñeiras. Así, demandou a necesidade de que se aseguren as axudas ás mulleres concedéndolles os subsidios por desemprego en caso de interrupción da actividade; que aumente o coeficiente redutor para a xubilación das traballadoras do mar debido á dureza e penosidade das condicións laborais; que se melloren as condicións da contorna do traballo, modernizando infraestruturas, maquinaria e equipamentos; ou que se recoñezan as enfermidades profesionais. “É necesario que os Estados membros da UE regulen e recoñezan como enfermidades profesionais as lesións nas articulacións, a columna vertebral e as doenzas reumáticas provocadas polas duras condicións meteorolóxiccas nas que traballamos, así como as enfermidades derivadas polo levantamento de pesos excesivos”, exclamou García Torres.
Facilitar o acceso das mulleres, especialmente das máis novas, o acceso á formación específica, que se garanta o relevo xeracional, que se remodele a frota e se ofrezan bolsas para a formación en materia de seguridade e que se tomen medidas para un maior control e vixilancia do intrusismo profesional e o furtivismo foron outras das cuestións demandadas.
Na xornada, -para a que se desprazaron a Bruxelas case unha vintena de mulleres e homes do sector pesqueiro galego que durante dous días estiveron participando do debate no Parlamento Europeo-, Ángela García Torres explicou ás eurodeputadas e eurodeputados de varios países presentes no evento que para comprender a relevancia da presenza feminina na pesca é necesario ter en conta que en Galiza o 36% do persoal adicado á actividade pesqueira é feminino. Dentro da pesca e centrándose só na actividade marisqueira galega, da que dependen os ingresos de máis de 3.800 persoas no noso país, o 82% son mulleres. Tamén nas empresas de procesado e conserveiras galegas a presenza de mulleres é moi destacada e segundo denunciou Ángela García, o seu salario medio só acada os 830 euros ao mes. Mención especial recibiron tamén as redeiras por traballar nun contexto de gran competencia debido ao intrusismo laboral; as percebeiras e pescadoras de artes menores ou de marisqueo a flote, que son un número moi reducido; as pescadeiras, que realizan xornadas laborais de máis de 9 horas diarias, sendo o colectivo coa xornada máis longa; e as bateeiras.
Na actualidade, o 29% das afiliadas ás Confrarías de Pescadores de Galiza son mulleres; hai 14 patroas maiores; o dobre de vicepresidentas; case 200 vogais nas xuntas xerais dos 63 pósitos galegos son mulleres; e no máximo órgano de goberno da Federación Galega de Confrarías o 24% dos representantes son mulleres. “Avanzamos moito, pero aínda queda moito máis por facer. É necesario seguir fomentando a promoción da muller no mercado laboral, potenciar o emprendemento feminino, mellorar as nosas condicións laborais e calidade de vida e impulsar a non discriminación”, reclamou no Parlamento Europeo a pontevedresa.
Ángela García pediu que se fomente e apoie economicamente o asociacionismo entre as mulleres mediante redes de mulleres a escala galega, estatal e europea para aumentar a visibilidade do seu papel no sector da pesca e sensibilizar á sociedade e facilitar o intercambio de experiencias. “Cremos que a maior participación das mulleres nos procesos de toma de decisións contribuiría a unha mellora do sector”, asegurou a mariscadora, quen reclamou buscar opcións que posibiliten o incremento dos ingresos das traballadoras do mar, incluída unha suba dos prezos de venda dos produtos, mellora dos salarios das traballadoras por conta allea e do prezo polo seu traballo.