- A eurodeputada Lídia Senra organiza este evento, que será o sábado 8 de xullo na Casa das Campás, en colaboración con varias asociacións
- Aberto a todos os públicos, sen necesidade de inscrición previa, reunirá a expertos en solos agrogandeiros e forestais, recursos hidrolóxicos e patrimonio termal e arqueolóxico
Pontevedra, 29 de xuño de 2017. A cidade de Pontevedra acollerá o sábado 8 de xullo unha xornada de análise sobre como lograr “A xestión sustentábel do territorio: Debate para avanzar na Galiza e en Europa”. O evento, que estará aberto á asistencia de todas as persoas que o desexen, sen necesidade de inscrición previa, está organizado pola eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL),en colaboración coas asociacións Anova Terra, Irmandade Illa de Tambo, Colectivo pola Defensa do Patrimonio A Forneiriña, Umia Vivo e Plataforma pola Defensa do Patrimonio Termal. A xornada desenvolverase a partir das 10:00 horas da mañá na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9, Pontevedra), e prolongarase até as 19:30 horas da tarde, con varios coloquios.
O obxectivo, en palabras da propia Senra, é “reflexionar sobre a falta de respecto cara ao territorio que está a amosar a Administración galega e a estatal e o desleixo e incluso ataques que está a sofrer o patrimonio arqueolóxico e cultural, os solos agrogandeiros e as augas termais e recursos hidrolóxicos da Galiza”. “A conservación e xestión sustentábel do territorio debe ser unha prioridade na Galiza e en toda a Unión Europea e para iso fai falta poñer enriba da mesa con claridade os problemas que hai a día de hoxe nesta materia, debatelos e buscar alternativas e solucións de futuro”, dixo a parlamentaria.
A xornada arrancará pola mañá cun relatorio de Pedro Mota e Costa, chegado de Portugal, docente de Ensino Superior e asesor de Xestión Autárquica e Finanzas Locais, que versará sobre a “Promoción da sustentabilidade local a través de discriminación financeira positiva” e falará do caso luso. A continuación, Eduardo José Corbelle Rico, enxeñeiro de Montes e profesor universitario de Enxeñaría Agroforestal no Campus de Lugo; e unha representante do Sindicato Labrego Galego (SLG), falarán sobre “O despoboamento do rural: Un problema europeo a afrontar. Alternativas para a xestión do solo para usos agrogandeiros e forestais”.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas terá lugar unha mesa sobre “A xestión dos recursos hidrolóxicos. O aproveitamento enerxético dos caudais e os dereitos públicos e veciñais sobre as augas e o patrimonio termal”, a cargo de Heitor Picallo Fuentes, enxeñeiro e investigador, membro da Plataforma pola Recuperación do Patrimonio Termal de Cuntis e Caldas de Reis; e Telma Lago Rodríguez, da Cooperativa Nosa Enerxía. E para rematar, pechará a xornada un coloquio sobre “Ameazas que afectan ao patrimonio cultural arqueolóxico. Propostas fronte ao esquecemento”, con Antonio Costa, presidente da Asociación Irmandade Illa de Tambo; e Xesús Rodríguez Castro, presidente da Asociación Umia Vivo.