- O sábado 21 de maio, de 10:00 a 19.30hrs. na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (Praza Mazarelos)
- Ca participación, entre outras, de É. Toussaint, I. Fresnillo, J. Tafalla, E. Duro, Miguel Quinteiro, A. Sánchez, R. Franquesa e María Luisa Lores
Compostela, 13 Maio 2016. O vindeiro sábado 21 de maio o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), no que Alternativa Galega de Esquerda en Europa está integrada, desenvolverá na Facultade de Filosofía da USC (Compostela) unha xornada aberta de debate baixo o título “Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”[1].
A apertura da mesma [10.00hrs.] virá da man do economista e voceiro do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento Galego, Xosé Manuel Beiras, e a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quen impulsou a realización desta xornada co obxectivo de “debater e analizar colectivamente respostas á estafa financieira que nos están obrigando a pagar a toda a sociedade a base de secuestrar os nosos dereitos humanos e sociais e destruír os servizos públicos”.
Éric Toussaint, fundador e voceiro da rede internacional do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (CADTM), encetará as xornadas abordando “A auditoría da débeda pública na U.E. A diferencia entre legalidade e lexitimidade” [10.30hrs.]. Esta primeira mesa será moderada por David Rodríguez, autor do blogue O Funambulista Coxo.
Seguidamente Iolanda Fresnillo -integrante do espazo de estudos e consultoría en economía política Cooperativa eKona e da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda-; Joan Tafalla – integrante da Plataforma Saír do Euro e membro da European Reserch Network on Social and Economic Policies– e a economista galega Esther Duro -integrante de ANOVA-IN-, debullarán “A composición da débeda pública do Estado español e da Galiza. Canto, como, por que e a quen?” [12.30hrs.]. A coordenación deste espazo será a a cargo de Mar Blanco Casais, voceira de Móvete -Movemento Veciñal Estradense e concelleira na Estrada.
Con introdución e moderación de Xoán Carlos Carreira Pérez -profesor titular da Universidade de Santiago e Doutor Enxeñeiro Agrónomo-, a quenda de tarde abrirá cunha análise sobre a “Imposición do memorando da UE no Estado Español” da man de Ramón Franquesa -profesor de Economía Mundial na Facultade de Economía e Empresa da Universidade de Barcelona, experto en recursos renovábeis e economía social- [16.30hrs.].
A xornada rematará ca mesa de análise colectiva “A débeda e a desaparición da banca pública no día a día dos pobos. Impacto nos orzamentos das institucións galegas (Xunta e Concellos) e na prestación dos servizos públicos” [18.00hrs.]. Este espazo será desenvolvido por Miguel Quinteiro –activista político e social integrante da cooperativa de consumo consciente Árbore e da asociación de consumidores/as Acouga-; Antón Sánchez –deputado no Parlamento Galego dentro do Grupo da Alternativa Galega de Esquerda (AGE)- e María Luisa Lores Aguín -integrante da Asociación Galega Para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e coautora dos libros “A saúde como negocio” e “A comercialización da Saúde”-. A Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde de Santiago de Compostela Concha Fernández levará adiante a introdución e moderación deste último espazo da xornada.