AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Vigo converterase a próxima semana en cita internacional de denuncia da privatización sanitaria

22 Outubro, 2016 AGEe, FADSP, Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, GUE/NGL, Lidia Senra, Manuel Martín, privatización sanitaria, SOS Sanidade Pública
  • Unha xornada aberta ao público reunirá o venres e sábado na cidade olívica a unha vintena de ponentes para tecer alianzas de loita común 
  • Lídia Senra, que exercerá de anfitrioa e organizadora do evento, denuncia o negocio de entregarlle os servizos públicos a multinacionais

 lidia-senra-e-manuel-martin-na-rolda-de-prensa

Santiago, 22 outubro 2016. A cidade de Vigo converterase os próximos venres e sábado, 28 e 29 de outubro, en lugar de acollida dunha cita de carácter internacional para o debate sobre a situación de privatización do actual sistema sanitario galego, estatal e europeo. Así o anunciou hoxe Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), e Manuel Martín, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, que protagonizaron unha rolda de prensa na capital galega para dar conta deste importante evento que se vai desenvolver a vindeira semana no concello olívico.

Baixo o título “A privatización da sanidade na Unión Europea”, as xornadas –que estarán abertas ao público sen necesidade de inscrición previa-, están organizadas polo propio GUE/NGL e AGEe, en colaboración coa AGDSP (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo. Para a cita, -que se desenvolverá no Hotel Ciudad de Vigo– , desprazaranse unha vintena de profesionais do sector sanitario, que exercerán de ponentes, co obxectivo de analizar a Colaboración Público-Privada (CPP), poñer sobre a mesa casos doutros lugares do Estado nos que foi posible cambiar esta situación e devolver ao sistema público centros sanitarios privatizados, afondar nas carencias e mal funcionamento de hospitais CPP e realizar propostas de futuro entre os colectivos afectados. Nas xornadas, nas que a propia Lídia Senra como eurodeputada será a anfitrioa, AGEe e GUE/NGL apoiarán e fomentarán o tecido de redes entre as diferentes asociacións sanitarias que defenden un sistema público para avanzar na batalla común e consensuar tamén propostas para defender diferentes nas institucións.

Neste sentido, Lídia Senra denunciou hoxe  que “as políticas neoliberais que están avanzando en todo o mundo e as políticas de austeridade impostas pola UE coa complicidade do Estado español e da Xunta de Galiza están a poñer en perigo a Sanidade”. “A sanidade e o dereito a asistencia médica é un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. No noso caso, o artigo 135 da Constitución, que consagra o pago da débeda provocada pola decisión de socializar os desmans da banca e das grandes empresas, e o cumprimento cos obxectivos de déficit que suporán novos recortes, van afectar directamente á Sanidade”, alertou.

A eurodeputada referiuse á situación que se está a vivir en Grecia, onde as políticas de austeridade aniquilaron os centros de saúde públicos. “Temos que loitar para evitar que isto suceda aquí. É fundamental dar unha batalla con uñas e dentes para defender a sanidade pública, porque na medida en que os chamados Tratados internacionais de nova xeración avancen, será máis difícil reverter as privatizacións“, afirmou. “De feito o Tratado de Canadá (CETA), que agardamos que desencarrile definitivamente, inclúe unha cláusula de irreversibilidade para que sexa practicamente imposible que calquera Goberno de esquerdas reverta as privatizacións”, advertiu.

Así, Lídia Senra asegurou que detrás do aumento das listas de espera e dos malos servizos prestados no sistema sanitario e do recorte de dereitos asistenciais está “o negocio de beneficiar á empresa privada en detrimento da calidade do servizo”. “Moitas veces non somos conscientes de que detrás de todo isto non está simplemente a mala xestión dos servizos, como queren facernos ver, senón un negocio mediante o cal se lle está entregando ás empresas multinacionais todo o que ten que ver co sistema sanitario que debería ser público. O vínculo é directo”, dixo.

Pola súa banda, Manuel Martín fixo referencia á “dramática situación” da sanidade pública na Galiza, tendo en conta que desde o ano 2009, o orzamento sanitario recortouse un 18%. “Nestes anos elimináronse 1.800 prazas de persoal, das que 513 foron médicas e médicos”, alertou, para engadir que “a redución brutal nos recursos sanitario galegos é o que explica tamén as alarmantes listas de espera na atención sanitaria”. “Recortáronse 447 camas nos hospitais galegos entre os anos 2010 e 2014 e o desmantelamento do sistema sanitario público prosegue sen fin”, asegurou.

Denunciou que hoxe os servizos tecnolóxicos sanitarios están en mans de empresas privadas, “que deciden cantos aparatos, con que custe e en que lugar van funcionar”. “Isto é como poñer ao raposo ao coidado das galiñas”, criticou Martín. “Todos os servizos estratéxicos do Sergas foron cedidos a multinacionais, a plataforma electrónica, o teléfono da cita previa, o servizo de catering dos hospitais, a teleasistencia sanitaria, etc., e sobre todo a IBM, líder mundial en concentración de información tecnolóxica”, engadiu, para defender que moitas veces isto supón un sobrecusto. “Estamos ante unha privatización perfectamente deseñada. En Galiza, por exemplo, o Goberno non informa, non fai visible este proceso, pero a realidade é que o Sergas é unha caixa deserta na que todo o que todos os instrumentos de planificación e xestión están en mans estranxeiras, en mans de empresas multinacionais”, afondou.

O presidente da FADSP asegurou que as xornadas de Vigo da próxima semana serán “moi importantes” porque reunirán na cidade olívica a persoas de plataformas de moi diferentes lugares como poden ser Galiza, Portugal, Estado Español, Grecia ou Reino Unido que están loitando contra a privatización de hospitais públicos e contra a CPP. “Vai ser a primeira vez que no Estado español se consigue reunir a todas estas plataformas e esperamos lograr crear unha rede de plataformas estatais e europeas para enfrontarnos xuntos e xuntas á privatización e ás multinacionais e aos fondos risco. Necesitamos tecer unha alianza entre as organizacións políticas e sociais e idear estratexias conxuntas para parar este pesadelo”, exclamou.

Manuel Martín dixo confiar en que sexa posible darlle a volta á situación e que casos como a privatización do hospital de Vigo dean marcha atrás. “Sería posible facelo política e economicamente. A lei está da nosa parte”, animou, para facer un chamamento a parar os pés das Administracións que pretenden seguir a vía de eliminación do sistema público.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies