- Organizadas por Lídia Senra e MODEPEN, participarán ponentes de Irlanda, Portugal, Grecia, Francia, Finlandia, Suecia e do resto do Estado español
- A deputada exixe que os Estados garantan as pensións públicas dignas a través dos orzamentos e que a UE recúe no impulso de produtos privados
Santiago, 18 de setembro de 2018. Unhas xornadas europeas analizarán os días 28 e 29 de setembro no Palacio de Congresos de Santiago O futuro das pensións na Galiza, no Estado español e en Europa. Así o anunciaron hoxe a eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Victoria Portas, portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e integrante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), e o escritor e economista, tamén membro de MODEPEN, Xabier Pérez Davila, que ofreceron unha rolda de prensa conxunta en Compostela para dar a coñecer todos os detalles deste importante evento, no que participarán persoas referentes que teñen experiencia no traballo da defensa das pensións e do sistema público en distintos Estados, co obxectivo de poñer en común as situacións de ameaza das pensións públicas dignas polos intentos do capitalismo e neoliberalismo de enriquecerse cada vez máis a costa do erario de todos e de todas.
Na comparecencia ante a prensa desde martes, Lídia Senra reclamou que se cumpra o Artigo 25 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, que recolle que a UE recoñece e respecta o dereito das persoas maiores a levar unha vida digna e independente. “Para iso é necesario un nivel de pensións digno e iso é totalmente contrario ao que está pasando. Temos que garantir este dereito e reforzar os sitemas públicos de pensións e as pensións dignas a través dos orzamentos”, reclamou.
Así, a eurodeputada arremeteu contra o regulamento que está en negociación na UE para crear o chamado Produto Panaeuropeo de Pensións Individuais (PEPP) e que abre o camiño a favorecer o mercado dos plans de pensións privadas a iniciativa da Comisión Europea. “É terrible que a CE, o Parlamento Europeo e o Consello Europeo estean máis preocupados por favorecer os intereses das empresas privadas que se dedican ao negocio das pensións privadas, dos bancos, das aseguradoras, etc, que de impulsar o sistema público a través dos orzamentos”, dixo, e criticou que se vaia obrigar ás persoas a que ter ou non unha pensión digna vai depender dos seus aforros e do seu nivel de ingresos e economía persoal, o que aumentará aínda máis a fenda social económica que xa hai a día de hoxe. Tamén criticou que a proposta non se vaia votar no pleno do Parlamento Europeo, senón que pase a negociarse directamente desde a Comisión de Economía, o que vai en “detrimento da democracia” e lamentou que os votos non foran suficientes para frear esta situación, tal e como propuxera o GUE/NGL. Así, pediu a súa retirada e asegurou que seguirá traballando e insistindo para que non se saque adiante o chamado PEPP.
Na mesma liña, Xabier Perez Davila, que definiu os sistemas de pensións públicos como o principal instrumento de loita contra a pobreza entre as persoas maiores, explicou que o PEPP vai na dirección xa posta en marcha desde 1994 polo Banco Mundial, cando comezou a promover a privatizacion parcial do sistema de pensións públicas e a ceder espazo aos fondos privados de capitalizacion. “A CE escribe que en moitos Estados europeos as pensións públicas son insuficientes e ao ler iso un agarda que a CE propoña que se debe facer todo para reconducir esta situación e que sexan axeitadas, pero sen embargo a CE conclúe que hai que fomentar un produto financeiro privado, non público de protección social. A desvergoña da CE é tal que chega a propor que se invista este produto en derivados. A orixe da crise financeira máis importante da historia do capitalismo estivo nos produtos derivados organizados sobre as hipotecas subprime e agora, co PEPP, a CE, nunha irresponsabilidade maiúscula, propón que os traballadores invistan os seus aforros en produtos derivados”, denunciou Pérez Davila. Por iso, o economista defendeu a importancia das xornadas que terán lugar en Santiago a finais de mes para avanzar en chegar a respostas de nivel supraestatal e crear instrumentos de coordinación máis alá das fronteiras nacionais para loitar contra esta agresión internacional. “É necesario organizar a resistencia global e neste sentido van estas xornadas”.
Igualmente, Victoria Portas criticou que “a pesar de que a UE non ten competencias en Seguridade Social sobre os Estados membros, impulsa produtos como o PEPP que, por debaixo da mesa, si vai afectar a normativas de Seguridade Social sen que iso lle pase factura electoral a ningún goberno de Estado membro”. Por iso, ve interesante ter intercambios con xente de países rescatados de Europa e doutros que non o foron, para organizarse e dar unha resposta, ver que hai alternativas políticas sociais que Gobernos como o noso non están levando a cabo agora, xa que están traballando directamente para o capitalismo e neoliberalismo, privatizando todos os servizos sociais en contra dunha politica social que á clase traballadora lle custou moito conseguir no seu día . “Os recortes en Grecia provocaron que as persoas perderan o 50% da súa pensión. Iso pasou nun Estado da UE, non en países de fóra, e pasou para que poideran enriquecerse aínda máis o capitalismo e as entidades privadas”, denunciou. Portas reivindicou que outro tipo de política social é posible e que nas xornadas se poderá aprender das experiencias que están acontecendo en Portugal ou nos países nórdicos, por exemplo. Cooperación e coordinación entre Estados é fundamental para lograr uns sistema públicos de pensións digno e sostible, concluiu.
Durante os dous días que durará o congreso, haberá unha parte o venres pola mañá centrada nas experiencias dos países rescatados de Europa, na que a través de dous coloquios participarán Dimítris Stratoúlis, ex vice-ministro da Seguridade Social e membro do Secretariado Político de Unidade Popular de Grecia; María Isabel Lemos, membro da Direcção Nacional da Inter-Reformados/Confederação Geral dos Trabalhadores Portuguesses-Intersindical Nacional (CGTP-IN); e John Brady, deputado no Parlamento de Irlanda polo Sinn Féin, por unha banda. E por outra, a propia Victoria Portas, Xabier Pérez Davila e o doutor en Dereito, inspector de Traballo e Seguridade Social e profesor na Universidade de Valencia Héctor Illueca, xunto con Ramón Franquesa, profesor de Economía na Universidade de Barcelona. Xa o venres pola tarde, haberá un coloquio para abordar experiencias noutros países europeos, con Christophe Janot, secretario federal da Federación Nacional de Industrias Químicas de Francia (FNIC); Birgitta Sevejford, antiga alcaldesa do Consello do Condado de Estocolmo; e Henri Purje, asesor de política económica do grupo da Alianza de Esquerda no Parlamento de Finlandia.
Ao día seguinte, o sábado 29, haberá un relatorio de Carolina Gala Durán, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridad Social da Universidade Autónoma de Barcelona sobre “Muller, pensións e atención ás persoas dependentes”, que será introducida por Miguel Arenas, avogado laboralista, profesor colaborador na Universitat Oberta de Catalunya. E a continuación terá lugar unha charla sobre “Reparto ou capitalación”, con Miren Etxezarreta, economista, profesora da Universidade Autónoma de Barcelona.
No evento tamén parciparán a deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Vázquez Verao e a concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández.