AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Unha montaña viva precisa persoas e actividades produtivas, non servizos públicos electrónicos e a distancia

10 Maio, 2016 agricultura, áreas de alta montaña, liberalización sector lácteo, libre mercado, servizos públicos, soberanía alimentaria, sustentabilidade, zonas de montaña
Debate montanha 100516
Explicación de voto en sesión plenaria

 

  • Ao redor dun 30% do territorio da Unión Europea é zona de montaña. Todo o territorio comunitario depende dos seus servizos ecosistémicos
  • Denunciamos a pretensión de desenvolver variantes nos servizos públicos que empeoran a calidade de vida da poboación nestas zonas

 

Bruxelas, 10 Maio 2016. Ao redor dun 30% do territorio da Unión Europea está constituído por zonas de montaña, áreas que, ademais, son as principais fornecedoras de servizos ecosistémicos a todo o territorio comunitario. Este é un dos principais argumentos que está levando á UE a desenvolver unha serie textos lexislativos e iniciativas centradas nas áreas de montaña ao longo da presente lexislatura.

Neste marco, na mañá de hoxe procedeuse á votación en sesión plenaria dunha proposta de resolución do Parlamento Europeo sobre a política de cohesión nas rexións montañosas da UE. Un texto que, malia a plantexar cuestións importantes, como o recoñecemento da necesidade de apoiar a agricultura nestas áreas, presenta aspectos “tremendamente negativos” segundo alertou a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra; nomeadamente en relación aos servizos públicos e á explotación de recursos, cuestión que conlevou que AGEe votara en contra desta proposta.

Este informe “abre as portas a avalar que se substitúa a contratación de profesorado e de persoal para os servizos públicos de saúde por programas de educación a distancia e por servizos de saúde electrónicos”, criticou. “Tamén é especialmente preocupante o plantexamento, unha vez máis, do impulso a asociacións público-privadas, neste caso nos eidos das infraestruturas para o transporte, comunicación e enerxía”.

Este tipo de propostas, que eluden asumir a cuestión principal do asentamento de poboación para poder termos realmente “sociedade” que viva na montaña, “contribúen a achandar o camiño para que as montañas sigan perdendo poboación e deste xeito posibilitar que as grandes empresas da enerxía, baixo a escusa de cumprir cos obxectivos da Unión Europea en materia de enerxía renovábel, entren a saco por enriba dos intereses das persoas, do medioambiente, e da biodiversidade; e o mesmo acontecería coas empresas mineiras”, abondou a eurodeputada galega esta mañá na Eurocámara.

“É fundamental blindar nestas áreas servizos públicos de xestión pública e de calidade, ou non será posíbel manter á poboación nas montañas”, concluíu.

AGEe, ademais de participar a nivel do Parlamento Europeo no Intergrupo de Zonas Rurais, Montañosas e Remotas -que abarca parlamentarias/os de distintos grupos políticos-, dende o ano 2014 conta na Galiza cun grupo de traballo específico integrado por aproximadamente vinte persoas que viven na montaña. Este colectivo achega periodicamente as súas experiencias, é informado dos debates que está habendo en Bruxelas, e orientan as demandas políticas de Alternativa Galega de Esquerda en Europa para as áreas montañosas e a poboación que habita nelas.

Aliás, dende o ano 2015 AGEe vén convocando anualmente unha xornada específica sobre a situación das áreas montañosas e as políticas precisas para mellorar estes ecosistemas. A primeira delas, convocada en febreiro de 2015 en Becerreá, situou “As áreas de alta montaña na Unión Europea: Unha perspectiva dende a esquerda”, poñendo sobre a mesa a reivindicación principal de impulsar unha Lei Galega de Alta Montaña e normativas dentro da Unión Europea acompañadas de partidas orzamentarias.

O segundo destes encontros informativos e de debate tivo lugar a mediados do mes pasado na Pobra de Trives baixo o título “As figuras de protección medioambiental da Unión Europea en zonas de montaña”, explorando as posibilidades de promoción da montaña que estas figuras poden proporcionar.

Tamén levamos adiante iniciativas en Bruxelas. En outubro do ano 2015, unha delegación integrada por once persoas residentes en zonas de montaña da Galiza acudiron ao Parlamento Europeo a iniciativa de Senra, onde mantiveron contactos con Dermot Ryan, representante da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, e ca eurodeputada Mercedes Bresso, presidenta do nomeado Intergrupo Parlamentario de Áreas Rurais, Montañosas e Remotas. A demanda de prezos xustos na produción e o mantemento e recuperación de servizos públicos constituíron as demandas principais que achegaron á Eurocámara.

 

https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2016/05/Senra_100516_Áreas-Montanha.mp4

Intervención da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, na quenda de explicación de voto.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies